Lara Méndez presenta un catálogo pioneiro en Europa de solucións urbanísticas sostibles para combater o cambio climático

A alcaldesa de Lugo, acompañada do edil de Sustentabilidade Urbana e un dos autores do documento, deu a coñecer este martes o Catálogo GUD Lugo, enmarcado no LIFE.

O Concello de Lugo está a aplicar xa as solucións nas obras que executa e nas que desenvolve con outras administracións, como a estación Intermodal.

Os criterios LIFE tamén se están a aplicar nos planeamentos, así como por numerosas iniciativas privadas, o que supón de mellora no benestar da veciñanza.

Lara Méndez: “Será un referente en Europa, pois cada unha das solucións urbanísticas que aporta inclúe, por primeira vez, fórmulas para calcular os seus resultados”.

O documento inclúe 51 medidas para un desenvolvemento sostible aplicables a diferentes escalas de intervención urbana e exportables a outras cidades de tamaño medio.

Contará ademais cunha aplicación web, accesible a través do seguinte enlace: http://www.lugobiodinamico.eu/catalogo/gl/.

Martes, 20 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta un catálogo pioneiro en Europa de solucións urbanísticas sostibles para combater o cambio climático

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este martes o Catálogo GUD Lugo de solucións de deseño urbano sostible. Fíxoo acompañada do concelleiro de Sustentabilidade Urbana, Álvaro Santos, e do enxeñeiro, Jesús Ángel Martínez, un dos autores deste pioneiro documento. “Trátase do primeiro catálogo de medidas urbanísticas para a adaptación ao cambio climático que inclúe fórmulas para calcular a melloría que suporía a súa aplicación en termos de emisións contaminantes, consumo enerxético ou captación de C02, polo que será un referente non só en España senón tamén no ámbito europeo” explicou a rexedora.

Neste senso, Lara Méndez indicou que “o documento recolle innovadoras solucións sostibles a diferentes escalas de intervención urbana, que serán exportables a outras cidades de tamaño medio. En efecto, Europa está a valorar moi positivamente o traballo que estamos a desenvolver en Lugo a través de distintas accións como o Impulso Verde, primeiro edificio público pasivo que se constrúe con madeira 100% procedente de Galicia, o fomento da biodiversidade dos nosos bosques a través das plantación dun novo pulmón verde de 14 hectáreas entre As Gándaras e o Ceao, ou a creación do primeiro barrio Multiecolóxico de España; pois considera que son exemplos xa transferibles a outras cidades da UE”.

“Ademais, estas accións supoñen, non só pasos enormes no deseño das cidades sostibles de futuro, senón tamén unha aposta pola economía circular e polos empregos verdes, asociados ao aproveitamento sostible forestal, á construción con madeira e baixo criterios de eficiencia enerxética, así como a implantación de solucións verdes para un urbanismo sostible, que requiran de tecnoloxías beneficiosas para o medio ambiente”, engadiu.

O catálogo enmárcase no proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, cofinanciado ao 80% pola Unión Europea, a través do FEDER, e impulsado polo Goberno de Lara Méndez, na súa aposta por liderar unha revolución cara un desenvolvemento urbano sustentable. A denominación “GUD Lugo”, procede da conxunción dos termos ingleses e a súa pronuncia: wood (madeira) e good (bo), dado que paralelamente o executivo municipal está a impulsar, no marco deste proxecto, un novo modelo produtivo baseado na madeira local, sendo o forestal un sector estratéxico en Galicia.

Na elaboración deste proxecto participou un equipo multidiscilpinar composto por especialistas nas diferentes temáticas de urbanismo que aborda o catálogo. Constitúe, así mesmo, un instrumento clave que se aliña directamente cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas, así como o conxunto das axendas urbanas desenvolvidas nos últimos anos: desde Hábitat 111 ata o Pacto de Ámsterdam e o Eixo Atlántico. O documento está editado en galego, castelán e inglés, posto que a súa finalidade é converterse en referente en Galicia, España e a Unión Europea.

Aplicación do catálogo pola administración local

Lara Méndez subliñou que “desde o Concello de Lugo estamos xa a aplicar estas solucións sostibles en todas as obras que realizamos como administración local e as que desenvolvemos con outras administracións. Falamos, por exemplo, das construcións e equipamentos que executamos desde a estratexia LIFE, pero tamén desde a DUSI Muramiñae (o edificio de Benestar Social de Lamas de Prado, as Caldas ou o edificio Coliving, entre outros) ou do futuro Polideportivo municipal, e tamén aplicamos xa este criterios nos proxectos da Estación Intermodal, tanto nos edificios como na intervención urbana do paso de cidade, ou na actuación no Pazo de Dona Urraca e os seus lindeiros, que estamos a traballar coa Xunta de Galicia”

“Pero tamén cómpre destacar que as medidas estanse aplicando nas planificacións urbanísticas, como nos Plans Parciais do sector de chan Urbanizable S5I e o S14R. E destacamos o impacto en iniciativas privadas, como, por citar algunhas, o hotel en Praza de Santo Domingo, os edificios de vivendas en Recanto do Miño, Tinería e Rúa Nova, o proxecto para ampliación e reforma de naves de Tablicia e a execución do McDonalds da Avenida de Madrid”, apuntou.

51 medidas para un desenvolvemento sostible

O documento inclúe 51 solucións verdes, agrupadas por materias do seguinte xeito: xestión da auga (13) -pavimentos filtrantes, cubertas azuis, drenaxes de rúas, captación de auga nos edificios-; vexetación (9) -cinto verde, parques de peto(oasis), muros verdes urbanos,  revexetación-; accesibilidade (11) -itinerarios peonís seguros, vías ciclistas, xerarquización viaria-; urbanismo bioclimático (6) -orientación na edificación,  soleamiento espazos libres, redes de calor-; economía circular (5) -hortos urbanos, uso de materiais reciclados na urbanización, aproveitamento de  residuos-; participación cidadá (3) -naturación de espazos comunitarios, participación cidadá en procesos urbanos-; transversais (4) -integración de solucións, eficiencia enerxética, métodos de seguimento-.

En cada un dos bloques temáticos hai dous tipos de solucións:

  1. ESTRATÉXICAS. Son pasos previos a levar acabo para crear un escenario que permita aplicar o resto das solucións. Trátase de solucións, xeralmente a nivel de cidade, sen as que o resto das solucións terían un efecto limitado. En xeral non será posible cuantificar a mellora que supón a súa aplicación, xa que esta dependerá en gran medida das solucións concretas que se adopten posteriormente.
  2. CONCRETAS. Son solucións sostibles máis concretas, a diferentes niveis (cidade, barrio, rúa e edificio), que son susceptibles de aplicarse de forma individual e que na súa maioría permiten unha avaliación previa da súa influencia na mellora dos parámetros sostibles seleccionados. En cada solución indícase a que escala está destinada, aínda que algunhas poderán aplicarse a varias. Adoptáronse as seguintes escalas xerais: Cidade; Barrio; Rúa; Edificio.

Indicadores de resultados

Unha das partes máis relevantes do catálogo é a ferramenta de cálculo das repercusións das accións. Debido a que a finalidade última deste documento é obter unha melloría nos indicadores sostibles elixidos, o elemento máis importante das fichas de solucións é a definición de indicadores e as súas fórmulas de cálculo.

A maioría das solucións inclúen unha fórmula para calcular a melloría que suporía a súa aplicación en termos de emisións, consumo enerxético, captación de CO2, etc., é dicir, para cuantificar a mellora en termos de sustentabilidade, a través de indicadores de resultados. “Esta medición é fundamental para a Unión Europa, xa que a loita contra o cambio climático debe ser tamén medible para controlar que estamos avanzando no camiño correcto”, apuntou Lara Méndez.

Ademais, no documento inclúese información útil de cada solución, como os fenómenos sobre os que actúa (calidade do aire, ruído, clima, calidade da auga, consumo enerxético, etc), os axentes implicados na súa implementación, ou o nivel de plan ou deseño no que se poden aplicar.

De acordo co enfoque eminentemente práctico do catálogo, pódese acceder ás solucións de varias maneiras. Están ordenadas por áreas temáticas. Para cada área seleccionáronse unha batería de solucións, accións ou estratexias convenientemente numeradas. Dentro de cada grupo as solucións aplícanse en diferentes escalas e poden complementarse e formar unha intervención integral. A selección de solucións, por tanto, pódese facer en función de diferentes criterios: grupo de solucións; escala; fenómeno sobre o que actúa.

Aplicación web

Ademais, cómpre subliñar que o catálogo conta tamén cunha versión web, accesible a través do seguinte enlace: http://www.lugobiodinamico.eu/catalogo/gl/. Neste senso, para unha mellor selección das solucións recoméndase utilizar a caixa de ferramentas na páxina do proxecto.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o "Catálogo de Solucións Sostibles" | Descargar mp3

Noticias relacionadas