Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios

O circuíto de carril bici encádrase na estratexia Muramiñae posta en marcha pola alcaldesa co fin de unir a trama urbana da cidade co río Miño gañando máis espazos para as persoas
 
“Enmárcase na nosa aposta por un modelo de cidade máis sostible, amable, e transitable, favorecendo unha mobilidade activa e promocionando hábitos saudables”, sostivo a rexedora
 
De cor verde, combinará carrís segregados de tráfico nas rúas con maior ancho con viarios de coexistencia, onde a velocidade máxima dos vehículos se reducirá ao 20%
 
No seu deseño primou a seguridade; a cohesión interna e a intermodal; a rectitude, tanto en distancia como en tempo (buscando o traxecto máis corto) e o atractivo da ruta
 
Procurouse a menor eliminación de prazas de estacionamento posible en todo o itinerario e crearanse novas prazas en aparcamentos alternativos
 
O Goberno local impulsará campañas de promoción e concienciación do uso da bicicleta

Martes, 23 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou esta mañá un novo corredor de 14 quilómetros de carril bici, “que será a primeira senda vende ciclista da cidade”, e cuxo itinerario permitirá percorrer e completar un circuíto, de oeste a este e de norte a sur, transcorrendo por 8 barrios da zona DUSI: Paseo do Miño, Parque Rosalía, Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real.

Este proxecto enmárcase na estratexia DUSI - Muramiñae, posta en marcha pola rexedora con fondos europeos co fin de unir a trama urbana da cidade co río Miño para que “Lugo deixe de vivir de costas á contorna fluvial”.

Méndez sostivo que se dá un paso moi importante para o municipio, moi deficitario de vías ciclistas, e que se integra plenamente “na nosa aposta por un modelo de cidade máis sostible e transitable, onde gañemos espazos para as persoas fronte as automóbiles, favorecendo unha mobilidade activa, máis amable e tranquila, promocionando hábitos de vida máis saudables e reducindo a contaminación grazas a unha forma de transporte máis limpa e eficiente desde un punto de vista enerxético”.

Lembrou que Lugo está a avanzar en firme co fin de ser municipio sostible e respectuoso co medio ambiente, “e a bicicleta nin emite gases contaminantes nin xera contaminación acústica, pero ademais é un importante protector do sistema cardiovascular. Tamén, durante esta pandemia demostrou ser un medio de transporte especialmente recomendado xa que permite salvagardar o distanciamento social fronte o COVID-19”, argumentou.

Lara Méndez sostivo que esta será a primeira rede viaria ciclista “pero a nosa intención é que se vaia ampliando para conectar máis zonas da cidade”.

No deseño deste circuíto ciclista primou a comodidade; a cohesión interna, e tamén con outras redes como a do transporte urbano; a rectitude, tanto en distancia como en tempo (buscando o traxecto máis curto) e o atractivo da ruta. Pero especialmente primou a seguridade, do ciclista e tamén dos peóns, “polo que integrará bicisendas segregadas do tráfico rodado nas rúas onde foi posible por ter suficiente anchura, con viais de coexistencia como os que xa temos, por exemplo, na Ronda da Muralla, onde a velocidade máxima é de 30 km/h. Nestas novas vías queremos rebaixar esta velocidade a 20 km/h.”

Eixos do carril bici

O eixo principal que conforma este proxecto conecta a zona fluvial do Río Miño nas inmediacións da Ponte Romana coa parte norte da cidade, á altura da rúa Dona Urraca, pasando polas rúas Pintor López Guntín, Portugal, Río Ulla, Azalea, Ronda do Carme, Rúa Santiago e Paseo do Miño.

Este trazado compleméntase con outros eixos perpendiculares, un deles por Xulia Minguillón e Río Ser, outro por Lamas de Prado, e outro por Marqués de Ombreiro, campo de fútbol Anxo Carro, Pazo de Feiras e Congresos e pasarela de San Lázaro, dando conexión ao percorrido coa marxe oposta do río.

Ademais, a zona da Abella quedará conectada coa zona da Residencia, ata a Fonte dos Ranchos, onde engancha co eixo principal. Tamén se conectará a Ronda da Muralla coa Rúa Mazaira a través da rúa Camiño Real, así como Avda. Doutor García Portela e as costas do parque Rosalía coa Rúa Santiago.

Os carrís segregados do tráfico motorizado estarán nas seguintes rúas, que configuran o eixo principal e dous importantes eixos perpendiculares de todo o trazado: Dona Urraca, López Guntín, Amizade, Río Ulla (dende Portugal ata rúa da Saúde), Azalea, Ronda do Carme (nas dúas calzadas), Rúa Santiago (dende a zona fluvial ata a intersección con Ronda do Carme), Paseo do Miño, Río Navia (dende Valle Inclán ata Río Ser), Concepción Arenal (dende Rúa da Xesta ata Rúa Mondoñedo), Xermán Alonso Hortas, Orquídea (nas dúas calzadas), rúa da Saúde, Ameneiro, Marqués de Ombreiro e Acceso ao Complexo Deportivo Palomar (dende Marqués de Ombreiro ata a rotonda de enlace coa N-VI, á altura da gasolineira existente).

O pavimento do carril bici segregrado contará cun revestimento de cor verde con resistencia ao esvaramento para unha maior seguridade dos ciclistas, e diferenciaranse as interseccións en cor vermello.

De forma complementaria, convivirán o tráfico e o tránsito de bicicletas, con prioridade desta última e limitación da velocidade de circulación a 20 Km/h, as seguintes rúas: Camiño Real, Xulia Minguillón, Río Ser, Lamas de Prado, Río Navia (dende Río Ser ata Lamas de Prado), Mondoñedo, Portugal, Orquídea (dende o antigo centro comercial da Abella ata Oliveira), Oliveira (dende Orquídea ata Lamas de Prado), Acceso ao Complexo Deportivo Palomar (dende o enlace coa N-VI e o Pazo de Feiras e Congresos), Frei Plácido Rei Lemos e Avda. Doutor García Portela.

Separacións seguras

A separación das vías ciclistas segregadas do tráfico rodado consistirá en dúas liñas brancas de 10 cm separadas por 30 ou 40 cm cun separador entre elas.

Os separadores serán ovalados de caucho, separados entre si 2.5 metros e xirados 15 º, de tal maneira que non supoñan un obstáculo non salvable para que as bicicletas poidan entrar e saír da vía con seguridade.

No caso de vías ciclistas protexidas pola vía de servizo, os separadores situaranse en paralelo ás liñas brancas, aumentando o ancho libre.

Nas proximidades de cruces en zonas conflitivas, introduciranse separadores maiores colocados a 1,25 metros ou incluso pilonas flexibles, que non supoñen perigo en caso de colisión.

Nas interseccións incluiranse liñas de detención avanzadas en tódalas rúas con semáforo, pintura en cor vermella na calzada, diferenciándoas do resto da traza do carril bici que será de cor verde, de tal maneira que se remarque a conexión entre dúas vías ciclistas e luces en ámbar ou verde que permitan o xiro á dereita ou seguir recto cando os usuarios da bicicleta so deban ceder o paso aos peóns.

O tratamento das paradas de bus en confluencia coas vías ciclistas segregadas resolverase de dúas maneiras, segundo o caso, de tal forma que se compatibilice, en todo caso, o uso do transporte público co da bicicleta.

Tanto nas paradas de bus que se vexan afectadas por unha vía ciclista, coma naquelas que se sitúan  nunha rúa ciclista cunha banda de servizos entre a beirarrúa e a calzada, engadiranse plataformas elevadas de caucho antiesvarante ao nivel da beirarrúa para salvar esa banda e acceder ao bus con comodidade e accesibilidade universal.

Os pasos de peóns aos que se lles engaden agora pasos de ciclistas, serán máis anchos e elevados para dar continuidade á beirarrúa, creando itinerarios peonís accesibles. Crearase un novo paso de peóns e de ciclistas na Ronda do Carme, para facilitar a continuidade do Camiño Primitivo de Santiago.

En prol de aumentar a seguridade na curva estreita de Dona Urraca, contarase dun sistema de sinalización intelixente con sensor, con espello e banda redutora de velocidade.

Prazas de aparcamentos

En todo este itinerario, procurouse a menor eliminación de prazas de aparcamento posible, especialmente en zonas máis vulnerables onde hai vivendas sen garaxe propio, como é o caso da rúa Portugal.

Os cambios que realizaremos serán os seguintes:

  • As prazas de aparcamento existentes dispostas en liña na rúa do Pomar e na rúa Río Mandeo, repintaranse en batería, co fin de gañar espazo para este fin, mantendo un carril por sentido de circulación
  • De xeito complementario a este proxecto, está prevista a construción de dous novos aparcamentos alternativos dentro do ámbito de actuación: na rúa Alcalde Francisco Lamas López, onde se crearán 16 prazas, incluíndo 2 adaptadas, e na rúa Ramón Piñeiro , con 53 prazas e 5 adaptadas

Mellora de firmes

Para proceder a un circuíto máis seguro, repoñeranse os firmes das zonas máis danadas como na Ronda do Carme, na rúa Marqués de Ombreiro, na rúa Ameneiro (no tramo situado entre Avenida das Américas e Marqués de Ombreiro) e nas costas do parque Rosalía de Castro. En total, mellorarase o firme en máis de 3 quilómetros de viarios.

Aparcabicis

O proxecto incluirá aparcabicis, repartidos por toda a zona de actuación, e contarán cunha marquesiña en zonas de larga estancia, como nas proximidades de colexios   e de paradas de bus, facilitando así a intermodalidade.

Disporanse catro bancos de recarga intelixentes, en distintas zonas, dotados de placas solares, para facilitar a recarga de bicicletas, con portos USB e portos de carga inalámbrica de teléfonos móbiles, posibilidade de conexión a internet, equipamento para reparación de bicicletas e compresor de aire.

Orzamentos

O orzamento deste proxecto, que se levará para a súa aprobación á vindeira Xunta de Goberno Local do xoves, ascenderá a 1,6 millóns de euros, dos que un millón será financiado pola estratexia DUSI Muramiñae a través dos fondos FEDER. A maiores, investiranse 200.000 euros, na execución dos aparcamentos alternativos. 

En canto a obra estea adxudicada, o prazo de execución será de seis meses.

Promoción do uso da bicicleta

A rexedora avanzou, ademais, que o Concello, de maneira paralela a construción deste primeiro corredor verde ciclista, porá en marcha unha campaña de promoción do uso da bicicleta para incentivar o seu uso, “non só na súa modalidade meramente deportiva senón tamén para que comece a ser un transporte habitual pola cidade e evitar o uso de vehículos contaminantes. Queremos que os e as lucenses poidan utilizar a bicicleta para a súa vida diaria coa máxima normalidade”. As campañas farán especial incidencia nos máis pequenos e no respecto dos condutores aos usuarios de bicis.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o Carril Bici - Lara Méndez | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios
  • Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios
  • Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios
  • Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios
  • Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios
  • Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios
  • Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios
  • Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios
  • Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios
  • Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios
  • Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios
  • Lara Méndez presenta a primeira senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros de lonxitude e que percorrerá 8 barrios

Noticias relacionadas