Lara Méndez presenta ao empresariado e ás Patronais da construción sostible a Estratexia Lugo Transforma para captar interese inversor

A alcaldesa acudiu, en Madrid, ao almorzo de traballo organizado en torno ao Congreso Rebuild para difundir o calado da iniciativa municipal que cambiará o modelo produtivo de Lugo.

Lara Méndez: “A nosa cidade é xa un referente, dentro e fóra de Galicia, á vangarda da economía verde e circular. Lugo é sostible, acolledora e moderna pero tamén innovadora e rendible”.

Martes, 21 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta ao empresariado e ás Patronais da construción sostible a Estratexia Lugo Transforma para captar interese inversor

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe ao empresariado da construción e ás Patronais do sector a Estratexia Lugo Transforma. O obxectivo: captar o seu interese inversor e difundir o calado da iniciativa municipal que cambiará o modelo produtivo local.

A rexedora mantivo este mediodía un almorzo de traballo co tecido empresarial do ramo. Un encontro celebrado ao abeiro do Congreso Rebuild, ao que acudiron altos directivos, Conselleiros Delegados e a Presidencia das Patronais xunto a outras empresas da industralización, así como representantes de asociacións.

Durante o xantar, Méndez tivo oportunidade de presentarlles a Estratexia de Recuperación Económica, baseada nun fondo de capital de risco que disporá do maior investimento realizado pola Administración local na historia da cidade. “Doce millóns de euros cos que queremos pular pola diversificación e atraer novos negocios pero, sobre todo, crear emprego de calidade en sectores que son estratéxicos para nós polo seu alto impacto social e medio ambiental, en consonancia coa marca coa que xa se identifica a Lugo, dentro e fóra de Galicia: a sostibilidade, a economía verde e circular. Porque Lugo é unha cidade punteira na loita contra o cambio climático, no aproveitamento de recursos propios pero tamén é unha capital moderna, innovadora e, dende logo, rendible”, destacou a alcaldesa.

A rexedora lucense participou este martes, en Madrid, no Congreso Nacional de Arquitectura Avanzada e Construción 4.0 no relatorio Next Generation Spain xunto a Francisco Martín, Director Xeral de Vivenda e Solo do MITMA e ao Viceconselleiro de Vivenda e Ordenación do Territorio da CAM, José María García.

Ademais tivo ocasión de saudar a diferentes autoridades, entre elas, a David Lucas, Secretario Xeral de Axenda Urbana e Vivenda do MITMA e, mesmo tamén, de visitar os expositores galegos alí presentes, como o de Finsa, para coñecer os avances no sector.

“Este é o maior foro de coñecemento e tendencias do país no que, expertos de cada segmento do ámbito da edificación, amosan os proxectos máis exitosos e disruptivos do momento e onde Lugo ten presenza tamén para dar conta do programa Life co Impulso Verde – que precisamente vén de ser seleccionado como un dos finalistas dos Premios Rebuild 2021 que recoñece a innovación - e o Barrio Multiecolóxico como exemplos destacados da actuación municipal”, engadiu Lara Méndez ao tempo que destacou a importancia de acudir a este tipo de eventos, “en tanto contribúen a incrementar a nosa proxección e favorecen o intercambio de iniciativas, experiencias e sinerxías entre distintos municipios e institucións á hora de afrontar os desafíos que supón avanzar cara á sustentabilidade urbana e a neutralidade climática”, concluíu a alcaldesa de Lugo.

Noticias relacionadas