Lara Méndez pon en valor o papel das mulleres na economía de Lugo: “O seu impulso é o impulso do PIB local”

A rexedora destaca na entrega dos premios Son Muller a fortaleza das empresas impulsadas por mulleres e a súa capacidade para crear e promover iniciativas con éxito.

Só no espazo de emprendimiento municipal “axudamos nacer a medio centenar de proxectos liderados por mulleres que hoxe empregan a máis de 225 persoas”, sostén.

Mércores, 29 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pon en valor o papel das mulleres na economía de Lugo: “O seu impulso é o impulso do PIB local”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou esta tarde o papel que están a ter as mulleres na economía de Lugo, “mulleres que veñen cada vez con máis forza e tendo máis presenza no noso ecosistema emprendedor”. Neste sentido, lembrou que “só desde o Centro de Innovación e Emprendimiento municipal (CEI-Nodus) axudamos a máis de medio centenar de mulleres a desenvolver proxectos empresariais con éxito, que crearon á súa vez máis de 225 postos de traballo directos e acadando unha facturación próxima aos 50 millóns de euros”.

Algunhas destas empresas, como as Cabanas das Chousas, hoxe premiadas, naceron neste viveiro municipal.

Neste senso, a rexedora comentou que desde o 2004 vese unha evolución notable na implementación de proxectos promovidos por mulleres, “tendo en conta que, inicialmente, supoñían o 14,6% e, a día de hoxe, superan o 60% das iniciativas instaladas neste espazo municipal, o que supón un crecemento do 45,5% nos últimos 17 anos”.

A rexedora destacou eseos datos durante a cuarta edición dos premios Son Muller da Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo, galardón que pretende poñer en valor e visibilizar o papel das mulleres empresarias e emprendedoras de Lugo.

“Estades a adquirir un papel clave na economía local, e o voso impulso é o impulso e o crecemento do PIB do municipio, e da provincia”, apuntou, lembrando que, segundo datos do primeiro indicador ClosinGap sobre o custo de oportunidade da desigualdade de xénero, eliminar estas desigualdades no mercado laboral achegaría 230.847 millóns de euros á economía española, un 18,5% do PIB, e suporía a creación de 3,2 millóns de empregos a xornada completa para mulleres.

A alcaldesa fixo fincapé no “compromiso do Concello de Lugo, para dar impulso ao emprendimiento e apoio a empresas, proporcionando os recursos precisos para que o proxectos sexan solventes, tanto espazos de traballo, físico como virtual, como formación ou titorización”, destacando tamén a estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito municipal, coa que “mobilizamos 12 millóns de euros a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos para a cidade, atraer empresas e crear emprego sostible”.

Ao final do acto, a rexedora dedicou unhas palabras a Asunción Fernández ou ‘Siña’, que recibiu nesta edición o recoñecemento Especial de Son  Muller 2021. “Unha muller inspiradora, unha muller fundamental, unha muller motor da historia de Lugo, que continuou o legado deixado polo seu pai Antonio Fernández López” apuntaba Méndez

Lara Méndez agradeceu a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo a realización destes premios e o traballo que están a desenvolver para apoiar e visibilizar o papel das mulleres propietarias, copropietarias, socias e accionistas de empresas, ao igual que aquelas que están a exercen activamente a función directiva dentro das empresas e as incluídas en réximes especiais de Seguridade Social. “Son organizacións como a vosa -dixo-, as que impulsan o apoio entre mulleres e o fomentan o asociacionismo entre as empresarias, emprendedoras, executivas e directivas de empresas”.

Multimedia

  • Lara Méndez pon en valor o papel das mulleres na economía de Lugo: “O seu impulso é o impulso do PIB local”

Noticias relacionadas