Lara Méndez pídelle a Xunta axilidade na disposición de chan no polígono das Gándaras para non perder oportunidades

A alcaldesa incidiu na importancia de actuar conxuntamente nunha etapa de reconstrución económica, “onde o concello traballa xa na captación de investimentos para crear emprego”

A rexedora acompañou á conselleira Ángeles Vázquez na súa visita ao Polígono e puxo en valor os acordos alcanzados nesta área e tamén na recuperación do Pazo de Dona Urraca

Venres, 06 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pídelle a Xunta axilidade na disposición de chan no polígono das Gándaras para non perder oportunidades

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pediulle á Xunta de Galicia que sexa àxil na posta a disposición das parcelas do Polígono das Gándaras ás iniciativas empresariais que poidan interesarse, ao marxe do seu tamaño, para que Lugo non perda oportunidades económicas “nun momento, ademais, no que desde o Concello estamos a traballar xa na captación de investimentos co fin de que se asenten empresas na cidade e se poidan crear postos de traballo, moi necesarios”.

Así llo fixo chegar hoxe á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a visita da responsable autonómica a este polígono.

A rexedora comentou que "no Goberno local estamos a traballar en diferentes plans co tecido económico e empresarial da cidade, e precisamos axilidade e comunicación continúa e constante coa consellería para que, cando exista unha demanda ou algún problema se poida solventar con rapidez e premura, pensando que desta crise social e económica derivada da pandemia temos que saír reforzados”. Neste sentido, lembrou, entre outras accións de Goberno, a inclusión de Lugo na Rede Invest in Cities, de cidades atractivas para o investimento, de alcance nacional e internacional.

Lara Méndez agradeceu a liña de colaboración xa existente co departamento autonómico de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que xa deu os seus froitos no convenio que se asinará en breve para a recuperación do pazo de Dona Urraca e a súa contorna ou nas modificacións do planeamento do Polígono das Gándaras que presentou a Área de Urbanismo do Concello ante o IGVS para actuar en varias rúas co fin de mellorar a mobilidade, a accesibilidade e a comodidade dos usuarios, ao tempo que se da resposta ás peticións dos empresarios instalados, principalmente, no vial que queda fronte ao Decathlon.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Polígono das Gándaras | Descargar mp3

Noticias relacionadas