Lara Méndez pide á veciñanza que actúe con responsabilidade para controlar a pandemia e reducir no tempo as duras medidas adoptadas pola Xunta

A rexedora pide que non se estigmaticen barrios e sostén que o Executivo local seguirá velando polo cumprimento das normas e mantendo os dispositivos de desinfección

O Concello pospón a celebración do Caudal Fest ata que mellore a situación sanitaria, así como os actos culturais con maior presenza de público previstos este fin de semana

Venres, 28 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pide á veciñanza que actúe con responsabilidade para controlar a pandemia e reducir no tempo as duras medidas adoptadas pola Xunta

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ante as directrices avanzadas hoxe pola Xunta de Galicia, que impón medidas máis restritivas ao municipio ante a evolución do brote de coronavirus, insta á cidadanía a extremar ás precaucións para “que entre todos poidamos controlar unha situación xa moi preocupante e conseguir que estas duras medidas poidan ser rebaixadas canto antes no tempo, porque iso significará que conseguimos cortar as cadeas de transmisión e, polo tanto, garantir unha maior salvagarda da saúde”.

A rexedora coñeceu a intención da Xunta de Galicia de aplicar as medidas por unha chamada do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, ao que lle amosou a total colaboración do Executivo municipal, e sostén que “o Concello seguirá velando polo cumprimento das normas, tal e como viñemos facendo desde o inicio da pandemia, sempre con absoluta lealdade institucional, tanto co Goberno central no estado de alarma, como agora, etapa na que a Xunta de Galicia ten as competencias”.

Lara Méndez fai un chamamento á poboación para que cumpra coas restricións marcadas polo Goberno galego porque “só unidos podemos coidar pola nosa saúde e a saúde da nosa veciñanza” e lembrou que a responsabilidade individual é máis importante ca nunca.  Así mesmo, destacou que a crise sanitaria vai unida á crise social e económica, “polo que temos a obriga de cumprir coas medidas de seguridade que nos marquen as autoridades competentes, porque está en xogo a saúde, o ben máis prezado que temos, pero tamén numerosos postos de traballo, especialmente da hostalería, comercio e da industria cultural entre os sectores que resultan máis afectados con estas últimas medidas”.

Pediu a rexedora que non se estigmatice ningún barrio da cidade e instou á Consellería a ofrecer información clara e detallada para non alarmar á poboación.

Así mesmo, a alcaldesa incidiu en que o Concello manterá e incrementará os dispositivos de limpeza e desinfección, activados desde o primeiro día da pandemia, así como a vixilancia da Policía Local, “que xa reforzamos, especialmente nas zonas máis afectadas, nos últimos días”.

Por outra banda, a rexedora avanzou que o Concello pospón a celebración do Caudal Fest ata que mellore a situación sanitaria. O executivo tamén adiará os actos culturais previstos para este fin de semana como os Reencontros Musicais Fa Ce La Fest, que se celebrarían este sábado, e a Jazz Sessión, prevista para este domingo.

Noticias relacionadas