Lara Méndez participa nos actos con motivo do Día Internacional das Persoas Xordas, que este ano acolleu a cidade de Lugo

Membros das diferentes asociacións de persoas xordas de Galicia viaxaron a Lugo para celebrar a efeméride, baixo o lema Inclusión plena para o alumnado xordo.

 Lara Méndez: “Reivindicamos a igualdade de oportunidades, accesibilidade e pleno exercicio dos seus dereitos para todas as persoas con discapacidade auditiva”.

 O programa da xornada incluíu unha camiñada pola Muralla, a lectura dun manifesto e unha actuación cultural en lingua de signos española (LSE).

Sábado, 25 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez participa nos actos con motivo do Día Internacional das Persoas Xordas, que este ano acolleu a cidade de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da concelleira de Benestar Social, Olga López, participou este sábado nos actos conmemorativos do Día Internacional das Persoas Xordas, que organizou a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, en colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU).

Esta efeméride, de carácter anual, celébrase en todos os recunchos do mundo co obxecto principal de dar visibilidade ao colectivo de persoas xordas, con discapacidade  auditiva e/ou sordocegas, reivindicar as súas demandas, así como organizar diferentes actividades accesibles en lingua de signos española (LSE).

Nesta ocasión o lema sobre que o que virou a conmemoración deste día foi a Inclusión plena para o alumnado xordo, co obxecto de visibilizar as demandas e necesidades do alumnado xordo no seu paso polo sistema educativo.

Neste senso, Lara Méndez subliñou que “dende o executivo municipal reivindicamos a plena inclusión do alumnado xordo non só no ámbito educativo, senón tamén nos demais ámbitos da sociedade: sanitario, xudicial, ocio, etc., e reclamamos a igualdade de oportunidades, accesibilidade e pleno exercicio dos seus dereitos para todas aquelas persoas con discapacidade auditiva”.

Así mesmo, a alcaldesa lembrou que “mantemos unha colaboración estreita coa Asociación de Persoas Xordas de Lugo, que se traduce, entre outros aspectos, nunha axuda anual para a contratación dun servizo de intérprete aberto a toda a poboación, e especialmente, ás persoas xordas e xordocegas do municipio”.

Neste ano 2021, Lugo é a cidade encargada de acoller a todas as persoas xordas da comunidade, familiares e amigos de Galicia para celebrar este día. Dadas as circunstancias derivadas da pandemia, todas as actividades se concentraron en sesión de mañá, ao aire libre. O programa da xornada incluíu unha camiñada pola Muralla en defensa dos dereitos do alumnado xordo; a lectura dun manifesto, con motivo do Día Internacional das Persoas Xordas; e unha actuación cultural en lingua de signos española (LSE).

Nos actos participaron representantes do Concello, Deputación e Xunta de Galicia; presidentes das Asociacións afiliadas á FAXPG; o presidente da FAXPG e ASORLU; así como 8 asociacións de persoas xordas afiliadas á FAXPG, os seus socios e socias de toda Galicia, familiares, voluntarios/as, amigos/as.

Multimedia

  • Lara Méndez participa nos actos con motivo do Día Internacional das Persoas Xordas, que este ano acolleu a cidade de Lugo

Noticias relacionadas