Lara Méndez participa na clausura das XXIX Xornadas Penitenciarias

O Concello colabora coa Asociación Penitenciaria Concepción Arenal nestas xornadas, que este ano na súa 29ª edición abordaron a reforma do Código Penal

A rexedora referiuse á prisión permanente revisable, incorporada nesta última reforma, como “unha pena inhumana e contraria á dignidade dunha persoa, que non responde as necesidades e demandas reais da sociedade”

Martes, 29 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Clausura das das XXIX Xornadas Penitenciarias

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, clausurou este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, unha nova edición das Xornadas Penitenciairas Lucenses, organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal coa colaboración do Concello, que este ano na súa 29ª edición se centrou na reforma do Código Penal. Na clausura do encontro, ao que acudiron un cento de persoas, Lara Méndez estivo acompañada pola presidenta do colectivo organizador, Paula Alvarellos, e a vicepresidenta do organismo provincial, María Teijeiro. 

No acto, a rexedora referiuse á prisión permanente revisable, incorporada na última reforma do Código Penal, como “unha pena inhumana e contraria á dignidade dunha persoa, que non responde as necesidades e demandas reais da sociedade”; posto que permitiría que alguén poidera pasar toda a súa vida privado de liberdade en prisión.

A Alcaldesa fixo fincapé no “contexto populista” no que foi aprobada esta reforma “tan precipitada e pouco reflexionada”, que xerou e continúa a xerar un gran debate social, político e entre os propios profesionais do eido xurídico. “A reforma do Código Penal nunca pode ser coxuntural e debe garantir un verdadeiro código de convivencia en lugar dun código moral e pouco reflexionado”, subliñou a rexedora.

Lara Méndez agradeceu á Asociación Concepción Arenal a aposta que ano tras ano realiza este colectivo por afondar en temas que versan sobre a loita pola igualdade de oportunidades e dereitos.

Noticias relacionadas