Lara Méndez participa este xoves nun debate en liña cos alcaldes de Galway (Irlanda) e Lorient (Francia) sobre Europa e a cultura

A iniciativa desenvólvese no marco da presidencia francesa do Consello da Unión Europea baixo o título Noite Europea das Ideas.

O debate será moderado pola Dra. Cliona Hensey, investigadora da Universidade Nacional de Irlanda e traducido a inglés, francés e español.

Comezará ás 19:00 horas e poderá seguirse, mediante rexistro previo gratuíto, a través do seguinte enlace: https://tinyurl.com/5ek94fyy

Luns, 24 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez participa este xoves nun debate en liña cos alcaldes de Galway (Irlanda) e Lorient (Francia) sobre Europa e a cultura

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participará este xoves, 27 de xaneiro, na Noite Europea das Ideas, un debate en liña organizado pola embaixada francesa en Irlanda, no que a rexedora compartirá espazo coa alcaldesa de Galway (Irlanda) e o alcalde de Lorient (Bretaña, Francia). Os tres convidados contrastarán as súas ideas sobre a importancia da biodiversidade natural e a biodiversidade cultural no seo dunha Europa aberta ao mundo e conversarán sobre a influencia da cultura celta.

A identidade celta une a varios países e rexións de Europa: Bretaña en Francia, Galicia e Asturias en España, e Connacht en Irlanda. Estas rexións viven a construción europea como un factor de desenvolvemento para a súa identidade, a súa lingua e a súa cultura, aspectos que se abordarán ao longo da charla.

Esta iniciativa desenvólvese no marco da presidencia francesa do Consello da Unión Europea, durante o primeiro semestre do 2022, e en colaboración coa Universidade Nacional de Irlanda (Galway) e a Embaixada de España en Irlanda. Para seguir o debate é necesario rexistrarse, de maneira gratuíta, a través do seguinte enlace: https://tinyurl.com/5ek94fyy O evento dará comezo ás 19:00 horas e contará con tradución automática en inglés, francés e español.

No acto participarán:

  • Prof. Ciarán Ó hÓgartaigh, presidente de NUI Galway.
  • Sr. Vincent  Guérend, embaixador de Francia en Irlanda.
  • D. Ildefonso Castro, embaixador de España en Irlanda.

Debate

  • Dª. Lara Méndez López, alcaldesa de Lugo (Galicia, España).
  • Sra. Colette Connolly, alcaldesa de Galway (Irlanda).
  • Sr. Fabrice Loher, alcalde de Lorient (Bretaña, Francia).

O debate será moderado pola Dra. Cliona Hensey, investigadora da Universidade Nacional de Irlanda (Galway).

A noite das ideas

Iniciada en 2016 durante unha velada que reuniu en París a grandes voces francesas e internacionais convidadas a dialogar ao redor dos grandes temas do noso tempo, a Noite das Ideas impúxose moi rapidamente na axenda francesa e internacional. Cada ano, o último xoves de xaneiro, o Institut Français convida a todos os lugares de cultura e coñecemento, en Francia e nos cinco continentes, a celebrar xuntos a libre circulación de ideas e coñecementos propoñendo, na mesma noite, conferencias, encontros, foros e mesas redondas, pero tamén proxeccións, espectáculos artísticos e talleres xuvenís, ao redor dun tema que cada un declina á súa maneira.

Para a sétima Noite das Ideas, que terá lugar o 27 de xaneiro de 2022, elixiuse o tema "(Re) construír xuntos" para explorar a resiliencia e reconstrución das sociedades fronte a desafíos únicos, a solidariedade e a cooperación entre individuos, grupos e estados, a mobilización das sociedades civís e os desafíos da construción e produción e dos nosos obxectos. Esta Noite das Ideas tamén estará marcada polo inicio da presidencia francesa do Consello da Unión Europea.

Noticias relacionadas