Lara Méndez: “O proxecto da total peonalización intramurallas porá en valor espazos emblemáticos e os encherá de vida”

A alcaldesa de Lugo incidiu na importancia do proxecto que actuará no 15% do Casco Histórico aínda non peonil para “mellorar a calidade de vida e dinamizar a zona social e economicamente”.

O recinto amurallado converterase na primeira Zona de Baixas Emisións da cidade. “O fin é reducir as emisións nun 40% en espazos con trafico de 37.000 vehículos semanais”.

O deseño da Praza do Ferrol e San Fernando porá en valor o conxunto formado polo Cuartel de San Fernando como futuro Museo da Romanización e a Igrexa de San Froilán.

O bimilenario de Santo Domingo moverase para crear un eixe a través da rúa Raíña coa Torre do Reloxo do Concello, e crearanse dous ámbitos diferenciados con focos escultóricos.

A intervención nas rúas Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros, Montevideo e Amor Meilán incidirá especialmente na renaturalización das áreas con distintas especies.

Venres, 08 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “O proxecto da total peonalización intramurallas porá en valor espazos emblemáticos e os encherá de vida”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou o anteproxecto ‘Zero: Corazón verde’ co que vai a acometer a peonalización do 15% do recinto do Casco Histórico aínda pendente e que o converterá nunha Zona de Baixas Emisións (ZBE), áreas que pretenden mellorar a calidade do aire e mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro e que os concellos de máis de 50.000 habitantes están obrigados a activar no 2023.

“Estamos a traballar sempre na liña de acadar un Lugo máis resiliente ao cambio climático na segunda gran transformación da cidade deseñada no mandato pasado a través dunha mobilidade e dun urbanismo sostible”, afirmou, e engadiu que no caso do recinto intramurallas, “gañaremos espazos para a cidadanía, reduciremos o tráfico rodado e renaturalizaremos as prazas e rúas co fin de minorar a contaminación atmosférica, os niveis de ruído e as vibracións, altamente prexudiciais para a saúde da cidadanía, pero tamén perigosas para a conservación do noso rico patrimonio histórico e patrimonial, especialmente para os Bens Patrimonio da Humanidade”.

As intervencións previstas serán tres. Actuarase nas prazas do Ferrol e San Fernando; entre a Porta de Bispo Odoario (Hospital) e Praza do Ferrol, nas rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Ramón y Cajal, Quiroga Ballesteros (entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán) e Amor Meilán (entre Quiroga Ballesteros e San Fernando), e na Praza de Santo Domingo e rúa Teatro.

O obxectivo é reducir un 40% as emisión destas zonas derivadas do tráfico rodado, que ascenden a unha media de 409,71 toneladas de CO2 ao ano provocados polos máis de 37.000 vehículos que transitan por elas cada semana.

A rexedora apuntou que deseñamos a peonalización “para mellorar a calidade de vida da veciñanza, pero tamén a proxectamos para destacar e por en valor a beleza e a relevancia dos elementos arquitectónicos, escultóricos e históricos máis emblemáticos e impulsando os espazos públicos para un maior uso dos mesmos co fin de enchelos de vida con áreas de estancia, ocio e lecer diferentes, e potenciando os usos comerciais e hostaleiros para dinamizar social e economicamente o Casco Histórico”.

Con este fin, apuntou Lara Méndez, “pedímoslle ao gabinete de arquitectos que tivese en conta, a singularidade dos espazos e dos seus edificios, os seus antecedentes históricos, a intensidade de tráfico e a coexistencia dos usos comerciais, institucionais, empresarias e de ocio”, polo que desenvolveron un estudo da paisaxe urbana e das zonas máis tensionadas pensando tamén nunha transformación respectuosa coa historia e o patrimonio”.

Baixo estes parámetros, as intervencións suporán un cambio de mobilidade, establecido en dous sectores:

  1. Praza do Ferrol e rúas Montevideo, Quiroga Ballesteros, Bolaño Rivadeneira, Amor Meilán e San Fernando.

Nesta zona, que é o espazo de conexión principal da zona amurallada co norte da cidade e o aceso aos aparcamentos públicos, a circulación rodada accede pola porta do Bispo Odoario e sae pola de San Fernando. Nas prazas de Ferrol e San Fernando, o espazo público está supeditado ao tráfico rodado e ocupa máis da metade da superficie.

Por iso, para favorecer a circulación rodada nun sentido único (en dobre sentido é desaconsellable en zonas peonís polo risco para as e os viandantes), entrarase pola Porta Bispo Odoario para proseguir polas rúas Montevideo e Bolaño Rivadeneira, Porta Falsa e saírase pola porta de San Fernando. Elimínase así o tramo de circulación da rúa San Fernando diante do cuartel, para darlle máis valor a este edificio e á Igrexa de San Froilán.

Só se propón un tramo de dobre sentido, entre a Porta do Bispo Odoario, e a rúa Ramón y Cajal para o acceso ao aparcadoiro de Vía Romana, de xeito que se eliminan os 600 vehículos de tránsito que produce este aparcadoiro. O resto do tráfico, residentes e mercadorías, distribúese por rúas Quiroga, Amor Meilán e San Froilán.

  1. Praza de Santo Domingo e Rúa do Teatro.

As principais circulacións peonís actuais prodúcense polo perímetro de Santo Domingo e polo medio, conectando a rúa da Raíña coa de San Marcos e tamén pola rúa Teatro, mentres que o tráfico rodado procede da Rolda da Muralla cara os aparcadoiros de Ánxel Fole (con 900/1000 rotacións por día), que soe provocar colapsos entre os que acoden alí a estacionar e a cola ocasionada polo semáforo da Rolda, e de Santo Domingo (250/300 rotación día). O resto de tráfico significativo é residentes e mercadoría procedente de Quiroga Ballesteros e Armañá.

En canto ao esquema de circulación en Santo Domingo, a circulación responde a un momento en que Quiroga Ballesteros, San Marcos e Raíña eran transitables, pero agora está obsoleto.

Por iso a proposta é reducir a circulación a mínimos en Santo Domingo cun único sentido de circulación, tanto en Quiroga Ballesteros como na Praza. A circulación faise en diagonal para facilitar os espazos máis próximos ao perímetro.

En canto ás transformación urbanísticas proxectadas, concrétanse da seguinte maneira:

  1. Praza de Ferrol e San Fernando

Está contemplado como un espazo único cun conxunto especial a pór en valor, conformado polo Cuartel de San Fernando (inmoble BIC) e a Igrexa de San Froilán, “que esixe un cambio axeitado á importancia destes edificios e ao futuro uso do Cuartel como Museo da Romanización de Galicia e do Noroeste Español”, segundo explicou a rexedora. Por iso, no mesmo deseño do pavimento se terá en conta a orientación destes inmobles.

Méndez incidiu que diante do Cuartel se retirará o tráfico rodado e, co fin de reforzar aínda máis o seu carácter emblemático, proponse instalar unha escultura a gran escala, así como dotar este espazo de equipamento para favorecer a estancia e un aliñamento de árbores que se prolongaría pola fronte do mesmo.

Na parte posterior do colexio-igrexa, os macizos axardinados reconverteranse en zonas para estancia, coa posibilidade de instalar terrazas de hostalería, e na área do Centro de Saúde se ampliará o espazo para canalizar o paso de peóns á porta Falsa.

Ademais, trasladaranse a fonte de San Fernando e a escultura homenaxe á enfermería ao carón da Igrexa e ao fronte da Tesourería xeral da Seguridade Social, respectivamente.

  1. Rúas Bolaño Rivadeneira, Quiroga Ballesteros, Montevideo e Amor Meilán

Nesta zona búscase a diferenciación por medio do arboredo - tanto pola disposición dos aliñamentos como polas especies elixidas - que evidenciarán a evolución histórica, a primeira máis antiga, vinculada ao ensanche proxectado no casco vello, e a segunda, como prolongación para conectar coa Porta do Hospital trala construción de Santa María.

No tramo da rúa Quiroga Ballesteros, máis amplo que o recentemente peonalizado, contémplase unha maior densidade de árbores ao lado das edificacións residenciais, reservando zona de carga e descarga entre eles e liberando de obstáculos visuais os edificios dotacionais catalogados.

Ademais, Amor Meilán dótase dun aliñamento de camelios procedentes de Santo Domingo, achegando unha cor e unha riqueza que acompañen aos usuarios.

O pavimento está resolto con plataforma única, que destaca o paso de vehículos, e prevese na zona de tránsito de peóns zonas de ocupación de terrazas de hostalaría.

O impacto da medianeira do instituto Xoán Montes intégrase por ocultación co transplante do Ghinko Biloba, árbore singular hoxe en Santo Domingo, redeseñando este espazo para favorecer a estancia.

  1. Praza de Santo Domingo e rúa Teatro

Nesta intervención, un dos elementos máis emblemáticos, o monumento do bimilenaro de Lugo, proxéctase como un punto de encontro da cidadanía, que se moverá de sitio para que poida gardar a simetría coa Torre do Reloxo do Concello no eixe da rúa Raíña, propoñendo unha ligazón entre os dous monumentos decisivos na cidade.

Ademais, deséñanse outros dous ámbitos diferenciados, cada quen co seu foco escultórico, na parte alta da Praza, na contorna dun edificio singular como o Palacete de Somoza, e no recanto do Palacio de Velarde. Estes ámbitos estarán arborados e ben equipados con mobiliario urbano para favorecer a estancia e a posible instalación de terrazas de hostalería.

Tamén, no eixe ligado ao mosteiro de Santo Domingo e San Francisco, como fondo visual da praza polo oeste, se busca un aliñamento de plantacións para permitir unha mirada en perspectiva e devolverlles a importancia que tiveron na orixe deste espazo urbano.

Continuarase co pavimentado colocado na zona recentemente peonil e coa plataforma única con diferenciación do tránsito rodado e da zona central cun deseño concéntrico ao monumento.

Mobiliario urbano

Lara Méndez informou que estas zonas estarán dotadas de novo mobiliario urbano, “pensado para cada unha das intervencións en función da súa integración na paisaxe, os destinatarios e as súas características funcionais. Falamos de bancos e cadeiras, con respaldo, xardineiras, papeleiras, alcorques, redes de iluminación pública, etc”.

A alcaldesa presentou o proxecto acompañada dos responsables do Gabinete de Arquitectura e Urbanismo (GAU) así como do Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, xa que estas obras “coas que completaremos a peonalización do Casco Histórico, un dos nosos compromisos adquiridos coa veciñanza, as executaremos a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central, cos fondo europeos NEXT Generation”. O investimento ascende a 5,9 millóns de euros, dos que 4,4 son financiación europea.

Miñones agradeceu a disposición do Concello de Lugo “por participar activamente nos proxectos de transformación marcados no Plan de Recuperación” e apuntou que a ‘Arteria Verde’, o segundo proxecto presentado pola alcaldesa de Lugo na mesma liña de fondos europeos para acometer a transformación da Praza da Constitución e que está pendente de ver se hai proxectos que se dean de baixa, “ten tamén posibilidade de ser financiado por outras liñas que sairán proximamente”.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a peonalización do casco histórico (I) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a peonalización do casco histórico (II) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a peonalización do casco histórico (III) | Descargar mp3
  • O delegado do Goberno, José Miñones, sobre a peonalización do casco histórico (I) | Descargar mp3
  • O delegado do Goberno, José Miñones, sobre a peonalización do casco histórico (II) | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez: “O proxecto da total peonalización intramurallas porá en valor espazos emblemáticos e os encherá de vida”
  • Lara Méndez: “O proxecto da total peonalización intramurallas porá en valor espazos emblemáticos e os encherá de vida”
  • Lara Méndez: “O proxecto da total peonalización intramurallas porá en valor espazos emblemáticos e os encherá de vida”
  • Lara Méndez: “O proxecto da total peonalización intramurallas porá en valor espazos emblemáticos e os encherá de vida”
  • Lara Méndez: “O proxecto da total peonalización intramurallas porá en valor espazos emblemáticos e os encherá de vida”
  • Lara Méndez: “O proxecto da total peonalización intramurallas porá en valor espazos emblemáticos e os encherá de vida”
  • Lara Méndez: “O proxecto da total peonalización intramurallas porá en valor espazos emblemáticos e os encherá de vida”
  • Lara Méndez: “O proxecto da total peonalización intramurallas porá en valor espazos emblemáticos e os encherá de vida”
  • Lara Méndez: “O proxecto da total peonalización intramurallas porá en valor espazos emblemáticos e os encherá de vida”

Noticias relacionadas