Lara Méndez: “Nestes meses, coa dureza da pandemia, ocupámonos do importante e do urxente e preparamos as bases da recuperación da cidade”

A alcaldesa agradeceu no Debate do Estado da Cidade a solidariedade da veciñanza na pandemia. “Fronte a escenarios incertos, eliximos xenerosidade”.

Anunciou un novo espazo verde no Carme onde se colocará unha escultura para “lembrar aos profesionais da loita contra a COVID e a unha cidade que deu o mellor de si mesma”.

A rexedora sostivo que o 90% dos fondos destinados a estratexias europeas para a segunda gran transformación de Lugo están xa encamiñados.

Avanzou que o seu compromiso para que no 2021 todos os contratos que permitirán adecuar os servizos ao crecemento da cidades estean actualizados.

Méndez lanzou unha mensaxe de esperanza e pediulle á oposición “que rebaixe a confrontación para que non se esquezan do importante: o benestar dos lucenses”.

Mércores, 23 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “Nestes meses, coa dureza da pandemia, ocupámonos do importante e do urxente e preparamos as bases da recuperación da cidade”

O Concello de Lugo celebrou hoxe, o primeiro Debate sobre o Estado da Cidade deste mandato, “un dos máis duros, complexos e dolorosos da nosa historia debido a pandemia mundial e a emerxencia sanitaria, social e económica que está a condicionar as nosas vidas desde marzo”, sinalou Lara Méndez.

“Por iso, as miñas primeiras palabras deben ser de lembranza de todas aquelas persoas que sufriron e sofren o virus, porque enfermaron, porque a súa familia o padeceu con virulencia ou porque no camiño perdéronse vidas, de pais, nais, avós, irmáns, amizades..., e en moitos casos nin os puideron abrazar. E tampouco debemos esquecer a todas as vítimas secundarias desta situación, aquelas ás que a crise sanitaria lles impediu recibir unha asistencia médica en condicións e a tempo. Vaian para todas elas o máis sentido recordo da Corporación de Lugo”.

“Hoxe damos conta de 18 meses de traballo ao servizo da cidadanía, nos que 10 deles, desde o inicio do primeiro Estado de Alarma, adquiriron unha intensidade de xestión, política e funcionarial extraordinaria, obrigada por una situación tamén extraordinaria e que nos impulsou a este Goberno local e ao resto de servidores públicos do Concello a traballar sen descanso, sendo a nosa prioridade colaborar e contribuír a paliar a crise”.

“A todos eles quero amosar o meu agradecemento porque é de xustiza que destaque e recoñeza neste Pleno, coma alcaldesa que lidera este Goberno municipal, o meu orgullo polo labor desenvolvido, pola implicación e o compromiso co que se está a traballar nas distintas áreas e departamentos, en moitos casos máis alá da responsabilidade meramente profesional”.

“E teño que dicilo, non estivemos sos neste esforzo xa que fomos sempre da man da cidadanía de Lugo, que tivo comportamentos exemplares. Porque Lugo, como cidade solidaria que é, está a responder con enorme responsabilidade social ante a situación de pandemia. Aínda que nunca experimentamos restricións deste calado, que nos afectasen a tantos aspectos fundamentais na nosa vida, a maior parte dos nosos veciños e veciñas apostaron por coidarse uns a outros, creando lazos e redes de apoio dos que debemos sentirnos satisfeitos. Cáritas, Cociña Económica, Cruz Vermella e tantos outros colectivos e voces anónimas desenvolveron un gran esforzo para facer máis levadíos estes momentos”.

“Fronte a escenarios incertos, eliximos a xenerosidade e, neste momento, que podería ser máis importante que iso?”

“Desta maneira, hoxe, a escasas horas das festas de Nadal e de Reis e xa coa esperanza certa e real dunha vacinación próxima que nos de un respiro, quero dirixirme, unha vez máis, ás e aos lucenses para pedirvos que vos apoiedes mutuamente porque disto sairemos xuntos, pero só se nos mantemos unidos. Toca adaptarnos un tempo máis e seguir cumprindo as normas que as autoridades sanitarias marquen. Ningún de nós, sexamos parte da administración ou non, debe tolerar comportamentos que poñan en risco a vida doutras persoas”

“Pídovos que sexades fortes e apelo a vosa responsabilidade individual e comunitaria porque estamos xa na fase de inmunizarnos ante esta pandemia e só sairemos desta crise apoiándonos de maneira solidaria, e ese debe ser o mellor regalo de Nadal que entreguemos este ano. Só así o sufrimento será menor e poderemos manter os pilares e as bases do noso estado de benestar”.

“En anteriores debates sobre o Estado da Cidade apelei sempre a importancia do municipalismo e de modificar as leis que impiden que os concellos podamos desenvolver as nosas axendas propias cos recursos suficientes e con plena autonomía. O devir desta pandemia ven a por sobre a mesa a urxencia de abordar a reforma dunha xa obsoleta Lei de Bases de Réxime Local, redefinindo e clarificando competencias, porque as solucións efectivas radican na proximidade á cidadanía e aos seus problemas”.

“Son estas relacións de proximidade as que teñen unha potencia transformadora única porque aproveitamos a posibilidade de atoparnos cara a cara cos afectados e coas súas necesidades para colectivizar as respostas e decidir xuntos as cuestións que nos afectan como cidade”.

“Recentemente co Eixo Atlántico presentaba no Concello, tamén en calidade de vicepresidenta desta institución, o informe elaborado tras a Conferencia de Alcaldes de Galicia e Portugal celebrada en setembro. Neste documento, que recolle análises de decenas de rexedores e expertos internacionais reunidos por primeira vez en Europa para debater o alcance desta pandemia, queda perfectamente reflectido o liderado claro do municipalismo nestas circunstancias. Nesta xuntanza púxose en valor o papel determinante que xogamos as cidades desde o primeiro momento, porque fomos, e somos, as administracións locais, as máis próximas, as que estivemos afrontando as medidas sanitarias de apoio e as que despregamos todo un escudo social para atender as demandas da veciñanza, dos colectivos máis vulnerables, como os sen fogar, os nosos maiores, a nosa infancia e as mulleres vítimas da violencia de xénero. E tamén fomos clave nas axudas aos sectores económicos”.

“Neste contexto, as medidas que implementamos para cortar a cadea de transmisión da COVID-19 como o confinamento, a corentena, o distanciamento físico ou os límites de aforamento puxeron en xaque ao municipalismo.

Os concellos afrontamos en solitario, con recursos propios e sen que ningunha outra administración consultase con nós posibles solucións conxuntas, as competencias propias pero tamén as impropias, as que son da Xunta (como servizos sociais, escolas infantís ou comedores escolares), que fixemos nosas e atendemos porque todos os problemas dos nosos cidadáns nos acaban incumbiendo como Administración”.

“Desde o Concello ocupámonos das accións extraordinarias derivadas da pandemia como a limpeza e hixiene pública nas rúas, xardíns e outros espazos públicos ao aire libre ou pechados, das escolas infantís, da limpeza e mantemento dos colexios de primaria, dos comedores escolares, da xestión de espazos de apoio aos centros educativos, do control por medio da Policía Local do cumprimento das normas sanitarias en espazos públicos e privados (as terrazas, por exemplo, ou reunións familiares), o control de horarios en establecementos de lecer e doutro tipo, e un longo etcétera”.

“Todo isto facémolo mentres sufrimos falta de autonomía e apoio financeiro e, a pesar diso, respondemos con eficacia, rapidez e proximidade institucional e humana ás esixencias da cidadanía. E en Lugo actuamos, ademais, desde unha férrea lealdade institucional con todas as administracións implicadas na loita contra o virus e a crise. Botamos en falta o diálogo do Goberno galego cos concellos como si mantivo o Goberno central coas autonomías pensando nunha mellor coordinación das medidas adoptadas, e sentímolo porque creo firmemente que, máis que nunca, a sociedade espera o mellor de cada un de nós, e iso esixe unión e cooperación.Creo que non me equivoco se digo que a poboación reclámanos, aos partidos políticos e aos representantes públicos, que deixemos de lado os enfrontamentos para axuntar os esforzos en defensa do interese xeral. Que, sen renunciar á crítica, pospoñamos durante este tempo o lexítimo exercicio da confrontación política, para arrimar o ombreiro todos a un tempo co fin de superar a pandemia e recuperar a economía, a actividade das empresas e o emprego. Desde este Goberno local así o entendemos e este é o mellor exercicio democrático que nos debe ocupar”

“Estes primeiros 18 meses de mandato son tamén froito da estabilidade do Goberno local, estabilidade que nos permitiu pechar dous orzamentos municipais e con eles as principais ferramentas de planificación e gasto para que a nosa cidade medre ao ritmo que necesita e merece a súa veciñanza. Fronte aos bloqueos vividos no mandato pasado por todos os grupos políticos da oposición representados na Corporación, algúns dos cales xa non revalidaron o apoio cidadá, esta nova etapa de estabilidade abriu un novo escenario. Pasamos da negativa de toda a oposición a levantar a man para votar en favor do financiamento necesario para acometer melloras para a cidadanía a que proxectos que antes eran só dun partido, o socialista, se convertesen en causa común de dúas forzas, o partido socialista e o BNG”.

“Grazas a este cambio, actuacións que foron xestadas e preparadas no mandato anterior e que se ralentizaron pola falta de orzamentos, agora comezan a ser realidade. Falamos, por citar só algunhas como exemplo, da peonalización de Quiroga Ballesteros, da reforma da Praza de Abastos, do repintado de toda a sinalización viaria da cidade ou a ampliación do cemiterio, obras nas que investimos preto de 4 millóns de euros”.

“Todos estes proxectos se enmarcan na estratexia que comezamos a executar hai cinco anos e que está a supor unha segunda transformación de Lugo nunha cidade verde e sostible, onde os barrios foron adquirindo cada ano maior protagonismo. Lembremos que a primeira gran transformación caracterizouse principalmente pola firme aposta por recuperar o casco histórico e protexer a nosa muralla, onde se desenvolveron accións decisivas como as peonalizacións, nas que todos fomos sumando sucesivas actuacións xa que somos herdeiros de alcaldes e gobernos anteriores que as iniciaron, como é de xustiza lembrar”.

“Esta segunda transformación, que quixemos visualizar nos nosos compromisos electorais co proxecto de Vancouver, cidade pioneira en estratexias urbanas verdes, busca acadar un Lugo con baixos niveis de contaminación, abundantes espazos naturais para goce dos seus habitantes, baixas emisións de gases efecto invernadoiro e cun crecemento urbanístico baseado en edificacións bioclimáticas e sustentables, e onde a veciñanza estea educada no respecto medio ambiental”.

“Quero lembrar que o groso económico desta estratexia a estamos a desenvolver principalmente, pero non só porque é transversal a toda acción de Goberno, a través dos fondos europeos conseguidos no mandato pasado: máis de 20 millóns de euros do DUSI Muramiñae, do LIFE Lugo-Biodinámico e do SMART City, dos que logo darei conta dos avances, e aos que este ano sumaremos 3,4 millóns de euros dos fondos concedidos polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética en oito edificios municipais”.

“Este traballo está a situar a Lugo como un referente de ámbito non só galego, senón a nivel español e europeo, no urbanismo sostible, que engloba o deseño global das cidades do futuro coa nova mobilidade como unha variable máis dos cambios que debemos afrontar na loita contra o cambio climático. Neste sentido, compre destacar que a presenza da estratexia do Lugo verde nos medios de comunicación supera as 300 publicacións de difusión tanto nacional como internacional, máis de 30 de carácter científico e especializado”.

“O feito de que Lugo fose unha das dúas únicas cidades de Galicia seleccionadas para explicar os seus proxectos no Cumio do Clima en Madrid hai agora un ano non é só un motivo de orgullo para nós, e ademais unha oportunidade para reforzar a nosa marca cidade e a nosa capacidade para atraer investimentos sostibles e impulsar a economía circular, que son tamén as apostas dos fondos de reconstrución europeos.

Pero cando falamos do Lugo-Vancouver tamén nos estamos a referir aos obxectivos de desenvolvemento sostible que no 2015 adoptaron os líderes mundiais para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todos como parte dunha nova axenda de desafíos globais”.

“E esta mesma semana coñecemos o último informe sobre os ‘ODS das 100 cidades españolas’, que nos sitúa a Lugo como a urbe galega máis avanzada na súa consecución, traballo que ven realizando este Goberno local desde o 2015 obtendo as mellores notas nas áreas de enerxías renovables e non contaminantes e de crecemento económico, así como nos parámetros de saúde e benestar, educación, igualdade de xénero, auga e saneamento, redución das desigualdades, cidades sostenibles e institucións, o que se traduce, en definitiva, nunha mellor calidade de vida da nosa veciñanza. Temos deberes aínda que cumprir, pero avanzamos”.

“De todo isto tamén falarei hoxe, neste debate”.

Lugo camiña. E non deixou de camiñar durante a pandemia, máis ben acelerou a rapidez dos seus pasos, axustando, iso si, as prioridades das súas áreas para afrontar o reto que supón a crise sanitaria e as súas derivadas co fin de xestionar mellor unha nova realidade.

Foi un 15 de marzo, un domingo, apenas unhas horas despois do anuncio do Estado de Alarma polo Goberno de España cando decretei os servizos públicos municipais esenciais e convoquei aos membros deste Goberno cun fin claro: articular un dispositivo que permitise comezar a adoptar decisións coa celeridade que esixía a situación, artellando medidas orientadas a fornecer a base da nosa comunidade local.

Creamos dous comités, un de seguimento e avaliación e un executivo, co obxectivo de coordinar conxuntamente as medidas a pór en marcha, descoñecendo entón que serían decenas pola gravidade da situación e polo tempo que duraría. Pero tamén soubemos prever a crise que se aveciñaba e anunciamos ese mesmo día que habilitaríamos unha liña de axudas directas por valor de 5 millóns de euros.

Alí naceu o Plan Reanima, co voto unánime de toda a Corporación. Apoio que durou apenas uns días porque as críticas da oposición foron constantes a pesar de que axudou a paliar nun primeiro momento os danos das medidas preventivas contra o coronavirus que afectaron tanto ás pequenas e medianas empresas como aos autónomos e empregados por conta allea, así como ás familias.

Fomos a primeira administración en preparar estas axudas, e tamén en abonalas, e detrás de nós viñeron outros municipios e outras administracións, e a Xunta acábase de sumar hai apenas unhas semanas. Benvida sexa.

Foi a primeira medida de choque que activamos cun obxectivo inicial: inxectar liquidez a nosa economía local cando o confinamento nos obrigou a parar e a recluírmos nos nosos fogares. Foron máis de 3.400 os beneficiario/as destas axudas, que inxectamos na economía lucense e que axudaron a facer fronte aos gastos nunha situación de tanta complexidade.

Foi a primeira medida, pero non a única. Ademais, co propósito de salvagardar os empregos, adoptamos de xeito inmediato outras decisións, das que quero destacar as seguintes:

  1. Mantivemos as empresas prestadoras de servizos ao Concello co fin de evitar Ertes, beneficiando así a 700 familias.
  2. Aceleramos o abono de facturas a provedores, aos que inxectamos máis de 18 millóns de euros en liquidez nos dous primeiros meses da pandemia. A día de hoxe son xa 52 millóns de euros, mantendo unha media de pago de 11’3 días, rebaixando ata un terzo o prazo legal establecido.
  3. Exoneramos os alugueiros municipais ás 44 empresas aloxadas no CEI Nodus e aos 66 comerciantes da Praza de Abastos e Mercado Municipal.
  4. Aprazamos o pago de impostos, como o IBI, para protexer a economía das familias, emprendedores e empresas, así como as taxas urbanísticas.
  5. Acordamos non liquidar as taxas das terrazas da hostalaría, o que se manterá ao longo do 2021, que se traducirá ao final en dous anos de exencións para axudar á supervivencia dun sector que representa o 16% na economía local.
  6. Puxemos en marcha ferramentas dixitais para incentivar a compra nos comercios de proximidade. Fomos os primeiros en Galicia en lanzar unha plataforma para a venda de produtos por Internet cando os establecementos estiveron pechados, coa campaña ‘Cos de Sempre’, ferramenta que volvemos recuperar agora para incentivar as compras de Nadal .
  7. Lanzamos, os primeiros de España, un programa piloto da EOI e o Concello de Lugo para o asesorar no confinamento ás empresas co fin de que se preparasen para o día despois, no que participaron 350 persoas.
  8. Activamos a estratexia ‘Lugo Seguro’, e tamén nos adiantamos ofrecendo cursos de formación nos comercios e na hostalaría para xerar confianza na clientela, aos que se sumaron máis dun centenar de establecementos.
  9. Lanzamos a plataforma Fórmate Lugo coa que 850 lucenses realizaron cursos online e gratuítos para mellorar a súa empregabilidade.

10. Promovemos accións de apoio ao comercio de proximidade, con medidas  á dixitalización e co lanzamento dos Tardeos da Tinería, para crear unha cultura de ocio máis familiar e en horario máis cedo, e dos mercadillos de San Pedrín e A Milagrosiña, que tiveron tanto éxito que pronto sumaron a máis barrios na súa organización.

11. Asinamos unha batería de contratos para executar obras municipais e reactivar así o sector da construción.

12. E podemos anunciar, orgullosos, que do CEI-Nodus municipal naceron os primeiros 20 emprendedores da pandemia en Galicia, mozos e mozas aos que acompañamos no seu aprendizaxe e na procura de investimento para os seus proxectos empresariais.

Son algunhas das axudas e iniciativas que puxemos en marcha entre outras moitas, pero en cada unha destas accións estivemos traballando man a man cos distintos sectores produtivos afectados de Lugo, creando mesas de traballo e mantendo un contacto directo permanente para poder coñecer as súas necesidade e darlles repostas áxiles e axeitadas”.

Lugo non é só unha cidade que camiña, é unha cidade que coida, especialmente aos máis débiles e vulnerables para acadar unha maior xustiza social, e niso o Concello está aliñado e apoiado polos colectivos do terceiro sector.

Esta pandemia obrigounos a reaccionar, como dixen, desde o primeiro momento, e así fixémolo tamén no aspectos máis sociais e de protección. Actuamos con rapidez na posta en marcha de dispositivos especiais de limpeza e desinfección da cidade, dos espazos públicos e dos centros municipais, así como na recollida de residuos COVID-19, protocolos que foron recoñecidos pola súa calidade e correcto desenvolvemento por AENOR, entidade de certificación da xestión de servizos.

Lugo aumentou, ademais, o escudo social, que é o eixo central das políticas deste Goberno desde hai máis de vinte anos, e que xa crecera un 18% nos orzamentos do 2020, no que destinamos máis de 28 millóns de euros, o 28% do total dos presupostos.

Pero ese escudo inicial foi necesario reforzalo polos efectos da pandemia, chegando, por exemplo, a duplicarse o número de beneficiarios do servizo de Xantar no Fogar ata alcanzar os 121 actuais. A maioría, en torno ao 60%, son mulleres, maiores de 65 anos, que viven soas e ás que, logo do confinamento obrigado que impuxo o Estado de Alarma, a permanencia do COVID as mantén nun illamento aconsellable ante o risco de contaxio.

Desde a área de Benestar duplicamos a partida económica asignada a esta prestación ata aos 160.000 euros. Un orzamento que mesmo se complementa con outras axudas, a través da emerxencia social, que destinamos incluso a adquisición dos propios electrodomésticos para quentar a comida.

O obxectivo deste Goberno é ofrecer unha atención integral, coa que pretendemos paliar as necesidades asistenciais dos colectivos máis débiles, entre eles os nosos maiores, 22.000 na nosa cidade, 5.000 que viven nunha situación de soidade non desexada, mellorando o seu coidado e calidade de vida pero contribuíndo tamén a que se desenvolvan con autonomía e poidan permanecer nos seus fogares co fin de que manteñan o seu arraigamento e o contacto coa comunidade veciñal á que pertencen.

Para este colectivo puxemos en marcha o programa Acompañámoste, a través do cal contactamos con eles para que saiban que non están sos e que damos resposta as súas necesidades físicas pero tamén máis afectivas. Este programa veu para quedarse e, para iso, acabamos de ampliar as súas prestacións a través dun convenio coa Cruz Vermella”.

“Esta pandemia tamén supuxo un duro golpe para os sen fogar, especialmente durante o confinamento, e para poder acollelos día e noite a área de Benestar habilitou o pavillón de deportes, onde acolleu ao redor de 42 persoas diarias, cunha media de idade entre 30 e 54 anos de idade. En total pasaron polo polideportivo habilitado 77 usuarios. Entre eles había persoas de Lugo, pero tamén de localidades da provincia que non dispoñen deste tipo de instalacións e incluso doutras grandes cidades como Santiago, Ourense, A Coruña, e mesmo de Bilbao e Madrid.

Despois do confinamento, e unha vez máis sendo proactivos e previsores ante esta crise, comezamos as obras de reforma do Fogar do Transeúnte para que poida ampliar o número de prazas.

O Concello reforzou tamén as axudas de emerxencia social e as de aluguer, porque nunca como agora, pola salvagarda do ben máis prezado que temos que é a nosa saúde, tivo tanta importancia dispoñer dun fogar, polo que este ano destinamos para este fin 750.000 euros.

O acceso á vivenda digna é un dereito constitucional, un recurso fundamental e de primeiro orde, e unha competencia da Xunta que, por desgraza, leva moito tempo en Lugo sen exercela a pesar de que as listas de espera por un alugueiro social ascenden a preto de mil persoas.

Tamén este ano impulsamos novidosos programas de conciliación e de xuventude, adaptados ás restricións da pandemia; lanzamos programacións promovendo actos culturais seguros e triplicamos o Plan Estratéxico de Subvencións, que plantexamos como unha ferramenta indispensable para impulsar, promover e potenciar a participación da sociedade civil nos distintos ámbitos de xestión que son de interese xeral, introducindo melloras para axilizar a súa xestión e que os colectivos e asociacións beneficiarias as poidan cobrar antes.

Outro dos eslabóns máis fráxiles da sociedade, a infancia, foi tamén motivo de especial preocupación para este Concello, e desde Benestar demos solucións ás familias sen recursos para as que o comedor escolar era unha axuda fundamental, e agora ampliamos o programa Acompañámoste tamén para atender aos escolares con menos recursos e necesitados de reforzos académicos”.

Estas son só algunhas das medidas extraordinarias que puxemos en marcha durante a pandemia.

“Pero antes de que comezasen os meses onde estamos a vivir as maiores incertezas e medos da historia moderna desta cidade, o que nos obrigou a reorientar medidas, programas e proxectos, e tamén durante a posta en marcha e a execución de todos os recursos excepcionais que este Goberno activou, este concello dedicou un esforzo moi importante para seguir a folla de ruta marcada nos orzamentos do 2020 para mellorar servizos e executar os investimentos do mesmo.

Pero non só porque apostamos por aumentar estes investimentos con sucesivas incorporacións de crédito desde os remanentes porque, fronte a outros gobernos que noutras épocas viron nos recortes solucións que finalmente só causaron sufrimento, este Goberno municipal optou por investir para seguir crecendo. Porque Lugo non pode nin debe deixar de medrar.

Somos do convencemento de que se en tempos normais o investimento público é un mecanismo máis para impulsar a actividade, nesta época excepcional de crise sanitaria e económica, o gasto que fagamos as administracións con perspectivas de futuro é un estímulo para o investimento privado e o elemento fundamental co que superar o revés ocasionado pola pandemia.

Estamos a falar dunha mobilización de recursos nestes 18 meses de Goberno superior aos 49 millóns de euros, é dicir, un esforzo inversor sen precedentes na historia de Lugo destinado a impulsar a súa recuperación e a súa segunda gran transformación.

Os investimentos, tal e como anunciamos na presentación dos primeiros orzamentos deste mandato, foron encamiñados a mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza, a acadar un maior estado de benestar, a modernizar e humanizar os nosos barrios, a embelecer a cidade, a melloras no rural, a novas infraestruturas e a aumentar a dimensión ecolóxica que permita a Lugo seguir abandeirando a adaptación contra o cambio climático.

Durante estes meses demos un impulso significativo a execución dos fondos europeos, e podemos dicir que o 90% dos proxectos LIFE, Muramiñae e Smart City están encamiñados: é dicir, cos proxectos realizados, coas obras contratadas ou co gasto comprometido.

Da estratexia DUSI, destinada a cambiar a mobilidade e a saldar a nosa débeda histórica co Miño para que forme parte do noso día a día co fin de que deixemos de vivir as súas costas, este é o balance de mandato:

  • A pasarela sobre a N-VI, que permitirá que a cidadanía de Lugo poida gozar da contorna do río ou acudir andando ou en bicicleta, con maior seguridade, aos eventos deportivos do Anxo Carro, está moi avanzada. No primeiro trimestre do 2021 estará aberta.
  • Está contratada a primeira gran senda verde ciclista de Lugo, de 14 quilómetros que unirá 8 barrios e nos achegará cunha mobilidade sostible e saudable ao Miño. Comezará a executarse en xaneiro, así como os aparcamentos disuasorios que axudarán a compensar as prazas destes barrios.
  • Contratadas están tamén as actuacións coas que continuaremos coa posta en valor do Carme iniciada a principios deste mandato coa descontaminación da Rúa Vicedo. Este será un proceso xa imparable para recuperar unha das zonas de maior beleza da cidade e un barrio que debemos preservar pola súa ubicación ao lado da Muralla e un acceso peonil ao río que destaca polo patrimonio que alberga.

Estamos a falar das actuacións de mellora do Camiño Primitivo e da Vía Romana XIX, e do paso de peóns intelixente que unirá o Camiño pola Ronda do Carme, que se iniciarán en xaneiro.

  • Outras obras previstas na zona como o primeiro coliving artístico público de España ou a peonalización da calzada da Ponte Romana están pendentes do informe de Patrimonio para iniciar o proceso de licitación, proceso ao que levaremos en breve o paso soterrado da Nacional VI. No caso das Caldas na contorna do Pazo de Feiras, onte mesmo recibimos o visto bo de Patrimonio, o último escollo para empezar a tramitar a súa adxudicación.
  • No DUSI máis social, está en contratación nestes intres o novo edificio de Benestar de Lamas de Prado, que impulsará a dinamización e o desenvolvemento desta zona,
  • e, aínda que o cito de último non é o de menor importancia, quero destacar o programa Muramiñae Rehabilita, un plan de emprego de 700.000 euros co que lle ofrecemos unha oportunidade laboral a 27 persoas de colectivos vulnerables, que están a executar obras e embelecer espazos da zona DUSI que os mesmos veciños solicitaron nun proceso de participación cidadá.

Do proxecto LIFE Lugo-Biodinámico, este ano comezaron as obras do Impulso Verde, un edificio público que será un referente en Galicia polo uso construtivo da madeira e polo seu baixo consumo enerxético e de emisións contaminantes. Este ano, ademais, finalizamos o deseño do barrio multiecolóxico, o primeiro de España.

Pero desenvolvemos ademais, outros investimentos:

  • Comezamos as obras do novo centro polivalente da Piringalla.
  • Estamos a executar a peonalización de Quiroga Ballesteros, e puxemos en marcha peonalizacións noutros barrios da cidade para gañar espazos para as persoas, nun proceso xa iniciado no pasado mandato pero que aceleramos coa pandemia.
  • Pensando na infancia, construímos novos parques infantís como o da Praza de Bretaña e melloramos os de Aquilino Iglesias, Campo Castelo, Rosalía de Castro, Praza da Milagrosa e o de Albeiros, e acabamos de adxudicar a cuberta e ampliación do de Augas Férreas.
  • Ampliamos as zonas verdes e as áreas de esparcemento para as relacións interxeracionais, como o novo parque de Alcalde Xosé Novo Freire, e melloramos outras espazos verdes en Gallego Tato e Praza Viana do Castelo.
  • Comprometemos o gasto de 1,2 millóns para erradicar o fibrocemento nas canalizacións de auga nas 14 rúas con maior número de avarías. Son 7 proxectos de intervención que afectarán a 250 acometidas da rede de abastecemento
  • Executamos o canil na Rúa Serra dos Ancares, o cuarto da cidade, dotado cun novidoso circuíto de ximnasia para mascotas, e reformamos na súa totalidade o de Carril das Estatingas, a petición dos usuarios
  • Seguimos traballando en optimizar as instalacións deportivas, renovando os campos de fútbol das Gándaras I e II, así como as pistas de atletismo, o polideportivo da Piringalla e o campo de rugby das Pedreiras; contratamos a cuberta das pistas de tenis de Frigsa e a construción dun Skate Park xunto ao equipamento do Centro Comercial as Termas, ao tempo realizamos melloras no Palomar e que comezamos a traballar no circuíto de motocross en Teixeiro.
  • En infraestruturas do rural, no que levamos de mandato investimos máis de 2 millóns de euros mellorando a seguridade viaria dunha trintena de estradas e ampliando as redes de abastecemento en varios núcleos, así como os puntos de luz.

Impulsamos a instalación de fibra óptica no rural e no casco histórico para afrontar os novos tempos da dixitalización que impón Europa, contratamos o proxecto de instalación de desfibriladores que nos converterá na cidade máis cardioprotexida de Galicia e do norte peninsular para protexer a vida da cidadanía ante posibles infartos, estamos a repintar a sinalización de toda a cidade, fixemos obras de mellora no cemiterio, a Praza de Abastos, a Cafetería do Vello Cárcere, o Fogar do Transeúnte, a Casa da Xuventude, a sede da Policía Local, nos centros Uxío Novoneyra, María Balteira e Sagrado Corazón, así como na Casa das Asociacións...

Como ven, este Goberno municipal e o equipo de empregados públicos deste Concello traballaron sen descanso nun ano de extrema complexidade”.

“Quero centrarme agora no proceso de modernización desta Administración, unha transformación que comezou ao final do pasado mandato co Smart City pero fomos quen este ano de impulsalo ata cumprir case todos os obxectivos do noso Plan de Acción.

Estes fins non son outros que:

  • Ser máis áxiles e ofrecer máis prestacións e de maior calidade á veciñanza, cambiando para iso as dinámicas de traballo.
  • Dimensionar os servizos e incrementar a súa eficiencia.
  • Achegar a Administración á cidadanía, que poida acceder a ela a un sinxelo golpe de ratón.

Entre os obxectivos xa acadados figura a entrada en vigor da RPT, a implantación dun sistema para fichar e a creación de bolsas de traballo para cubrir 42 categorías profesionais co fin de axilizar a provisión de postos de traballo. Bolsas ás que se presentaron máis de 9.000 solicitudes.

Grazas a aprobación da RPT comezamos a prover definitivamente as xefaturas de área e a materializar a convocatoria das distintas Ofertas Públicas de Emprego, puidemos ir dimensionando departamentos ou Corpos tan importantes como a Policía Local ou o Servizo e Bombeiros, hoxe cun número de efectivos moito máis acorde á carga de traballo que asumen e aos cocientes de poboación do municipio.

Neste ano implantamos, ademais, a e-administración, adiantando os tempos previstos para proceder a xestionar as demandas do Plan Reanima con maior premura, axilizamos os procesos para atender ás demandas cidadás nas distintas áreas de Goberno, como contratación e urbanismo, e asentamos as bases das novas incorporacións de persoal.

Esta modernización da Administración permitiunos centrar tamén os nosos esforzos en actualizar os contratos dos servizos municipais poder adaptalos a nova realidade e as novas necesidades da cidade.

Algúns tan importantes como o de limpeza e a recollida de lixo, que será un fito para o municipio xa que substituirá ao actual do ano 1996 e situaranos na vangarda da sustentabilidade tamén neste escenario.

E todos estes avances fixémolos, ademais, con moitos dos empregados públicos teletrallando, sistema que conseguimos implantar cunha rapidez e unha eficacia digna de eloxio grazas aos nosos servizos informáticos”.

“Somos conscientes de que aínda temos moito traballo para acadar a actualización dos contratos aínda pendentes, pero hoxe, neste Pleno, comprométome a que no 2021 finalizaremos a renovación na súa totalidade.

Ata o de agora fixen un balance do que foi a xestión municipal neste 18 meses, difíciles e cheos de incertezas e medos, de moitas horas de traballo e moito esforzo por non deixar a ninguén atrás, pero quero lanzar neste fin de ano unha mensaxe de esperanza á cidadanía porque Lugo está preparado para afrontar o futuro con optimismo, sen triunfalismos, pero con optimismo xa que estamos a pór as principais ferramentas e recursos cos que contamos na administración ao servizo da recuperación.

Acabamos de aprobar uns orzamentos de 106,4 millóns de euros para o 2021, extraordinarios para unha situación extraordinario tal e como avanzamos, expansivos e solidarios, os máis sociais da historia de Lugo e que incrementa un 40% as partidas orzamentarias. Un bo presuposto.

E lanzamos a segunda das grandes ferramentas coas que nos dotaremos para que a nosa cidade medre en investimentos e postos de traballo, para que os nosos fillos e fillas poidan atopar oportunidades e desenvolver o seu proxecto de vida, persoal e profesional, en Lugo.

Falamos, como saben, da estratexia Lugo Transforma, pioneira no ámbito municipal de Galicia, coa que mobilizaremos por primeira vez na nosa cidade un fondo emprendedor de 12 millóns de euros para atraer empresas que xeren postos de traballo e un alto impacto social e medioambiental, en sectores que consideramos estratéxicos no noso modelo urbano, de vangarda e sostible.

Durante esta pandemia, Lugo, como o resto de municipios, foi máis consciente que nunca das súas debilidades fronte aos cambios que se aveciñan porque, estamos convencidos, esta recesión cambiará modos de vida e obrigaranos a blindarnos fronte a novas ameazas vinculadas coa saúde, pero que afectará, como xa estamos a ver, a todas as esferas das nosas vidas.

Por iso, Lugo debe ser proactivo, debe adiantarse no seu análise a curto e medio prazo para achegar solucións e xerar impulsos, como fixemos ata o momento, reforzando os que son agora os piares fundamentais dos nosos sectores produtivos, o comercio e a hostalaría, pero buscando a diversificación do noso tecido empresarial para ser máis fortes e resilientes ante os cambios.

Gustaríame que neste proceso de xeración de confianza en nós mesmos como cidade e de esperanza dun mañá máis luminoso me acompañase toda a Corporación.

Téndolles a man e pídolles o seu apoio neste camiñar. É necesario rebaixar os niveis de confrontación, e tamén de superficialidade estrema no debate, para sumar forzas.

Que o ruído político e partidista non nos faga esquecer o esencial, que é o benestar a veciñanza de Lugo, que vive días de incertezas sen saber que pasará mañá, se terá saúde, se manterá o traballo, se poderá ver os seus seres queridos...

É a nosa obriga como representantes políticos poñernos na súa pel e empatizar coas súas preocupacións, pero tamén debemos, cada un de nós no posto onde a cidadanía nos situou nesta Corporación, trasmitirlles liderado, alento e solucións. Non podemos pedirlles aos nosos veciños e veciñas responsabilidade ante a situación se nós non estamos á alturas que as circunstancias nos esixen.

Por iso, convídolles a abrir a porta a este novo escenario, tan diferente ao de hai apenas un ano”.

“E non quería rematar a miña primeira intervención neste Pleno Extraordinario sen realizar un novo recoñecemento a todos as persoas que estiveron e están na loita contra a pandemia, en especial ás traballadoras e traballadores que operaron na primeira liña durante o Estado de Alarma para protexer e coidar á veciñanza.

Falamos dos servizos de atención sanitaria e atención farmacéutica, agroalimentario e da limpeza, dos servizos sociais e das forzas e corpos de seguridade, así como dos transportistas e demais profesionais dos servizos esenciais.

A todos eles lles entregaremos o maior recoñecemento da cidade, as Medallas de Oro, en canto as restricións nos dean un respiro para que esa homenaxe poida acadar a honra que necesita.

Mentres tanto, mudemos eses aplausos de ánimo que lles demos durante o confinamento por grandes doses de responsabilidade, e teñamos en conta que as medidas adoptadas polas institucións para mitigar os efectos desta pandemia deben ir acompañadas das accións levadas a cabo por cada un de nós a título individual.

Actuemos e teñamos memoria do acontecido porque iso faranos máis fortes e sabios, afouteza que este Goberno local quere plasmar nun monumento que nos axude a non esquecer.

Para iso, proxectamos a creación dun novo espazo verde nun barrio emblemático como é o Carme onde se situará unha escultura en lembranza da importancia e da forza da nosa sanidade pública así como da enorme valía de todos os que estiveron en primeira liña, pero tamén como recordatorio para a posteridade sobre como esta cidade foi capaz, na maior crise que viviu neste século, de demostrar o mellor de si mesma.

Este é un balance do traballo municipal de 18 meses moi satisfactorio para quen estamos ao fronte desta institución, porque fomos capaces de ocuparnos do importante e do urxente, porque foi unha xestión eficaz e porque preparamos as bases para que Lugo saia desta recuperación máis forte, máis orgulloso e máis concienciado do enorme valor e valores da nosa cidade”, concluíu a rexedora.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Debate do Estado do Concello  | Descargar mp3

Noticias relacionadas