Lara Méndez, na entrega dos premios de AJE: “Lugo non existiría sen emprendedores”

Xoves, 27 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este xoves no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) na gala de entrega do V Premio Lugo Emprende, certame organizado por AJE Lugo, un acto no que a rexedora subliñou a vital importancia dos emprendedores para o tecido socioeconómico do concello. “Lugo non existiría sen emprendedores; sodes unha das principais forzas transformadoras da sociedade”, asegurou a rexedora, aludindo a que máis do 90% das empresas do concello son pequenas e medianas empresas ou autónomos, dos cales máis do 80% pertencen ao sector servizos. “Dunha idea, sae un proxecto, e un proxecto pode dar lugar a un autónomo ou a unha empresa, que crean postos de traballo”, afirmou. Neste senso, fixo referencia a proxectos que naceron en Lugo e que hoxe “son grandes empresas que son unha referencia internacional”.

Lara Méndez felicitou aos emprendedores e empresarios que presentaron candidatura aos premios AJE Lugo, así como aos galardoados por “un recoñecemento ao que seguirán moitos éxitos no futuro”, e animounos a “seguir loitando”. Valorou así mesmo que AJE Lugo retome o Premio Lugo Emprende despois de catro anos porque supón “un estímulo para os emprendedores, moi necesario e merecido”.

Multimedia

Noticias relacionadas