Lara Méndez mobilizará en abril un millón de euros nun segundo plan municipal de axudas directas para autónomos e empresas

A rexedora de Lugo desenvolve o compromiso do Goberno local de destinar o 1% do orzamento deste ano aos sectores máis afectados polas continuadas restricións sanitarias.

As subvencións serán de 2.000, 1.500 e 1.000 euros por beneficiario dependendo de se o peche dos establecementos é total ou parcial e segundo o número de empregados.

A alcaldesa lembra que os recursos deste plan e do Reanima de 5 millóns de euros son municipais, porque a Xunta non canalizou nin “un euro das axudas do Goberno central aos concellos”.

Establécese un novo procedemento, máis áxil, de presentación e resolución de solicitudes, cuxa concesión realizarase por rigorosa orde de entrada na sede electrónica municipal.

Luns, 29 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez mobilizará en abril un millón de euros nun segundo plan municipal de axudas directas para autónomos e empresas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe un novo Plan de Reactivación Económica de axudas directas a empresarios e autónomos afectados polas restricións sanitarias da pandemia, que se porá en marcha o vindeiro mes de abril.

Será o segundo plan, que mobilizará un millón de euros, que lanza o Concello de Lugo, o segundo tras o Plan Reanima Lugo, dotado de cinco millóns de euros e que foi o primeiro que se puxo en marcha en Galicia, o 15 de marzo, e o primeiro que comezou a pagar as axudas aos sectores.

“Co Reanima inxectamos liquidez a máis de 3.300 beneficiarios nun momento onde, por culpa dos peches obrigados polo confinamento, necesitaban afrontar o pago das súas facturas e poder manter as súas empresas en pé”, sostivo a rexedora, que lembrou que en ambos os dous programas de axudas, así como nos de asistencia social extraordinaria que articulou o Concello, “actuamos só con recursos municipais xa que a Xunta non está a canalizar cara as administracións locais nin un só euro das subvencións millonarias que recibe do Goberno central para asistir nesta emerxencia sanitaria, incluídas as axudas directas para pemes e autónomos, neste caso, 234 millóns de euros que son os que veñen para Galicia”.

A alcaldesa, acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, considera este segundo Plan de Reactivación de imperiosa necesidade para “os sectores da cidade afectados polas restricións, xa que supuxo o peche temporal, total ou parcial, de moitos negocios e establecementos, e polo tanto unha diminución económica nos seus ingresos”.

As axudas  da nova convocatoria, que se situarán en contías fixas de 1.000 a 2.000 euros por beneficiario, van dirixidas a aquelas actividades económicas consideradas máis prexudicadas pola COVID-19, tomando como base a normativa autonómica relativa ás medidas de prevención e restrición pola cal son afectadas, “para desta maneira contribuír á reconstrución da nosa sociedade e fomentar a estabilización da economía lucense”.

Compromiso cos sectores máis afectados: hostalería, turismo, comercio e cultura

A iniciativa mobilizará 1.060.000 euros, o que supón o 1% do Orzamento Municipal para este 2021. “Foi o compromiso que adquirimos como Goberno Local tras a negociación fallida coa Xunta, onde os municipios defendiamos que, debido ás graves consecuencias económicas tras varias ondas de contaxios, todas as administracións aportásemos a mesma porcentaxe dos nosos presupostos para axudas directas, concretamente o 1%, o que suporía unha aportación de 116 millóns para salvar empregos en vez dos 75 millóns que finalmente moverá o Goberno galego”, sostivo Lara Méndez.

O Plan de Reactivación establece dúas liñas de axudas directas a autónomos, microempresas ou pemes con domicilio fiscal no Concello de Lugo.

Liña A.- Axudas a empresas que realicen actividades económicas obrigadas ao peche temporal total, que recibirán unha axuda de 2.000 euros por beneficiario se ten 5 ou máis traballadores, e 1.500 euros se ten menos de cinco.

Nesta categoría entran hoteis e aloxamentos similares (turísticos e outros de curta estancia, cámpings, etc.); establecementos de hostalería e restauración; empresas vinculadas coas artes escénicas e as súas auxiliares, as dedicadas á creación artística e literaria,  xestión de salas de espectáculos, de actividades de museos e bibliotecas ou instalacións deportivas e ximnasios, entre outras.

Liña B.- Axudas a empresas que realicen actividades económicas obrigadas ao peche temporal parcial. A contía desta liña, na que se inclúen todo tipo de comercios e de axencias de viaxes, principalmente, é de 1.000 € por beneficiario.

Axilización do procedemento

Para este Plan de Reactivación, o Concello de Lugo establecerá un novo procedemento, máis áxil,  tanto na presentación das solicitudes por parte dos interesados como para a súa resolución, “pois xa contamos coa experiencia previa do Plan Reanima e, polo tanto, aplicaremos unha mellor adaptación da súa tramitación a través da nosa sede electrónica, que será a única vía para acceder ás subvencións”, incidiu a rexedora.

O procedemento de concesión non terá a consideración de concorrencia competitiva, dado que polo obxecto e pola finalidade das axudas non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

A concesión realizarase por rigorosa orde de entrada (data, hora, minuto e segundo) das mesmas no rexistro electrónico do Concello, e tras a comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados, até o esgotamento do crédito.

A presentación de solicitudes deberá de realizarse a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP). Traballamos coa previsión de que se abra o prazo na terceira semana deste mes de  abril.

A alcaldesa de Lugo avanzou que as bases do Plan de Reactivación deberán aprobase en Xunta de Goberno Local e a incorporación do millón de euros a través de remanentes se aprobará nun próximo Pleno Extraordinario.

Con estas axudas directas, o Executivo de Lara Méndez reforza a súa aposta por manter o postos de traballo do municipio. As mesmas completaranse coa aprobación proximamente dun Plan de Dinamización económica dos distintos barrios e sectores da cidade, no que se investirá 1,4 millóns de euros.

Así mesmo, estase a ultimar a adxudicación do Lugo Transforma, a estratexia coa que se mobilizarán 12 millóns de euros a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos, atraer empresas e crear emprego sostible. Ademais, Lugo está preparando a Mesa para a Diversificación Industrial, onde se deseñará o futuro da man dos distintos axentes económicos e institucionais.

Máis info

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o II Plan de Reactivación Económica (I) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o II Plan de Reactivación Económica (II) | Descargar mp3

Noticias relacionadas