Lara Méndez mellorará cun dispositivo intelixente a accesibilidade de persoas con perda auditiva ao edificio administrativo do Seminario

As alertas sonoras, como alarmas ou timbres, traduciranse en notificacións visuais, a través das luces do edificio e dunha app de descarga gratuíta.

A alcaldesa de Lugo sostén que “buscamos avanzar cara unha cidade de referencia en materia de accesibilidade, eliminando todo tipo de barreiras, tanto físicas como sensoriais”

Este proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, que tamén inclúe entre os seus fins mellorar o acceso da cidadanía á administración a través da novas tecnoloxías.

Sábado, 08 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez mellorará cun dispositivo intelixente a accesibilidade de persoas con perda auditiva ao edificio administrativo do Seminario

O Goberno de Lara Méndez implantará un sistema intelixente Smart no edificio administrativo do Seminario para mellorar a accesibilidade das persoas xordas e con perda auditiva. Así o avanzou a rexedora, quen subliñou que “con este proxecto pretendemos avanzar cara a unha cidade de referencia en materia de accesibilidade, continuando co traballo que estamos desenvolver dende o executivo para eliminar as barreiras, tanto físicas como sensoriais, que resultan un impedimento para as persoas con diversidade funcional”.

Trátase dun sistema baseado na intelixencia artificial mediante o recoñecemento de sons que se instalará na planta baixa e na segunda planta do edificio de servicios administrativos do Concello, onde se sitúan os departamentos con servizo de atención ao público. “Deste xeito, buscamos dotar dun sistema de accesibilidade auditiva ao Seminario, mellorando a seguridade e accesibilidade para todos os seus usuarios, e especialmente para as persoas xordas ou con perda auditiva”, apuntou a alcaldesa.

O proxecto, impulsado pola área de Benestar, contempla a instalación de dous sistemas de intelixencia artificial, un en cada planta do edificio, que recollerán as alertas sonoras (como por exemplo, alarmas de incendio, avisos de turno, timbres, etc.) e as amosarán en forma de notificacións visuais e sensoriais a través das luces do edificio, así como nos dispositivos smart das persoas usuarias (smartphones, tablets, smartwatch...) a través da app Visualfy, de descarga gratuíta.

Para mostrar as alertas en forma visual, instalaranse catro lámpadas de sinalética distribuídas en corredores e salas de espera das plantas mencionadas. Estas lámpadas funcionan como luces de emerxencia, isto é, mostrarán as alertas mesmo se hai un corte de luz ou caída da internet. Xunto a cada lámpada colocarase un cartel informativo para explicar o funcionamento da solución, mostrar o código de cores das alertas e indicar ao usuario como subscribirse ao edificio.

Ademais, terase especialmente en conta garantir a accesibilidade nos baños, que adoitan ser puntos cegos de accesibilidade. Para iso, instalarase un plafón cunha lámpada wifi E-27 en cada un deles, un total de seis nas dúas plantas mencionadas. Estas luces pasarán desapercibidas, pero en caso de emerxencia ou necesidade de notificación, iluminaranse da cor determinada para iso.

No resto de espazos do edificio os usuarios que o desexen poderán recibir as notificacións de maneira directa nos seus dispositivos conectados.

“En caso de incendio, por exemplo, as lámpadas de sinalética acenderíanse en vermello e serían visibles desde calquera parte do edificio mesmo sen internet ou sen electricidade, garantindo a súa seguridade en todo momento. Mentres que os usuarios recibirán unha alerta no móbil ou dispositivo smart que se determine”, explicou a rexedora.

Dende o panel de control do sistema poderanse crear mensaxes personalizadas para mandar, de forma accesible, a traballadores e usuarios. As diferentes alertas mostraranse en todo o edificio a través das luces instaladas, as lámpadas de sinalética e as alertas que recibirán os usuarios que teñan a app de Visualfy instalada.

Cómpre subliñar que esta solución de accesibilidade, ao estar baseada en intelixencia artificial e IoT (Internet of Things), permitirá a súa mellora continua, flexibilidade e escalabilidade. “Non só mellorará a experiencia de usuario de persoas con perda  auditiva, senón que incrementará a seguridade e saúde de todos os traballadores, creando unha contorna laboral libre de ruídos innecesarios”, concluíu a rexedora.

O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea a través do FEDER, que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso e a calidade das TIC e o acceso ás mesmas. Dentro deste obxectivo, o Concello está a traballar na mellora da administración electrónica e no desenvolvemento da cidade como Smart City.

Noticias relacionadas