Lara Méndez mellora diferentes zonas verdes da capital coa renovación de peches, pavimentos e mobiliario urbano

A alcaldesa de Lugo supervisou hoxe o inicio dos traballos que comezarán coa substitución do valado de madeira no parque de Fontiñas.

En total, acometeranse cinco intervencións en diferentes puntos da cidade, entre eles o parque Marcos Cela ou o paseo fluvial do Miño.

Os labores, que terán un prazo de execución dun mes, suporán un investimento municipal próximo aos 50.000 euros.

Luns, 14 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez mellora diferentes zonas verdes da capital coa renovación de peches, pavimentos e mobiliario urbano

Esta mañá comezaron os traballos de renovación de elementos urbanos cos que o Goberno de Lara Méndez pretende acondicionar diferentes zonas verdes da capital que precisaban dalgún arranxo.

A rexedora lucense, Lara Méndez, acompañada polo tenente de alcaldesaMiguel Fernández, supervisou o inicio destes labores que arrincaron coa substitución do valado de madeira no parque de Fontiñas.

Trátase de pequenas intervencións que, porén, terán un gran alcance na confortabilidade que ofrecen estes espazos grazas á mellora que suporá para a súa seguridade e para a súa imaxe a renovación dos peches perimetrais, dos pavimentos ou do mobiliario urbano que conteñen e que, a continuación, poremos a disposición da cidadanía para o seu uso e desfrute en excelentes condicións”, sinalou a alcaldesa.

Lara Méndez avanzou que estas actuacións, orzamentadas en 48.312’88 €,se estenderán posteriormente por outros puntos da capital como o parque Marcos Cela, a contorna da Estación do Ferrocarril, a Avenida de Magoi ou o paseo fluvial do Miño. “En total, agardamos que as tarefas non se prolonguen máis aló dun mes, a fin de que, de cara a primavera, poidamos gozar destas contornas xa renovadas”, afirmou.

Pola súa banda, o responsable de área, Miguel Fernández, explicou que as obras consistirán, fundamentalmente, na adecuación e instalación de diversos elementos presentes neses parques e zonas verdes da cidade, facendo especial énfase na rehabilitación de valados, a adecuación de superficies de paso, acolocación de bolardos así como a e renovación de bancos e mesas.

Deste xeito, “no parque de Fontiñas, se substituirán varios tramos do peche de madeira do recinto (120 m) e, a maiores e debido á orografía e ao estado no que se atopa o firme do paseo, acometerase tamén unha estabilización do terreo mediante a execución dun bordo de madeira, a instalación dunha lámina de xeotextil e unha achega de terra vexetal ao longo de 12 metros lineais”, referiu o edil.

Miguel Fernández indicou, así mesmo, que no caso do Parque Marcos Cela, se renovará o valado perimetral externo da área infantil, cunha lonxitude total de 100 metros, e se fará un lavado dos chanzos de formigón existentes que dan acceso ao mesmo desde a vía e a execución dun novo bordo de formigón que asegure ditas escaleiras cunha lonxitude total de 150 metros. Por outra parte, no paseo propio que conecta este Parque coa Volta da Viña e a Avenida de Magoi se rehabilitarán 24 metros de cerca e se instalarán outros 100 metros a maiores.

Xa no aparcamento existente na marxe oeste da rúa Montero Ríos, á altura do paso superior ás vías do tren, existe un valado perimetral de madeira que é danado sistematicamente polos vehículos que o usan. “Aquí – relatou o concelleiro de Medio Ambiente – colocaremos unha liña de bolardos, retranqueados a 1’5 metros dende o cerrumee separados entre sí a esa mesma distancia, para evitar que continúe a deterioración do mesmo”.

E na confluencia da Avenida de Magoi e a Rolda da República Arxentina, o Concello actuará sobre dúas parcelas, sen edificar, nas que se extraerán os 200 bolardos que as delimitan actualmente para evitar o estacionamento de vehículos no seu interior e se cimentarán e substituirán, na mesma proporción, por outros novos.

Finalmente, Miguel Fernández, deu conta de que, na zona verde do Paseo Fluvial do río Miño, e “logo de que nos últimos anos se realizaran diversas actuacións para mellorar as inmediacións, agora procederemos a instalar 4 mesas tipo picnic e a renovar os 14 bancos mediante un lavado a presión da superficie e a renovación das lamas de madeira que se atopen estragadas. Traballos, todo eles, cos que agardamos que estes espazos aumenten as súas prestacións e atractivo para a veciñanza e se convertan en puntos recorrentes de encontro e de lecer para as e os lucenses”.

Noticias relacionadas