Lara Méndez mantén un encontro coas participantes do programa Emprego e saúde para mulleres con discapacidade

A alcaldesa de Lugo destacou a importancia destas iniciativas para reforzar a autoestima deste colectivo e reforzar as súas habilidades para axudalas na busca de emprego.

Os obradoiros, impulsados por Benestar Social e Acadar, desenvolvéronse no centro de convivencia Uxío Novoneyra durante os meses de agosto e setembro.

Mércores, 15 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez mantén un encontro coas participantes do programa Emprego e saúde para mulleres con discapacidade

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Olga López, visitaron hoxe no Uxío Novoneyra ás mulleres que participan no programa ‘Emprego e saúde a través do empoderamento’, organizado polo Concello e a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR).

O Goberno de Lara Méndez apoia esta iniciativa que ten como obxecto “procurar a mellora da calidade de vida das mulleres con discapacidade, fomentando a adquisición de hábitos de vida saudables e reforzando as súas habilidades persoais para a busca de emprego, potenciando, ademais, a súa autoestima” explicaba a rexedora.

En total, o programa desenvolveu catro obradoiros nos que se traballou a sexualidade feminina, o manexo da TIC (Tecnoloxía da Información e Comunicación), habilidades de comunicación e a autoestima e autoconcepto. Os obradoiros tiveron lugar de 10.00h a 13.00h, nos meses de agosto e setembro, en dúas quendas, os luns e mércores.

As mulleres participantes nestas accións grupais, impartidas por persoas profesionais dos diferentes ámbitos, valoraron de xeito moi positivo a asistencia a estas formacións, amosando a súa de satisfacción tanto coas temáticas, coma coas persoas que forman parte do proxecto.

Acadar:

ACADAR foi constituída no 2009 por un grupo de mulleres con inquietudes e desexos comúns de alcanzar a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres con discapacidade de Galicia. É unha entidade que carece expresamente de ánimo de lucro e que promove, coordina e reivindica a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade cara a súa plena integración e participación en tódolos ámbitos da sociedade.

Noticias relacionadas