Lara Méndez mantén a exención do pago das taxas das terrazas ata o 31 de xaneiro para axudar á hostalería local

A alcaldesa de Lugo avanzoulle ao presidente dos hostaleiros que o BOP xa recolle a prórroga da medida adoptada en maio e que mantén as condicións para a súa instalación

A rexedora e o representante do sector incidiron na importancia de que locais e cidadáns cumpran escrupulosamente as normas ditadas polas autoridades sanitarias

Lara Méndez: “Traballamos para mitigar as consecuencias derivadas da COVID-19 co fin de manter empresas e postos de traballo, e a hostalería representa o 12% do noso PIB”

Cheché Real: “Agradecemos o apoio do Concello porque as medidas que está a implantar Lugo desde hai meses aínda as están a adoptar agora a outras cidades”

Venres, 30 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez mantén a exención do pago das taxas das terrazas ata o 31 de xaneiro para axudar á hostalería local

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou hoxe a prórroga do bando asinado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, en maio e setembro, e que mantén en vigor ata o vindeiro día 1 de xaneiro as medidas especiais para estender a instalación das terrazas da hostalaría, medidas que tamén inclúen a exención do pago das taxas correspondentes.

A rexedora así llo comunicou hoxe a varios representantes do sector, encabezados polo presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo (Apehl), Cheché Real, cos que mantén reunións periódicas co fin de estudar solucións que axuden a mitigar no posible as consecuencias derivadas da crise sanitaria e “contribuír así ao mantemento das empresas e dos postos de traballo que crean”, incidiu. Lembrou que “o sector da hostalería representa o 12% do PIB do municipio e do 19% de emprego”.

A primeira mandataria local e os hostaleiros tamén falaron na xuntanza de como crear zonas de confort para que se poidan utilizar estes espazos nos vindeiros meses de inverno, con condiciones meteorolóxicas máis adversas, “cunha finalidade, que queden o menor número de negocios no camiño nesta crise”.

Pola súa banda, o presidente dos hostaleiros, Cheché Real, agradeceu “a relación fluída e a receptividade da alcaldesa, Lara Méndez, ás nosas peticións, porque todo este tipo de axudas representan unha satisfacción para o sector e para os traballadores, porque conservan así a esperanza de manter os negocios abertos e os postos de emprego”.

O sector, sostivo, “atópase nun pozo negro debido as retricións”. Así mesmo, destacou que Lugo está a ser pioneiro na adopción de medidas para axudar á hostalería, “non só da provincia e do resto de Galicia, senón tamén de fóra da comunidade autónoma. O Concello vai por diante porque as decisións que se adoptan no marco desta colaboración público-privada en Lugo aínda se están a implementar agora noutras cidades”.

Tanto a alcaldesa como Cheché Real mandaron unha mensaxe tanto á cidadanía como aos propietarios dos locais para que cumpran de maneira escrupulosa as medidas de protección e coidado impostas polas autoridades sanitarias. 

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as terrazas | Descargar mp3
  • O presidente dos hostaleiros, Cheché Real, sobre as terrazas | Descargar mp3

Noticias relacionadas