Lara Méndez lembra que Tonina Gay, pregoeira do San Froilán, “foi unha das voces que máis nos acompañou a varias xeracións”

A alcaldesa de Lugo destacou que “debido á situación sanitaria actual non nos permitiu gozar dun pregón como marca a tradición, acompañados da veciñanza na proximidade, pero o espírito se mantén vivo”

Domingo, 04 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez lembra que Tonina Gay, pregoeira do San Froilán, “foi unha das voces que máis nos acompañou a varias xeracións”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este domingo á pregoeira do San Froilán 2020, Tonina Gay, e destacou que é “unha grande honra que hoxe nos acompañe no inicio destas celebracións patronais e que sexa a voz do San Froilán unha das persoas que nos fixo tanta e tan boa compañía a varias xeracións de lucenses a través das ondas radiofónicas”.

"Falar de Tonina Gay é falar dunha pioneira da radio lucense e dunha figura clave para entender o xornalismo na cidade desde os anos 60, que forma parte da historia da nosa cidade e, especialmente, da familia de Radio Lugo ", destacou a alcaldesa nun acto, no que tamén asistiron o presidente da Deputación, José Tomé; a subdelegada do Goberno, Isabel Rodriguez e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, acompañados doutras autoridades.

A rexedora destacou que “debido á situación sanitaria actual, nesta edición non puidemos gozar dun pregón como marca a tradición, a carón dos e das lucenses e de toda a cidadanía que se achegaba a Lugo desde fóra da nosa cidade para compartir con nós a gran festa do San Foilán”. “A pandemia que estamos a vivir cambiou o noso día a día e obrigou a adaptarnos e reinventarnos. Por iso, non me cabe dúbida de que o espírito do San Froilán se manterá vivo en cada recuncho do municipio durante os vindeiros días”, incidiu Lara Méndez, para insistir na responsabilidade de que cada veciño e veciña para cumprir con todas as medidas de prevención contra a COVID-19 impostas polas autoridades sanitarias.

A alcaldesa entregou á pregoeira como regalo institucional unha radio antiga de válvulas, de caixa de madeira, dos anos 40-50, que conserva todos os seus compoñentes orixinais.

Debido á situación actual, o pregón realizouse no Salón de Plenos e non no balcón da Casa Consistorial, con aforo limitado e control de accesos mediante invitación como medida de prevención. Como homenaxe á pregoeira e para que chegase a toda a cidadanía, emitiuse tamén a través de varias emisoras de radio.

Noticias relacionadas