Lara Méndez lembra que as emprendedoras do CEI Nodus creceron un 45,4% nos últimos 16 anos facturando preto de 50 millóns de euros

A alcaldesa inaugurou este xoves a xornada organizada pola Área de Desenvolvemento Local con motivo do Día Internacional da Muller Emprendedora

“49 mulleres emprendedoras desenvolveron proxectos con éxito dende a posta en marcha do CEI Nodus, creando á súa vez 222 postos de traballo directos”, apuntou

Na actualidade, o CEI atópase ao 100% de ocupación, con 27 empresas funcionando nas súas instalacións, máis da metade impulsadas por mulleres

Xoves, 19 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez lembra que as emprendedoras do CEI Nodus creceron un 45,4% nos últimos 16 anos facturando preto de 50 millóns de euros

Este xoves, con motivo do Día Internacional da Muller Emprendedora, o Concello de Lugo organizou, a través da Área de Desenvolvemento Local e Emprego, unha xornada virtual para conmemorar a efeméride. O obxectivo deste encontro foi reflexionar sobre o papel que está a xogar a muller como creadora, capaz de desenvolver ideas de negocio e convertelas en empresas rendibles, nun momento no que a presenza do sexo feminino dentro da actividade económica contribúe a incrementar o PIB do país, elevar o crecemento e mellorar a calidade de vida no ámbito laboral.

A alcaldesa foi a encargada de inaugurar a xornada que se estendeu ao longo da mañá. Lara Méndez subliñou que “os datos que manexamos dende a posta en marcha do CEI Nodus, no 2004, para nós son moi positivos, pois tivemos unha evolución notable na implementación de proxectos promovidos por mulleres, tendo en conta que, inicialmente, supoñían o 14,6% e, a día de hoxe, superan o 60% das iniciativas instaladas neste espazo municipal, o que supón un crecemento do 45,5% nos últimos 16 anos”.

“Neste senso, podemos destacar que 49 mulleres emprendedoras desenvolveron proxectos con éxito nestes 16 anos, creando á súa vez 222 postos de traballo directos e acadando unha facturación próxima aos 50 millóns de euros, o que da boa conta do potencial  dos mesmos”, explicou a rexedora. Así mesmo, Lara Méndez apuntou que “neste ano tan complicado, debido á pandemia, unhas 600 mulleres participaron nos cursos de formación organizados pola Área de Desenvolvemento Local e Emprego, a través do CEI Nodus e o Espazo Lab”.

O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo púxose en marcha en novembro de 2004, para a promoción económica da cidade e como ferramenta de apoio á posta en marcha de novas iniciativas empresariais. Na actualidade, atópase ao 100% de ocupación, con 27 empresas e asociacións funcionando nas súas instalacións, máis da metade impulsadas por mulleres. Sendo a supervivencia/éxito das empresas que pasan polo viveiro dun 80%.

Programa da xornada

Durante a xornada de hoxe, deuse a coñecer a imaxe visual creada para o evento, na que as protagonistas son algunhas das emprendedoras que están actualmente instaladas no Centro de Emprendemento Municipal (CEI-Nodus).

O acto contou cunha mesa redonda na que baixo o título ‘Asociacionismo e emprendemento feminino: Unha mirada actual’ participarán diferentes asociacións empresariais. Estará moderada por Carmen José López, que no seu día foi Presidenta de Aje Galicia, e estarán presentes Beatriz Varela (Presidenta de  AELU), Noelia López (Presidenta de AJE Lugo) e Carla Reyes, presidenta Executivas Galicia, que falaron distendidamente sobre o papel da muller no ecosistema emprendedor e a figura das asociacións no empoderamento e o fortalecemento feminino.

Seguidamente, desenvolveuse unha charla sobre ‘Xira Mulleres e Fundación Mulleres’,  onde participaron Gema Dominguez, Xestora de Comunicación de Coca-Cola European  Partners; Paula Beltrán, Projet  Manager de Impact Hub Madrid e coordinadora de ‘Xira Mulleres Wekend’, así como Luz Soilán, emprendedora local, que foi unha das participantes da última edición da Xira Mulleres Weekend, premiada entre as participantes de Galicia, que contou a súa experiencia nesa edición.

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, e a concelleira de Igualdade, Muller e Xuventude, Ana Abelleira, foron os encargados de clausurar a xornada.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Día da Muller Emprendedora | Descargar mp3

Noticias relacionadas