Lara Méndez lanza unha mensaxe á mocidade para que loiten por unha igualdade, real e efectiva “para non dar pasos atrás”

A alcaldesa lucense asistiu á presentación do libro coral ‘Libres e Vivas’ nun acto ao que acudiron 220 alumnos de 4º da E.S.O, 1º de B.A.C de distintos institutos da cidade.

A Concellería de Muller asumiu a reedición de 2.000 exemplares, que repartirá entre os mozos e mozas para aumentar a necesaria concienciación contra as violencias machistas.

Xoves, 28 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez lanza unha mensaxe á mocidade para que loiten por unha igualdade, real e efectiva “para non dar pasos atrás”

Francisco Castro, Director da Editorial Galaxia, puxo en valor o “compromiso en materia de igualdade do Concello de Lugo"

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reivindicou hoxe a “necesidade dunha igualdade, real e efectiva” ante os alumnos e alumnas de 4º da E.S.O e 1º de B.A.C de diferentes institutos de Lugo, aos que lle mandou unha mensaxe sobre a súa corresponsabilidade para “que non se dean pasos atrás na consecución desa igualdade, dereitos que tanto custou acadar, polos que moitas mulleres perderon a vida e que corren serio risco de perderse”.

A rexedora mantivo este encontro coa mocidade na presentación do ‘Libres e Vivas’ no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Ao acto de presentación tamén asistiu a Concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso; o Director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, así como María López Sández e María Xosé Porteiro, autoras participantes do volume cun obxectivo común “lanzar unha mensaxe para concienciar sobre a necesidade de erradicar a violencia machista desde idades temperás e dar a coñecer os recursos de prevención”,  explicou a alcaldesa, que lembrou que desde o ano 2003, ano no que se comezaron a contabilizar os crimes machistas, foron asasinadas 1.114 mulleres en toda España, 66 delas en Galicia.

‘Libres e vivas’, é unha obra que aborda a cuestión do machismo, terrorismo patriarcal contra as mulleres, da liberdade e da igualdade e non debemos esquecer que “a violencia machista é unha guerra, e con cada vítima perdemos unha batalla”, sostivo Lara Méndez.

A Concellería de Muller e Igualdade, que asumiu á edición de 2.000 exemplares da obra, puxo en marcha esta iniciativa para, a través da literatura, chegar aos máis novos e novas co obxectivo de avanzar na igualdade e no rexeitamento de todas e cada unha das formas de violencia contra as mulleres.

“Dez relatos libres coma coiteladas directas á conciencia. Querémolas. Quérense. Todas. Libres e vivas. Detrás de cada unha delas hai unha historia de dor e inxustiza que alimenta a crenza de moitos homes de que teñen dereito a exercer o control e a violencia contra as mulleres”, sinalou a edil Silvia Alonso lembrando o prólogo do libro, ao tempo que animou aos mozos a “enviar ao mail da concellería: igualdade@lugo.gal unha valoración persoal tras a súa lectura”.

Francisco Castro, Director da Editorial Galaxia, agradeceu persoalmente á rexedora lucense o “compromiso en materia de igualdade do Concello de Lugo, moi necesario nestos tempos”, así como a man tendida da concelleira de Muller e Igualdade “pola axuda para sacar adiante unha xornada tan fructífera”.

Ao final do acto, as autoras, María López Sández e María Xosé Porteiro procederon a firmar exemplares a todos os asistentes que así o desexaron, ao tempo que animaron a ler a obra e realizar unha reflexión final de cada un dos relatos.

Sinopses de LIBRES E VIVAS

Levan dicíndonolo dende que o ser humano está sobre a Terra. Que non queren ser vítimas. Mais tampouco escravas. Compañeiras. Iguais. Mulleres e homes nun mundo xusto en Igualdade. Sobre estes parámetros pedímoslle a dez escritoras de primeiro nivel das nosas letras que abordasen a cuestión do machismo, do terrorismo patriarcal contra as mulleres, da liberdade, da Igualdade, para que, dende a literatura, entendamos como é o seu sentir. O resultado é este volume que tes entre as mans. Dez relatos libres coma coiteladas directas á conciencia. Querémolas. Quérense. Todas. Libres e vivas.

Autoras:

Anxos Sumai, Berta Dávila, Charo Pita, Elisabeth Oliveira, Esther F. Carrodeaguas, María Canosa, María López Sández, María Xosé Porteiro, Mercedes Queixas e Paula Carballeira, son as dez autoras dunha obra publicada pola editorial Galaxia que, desde diferentes puntos de vista, fala da igualdade e violencia machista.

Multimedia

  • Lara Méndez lanza unha mensaxe á mocidade para que loiten por unha igualdade, real e efectiva “para non dar pasos atrás”
  • Lara Méndez lanza unha mensaxe á mocidade para que loiten por unha igualdade, real e efectiva “para non dar pasos atrás”

Noticias relacionadas