Lara Méndez lamenta que Feijóo “non se entere” das necesidades dos lucenses

“Non din os Alcaldes socialistas que sexa necesaria a Hemodinámica 24 horas, díxoo o pobo de Lugo, e tamén o dixo o propio Partido Popular votando a favor dunha ILP avalada por 42.000 lucenses”, subliñou a Alcaldesa de Lugo

Méndez esixiulle máis seriedade e respeto a Feijóo co conxunto de doentes de Lugo, así como que garantice os dereitos dos lucenses e os equipare ao resto dos cidadáns

Martes, 27 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As declaracións feitas polo Presidente da Xunta de Galicia en Lugo, quen sinalou que “faremos o que manden os médicos con Hemodinámica 24 horas e non o que digan os Alcaldes do PSOE”, demostran que “Feijóo non se entera”.

“Non din os Alcaldes socialistas que sexa necesaria a Hemodinámica 24 horas, díxoo o pobo de Lugo, e tamén o dixo o propio Partido Popular votando a favor dunha iniciativa lexislativa popular avalada por 42.000 lucenses”, subliñou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen lembrou que esta iniciativa foi modificada polo PP “pola porta traseira a través de distintas enmendas”.

“É unha desvergoña inadmisible e unha falta de responsabilidade que Feijóo veña a Lugo para tomarlle o pelo unha vez máis aos lucenses, e máis aínda cando a Sociedade Española de Cardioloxía recomenda Hemodinámica 24 horas para poblacións de máis de 300.000 habitantes”, destacou a rexedora.

“Lamentamos que Feijóo siga obsesionado por discriminar a Lugo”; asegurou a Alcaldesa, quen puxo de manifesto que a discriminación da cidade queda patente nos Orzamentos da Xunta para o 2016, que non contemplan ningunha partida para a Hemodinámica 24 horas no HULA nin a posta en marcha de Radioterapia e Medicina Nuclear. “A Xunta segue na súa escalada antiservizos sanitarios en Lugo”; sentenciou Méndez, unha decisión que a rexedora tachou de “insensata”, ao tratarse de asuntos extremadamente serios que lle afectan a centos de lucenses.

Neste senso, Lara Méndez esixiulle máis seriedade e respeto a Feijóo co conxunto de doentes lucenses; cando a realidade é que o 60% dos infartados da provincia de Lugo aínda teñen que ser atendidos na Coruña; así como que garantice os dereitos dos lucenses e os equipare ao resto dos cidadáns.

Audio

  • Lara Méndez, sobre as declaracións de Alberto Núñez Feijóo|Descargar mp3

Noticias relacionadas