Lara Méndez lamenta as présas da Xunta por publicitar investimentos pero non por avanzar no proxecto, xa comprometido, da Estación Intermodal

A alcaldesa dá a benvida a novas inversións pero reprocha a deslealdade institucional da Conselleira de Infraestruturas por non trasladar ao Concello ningunha información ao respecto

Luns, 23 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Lara Méndez agradeceulle esta mañá á Xunta todos cantos investimentos realice no municipio pero pediulle maior lealdade para co Concello, “a institución que, non deberan esquecer, representa a todas as veciñas e veciños de Lugo”, puntualizou a rexedora.

A alcaldesa cualificou como o “enésimo desprezo do goberno autonómico aos lucenses o feito de ternos que enterar polos medios de comunicación das intervencións que a Consellería de Infraestruturas ten previsto acometer na cidade. Actuacións que, polo de agora, non podemos valorar porque non dispoñemos de ningún tipo de información ao respecto”, indicou Lara Méndez.

A alcaldesa repróchalle a Ethel Vázquez que “nin tan sequera tivera a deferencia de comunicar ao Concello a súa estadía na cidade e que tampouco aproveitara a visita para dar conta de se houbo algún avance no proxecto da Intermodal, xa comprometida, o que demostra a escasa altura de miras do executivo galego que sempre prioriza os intereses partidistas aos xerais. Vivímolo no barrio da Residencia, cando con aleivosía freou a reversión dos terreos do Vello Xeral para enlentecer o cambio de usos; na finalización do Auditorio sobre o que, dende xullo agardamos a contestación a dous requirimentos municipais para abordar a recepción das instalacións e, como non, a Estación Intermodal non ía ser allea a este tipo de comportametos dos que o Partido Popular sempre fai gala cando se inicia unha campaña electoral”.

A alcadesa pediu, asemade, a Feijoo que inste aos seus concelleiros a manter as formas e, sobre todo, a proceder con maior lealdade co Concello de Lugo, “tendo en conta que as portas do meu despacho sempre están abertas e que fun eu, precisamente, a que puxo de novo na axenda política o debate da Intermodal para desbloquear un proxecto estratéxico para o futuro da cidade que levaba anos paralizado pola inacción dos gobernos autonómico e central”, engadiu Lara Méndez quen, para concluír, puxo de manifesto a importancia de executar esta obra para poder seguir avanzando na peonalización da Mosqueira e na humanización deste espazo da capital.

Audio

Noticias relacionadas