Lara Méndez interésase pola evolución dos traballos de control arqueolóxico que se levan a cabo no atrio da Catedral

A alcaldesa, acompañada pola edil Paula Alvarellos e por persoal da Diócese, visitou esta mañá os restos para coñecer o alcance do achado e a evolución que seguen as obras de accesibilidade ao templo.

Venres, 28 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez interésase pola evolución dos traballos de control arqueolóxico que se levan a cabo no atrio da Catedral

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez visitou esta mañá os achados arqueolóxicos atopados durante as obras de mellora da accesibilidade ao atrio da Catedral, para coñecer de primeira man a evolución das tarefas de control arqueolóxico.

“Trátase dun descubrimento marabilloso, unha sorpresa moi grata que vén a corroborar a riqueza do noso pasado romano, hoxe máis presente ca nunca”, subliñou a rexedora.

Méndez, que estivo acompañada pola concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, o Deán, Mario Vázquez, así como polo Fabriqueiro do templo e o responsable de patrimonio da Diócese, puido comprobar in situ como se están a desenvolver os traballos que “suporán – considerou – un antes e un despois para a mobilidade propia do adro e un avance nese obxectivo conxunto que compartimos de seguir eliminando barreiras arquitectónicas para acadar unha cidade habitable e verdadeiramente integradora”.

A alcaldesa interesouse tamén polo estado de conservación e a transcendencia dos restos detectados por un xeorradar na zona e que concordarían cunha calzada e varios muros .

“Un achado singular tanto pola natureza dos vestixios pero tamén polo interese que esperta este emprazamento, até o momento pouco coñecido a nivel arqueolóxico que, polo trasladado hoxe, non estaría exento de gran complexidade técnica debido a aparición, en capas superiores, do que parecen ser sepulturas medievais”, apuntou Lara Méndez.

A alcaldesa sinalou, unha vez máis, que “dende o Concello mantemos unha colaboración absoluta, como xa temos dito e demostrado durante os últimos anos, para levar a cabo aquelas actuacións que as Administracións competentes na materia consideren oportunas e sempre co noso máximo convencemento de que a arqueoloxía debe ser vista como un valor de presente e futuro na nosa cidade”, concluíu Lara Méndez.

Noticias relacionadas