Lara Méndez incentiva a formación dos bombeiros de Lugo e agradece aos efectivos o seu labor na pandemia

“Máis formación para eles significa máis seguridade para todos”, aseverou Méndez

Luns, 06 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez incentiva a formación dos bombeiros de Lugo e agradece aos efectivos o seu labor na pandemia

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou hoxe na inauguración dun novo curso de formación dos bombeiros municipais sobre hidráulica aplicada aos servizos contraincendios, no que participarán a totalidade do efectivos en dúas quendas.

“O coñecemento das técnicas e manobras precisas son fundamentais” explicou a rexedora, quen fixo fincapé na importancia da formación continuada do persoal de bombeiros porque significa máis seguridade para a cidade”, aseverou Méndez, quen aproveitou á visita ao Parque de Bombeiros para agradecerlles o seu labor de apoio á veciñanza durante a pandemia.

O curso terá unha duración de 21 horas. A xornada, na primeira edición (6, 7 e 8 de xullo), asistirán 25 bombeiros e os restantes ate completar o 100% do plantel, farano na segunda quenda, a cal terá lugar os días 20, 21 e 22 de xullo, garantindo nas dúas edicións unhas condicións de sanidade, distanciamento e hixiene óptimas repartidas en tres xornadas de maña e tarde.

“Entre os obxectivos principais do curso atópase o de perfeccionar as técnicas no uso de instalacións hidráulicas (tendidos de mangueiras), optimizar o uso das autobombas do servizo, así como establecer procedementos de traballo máis eficaces na loita contra incendios urbanos e industriais” explicou Miguel López, sarxento xefe do servizo.

A formación é impartida por persoal altamente cualificado de Seganosa unha empresa de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional, dentro da área das emerxencias, que apostou por dar cobertura aos riscos e necesidades aos que se enfronta cada día a sociedade en xeral.

Durante as xornadas empregarán a aula de formación dotada de canón, lousa,  PC, cun programa de visionado de arquivos, pantalla, equipamento de protección individual, equipos de protección respiratoria, equipos de comunicacións e 2 camións de bombeiros.

A  forma  de ensino   estará  baseada  na impartición  de coñecementos    teóricos, simultaneamente  ao  desenvolvemento  de prácticas,    exercicios  e  simulacros  con dificultade    crecente, onde se busca a participación activa dos efectivos do parque de bombeiros.  Os coñecementos teóricos irán dirixidos directamente á solución dos problemas prácticos que se pode atopar o persoal operativo.

Noticias relacionadas