Lara Méndez impulsa o despregamento da fibra óptica no casco histórico e na zona rural cun acordo con Telefónica

A alcaldesa de Lugo destacou a importancia do paso nun momento “onde a dixitalización é estratéxica no proceso de reconstrución social e económica derivado da pandemia”.

Urbanismo xa está a tramitar o Plan da rede de acceso a 162 núcleos, que abrangue 3.011 inmobles da maioría das parroquias, o que suporá a cobertura do 80% do rural.

Crearase un grupo de traballo para a zona histórica, coordinado por Miguel Couto, edil de Urbanismo Sostible, para planificar as solucións máis axustadas a cada edificación.

A previsión é que a banda ancha quede instalada no 2021 e o Concello proporá comezar con proxectos piloto nas rúas Nova, do Miño e Raíña, e na Praza do Campo e A Tinería.

Xoves, 05 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez impulsa o despregamento da fibra óptica no casco histórico e na zona rural cun acordo con Telefónica

A aposta do Goberno de Lara Méndez de impulsar a instalación de servizos de banda ancha de moi alta velocidade nas zonas de Lugo sen cobertura adecuada se materializará no 2021 tras o acordo acadado con Telefónica, operadora universal, para iniciar o despregamento da fibra óptica no casco histórico e na zona rural.

A alcaldesa de Lugo incidiu na enorme importancia deste paso nun momento “onde a dixitalización é estratéxica no proceso de reconstrución social e económica que temos que pór en marcha pola crise provocada pola pandemia e que o municipio debe afrontar con toda a fortaleza da que é capaz. E a conectividade permite gañar en competitividade”.

Neste senso, a rexedora destacou que unha boa rede de telecomunicacións non só é “unha das demandas máis recorrentes da veciñanza, empresarios, institucións e asociacións que prestan servizos no casco histórico e na zona rural”, senón que resulta determinante para “reducir a brecha existente entre a cidadanía por motivos de residencia, facer fronte ao reto demográfico e evitar que estas áreas se deshabiten, e para fomentar o asentamento da poboación, ofrecer mellores servizos a colectivos vulnerables, xerar riqueza, crear negocios ou impulsar o comercio".

O concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, mantivo xa reunións con representantes de Telefónica co obxectivo común de articular os recursos e mecanismos necesarios para facilitar este despregamento.

No caso concreto do casco histórico, Concello e operadora acordaron conformar un grupo de traballo para definir as tarefas a realizar desde unha planificación previa, “e segundo o estado das infraestruturas e o coñecemento das necesidades nese ámbito, achegar a solución máis axustada para cada caso concreto e para cada edificación”, comentou o edil.

Este mesmo venres, día 6, manterase a primeira reunión do equipo técnico na que se determinarán as zonas ou rúas do recinto amurallado onde se desenvolverán os primeiros labores, que pasan polo desenvolvemento inicial de proxectos piloto a fin de establecer os procedementos máis adecuados.

No caso do Concello, se proporán para consensuar, A Raíña, Praza do Campo, Rúa do Miño e Rúa Nova, así como A Tinería, “porque estamos a falar dun ámbito con comercio, hostalaría, asociacións e as oficinas de turismo municipal e da Xunta de Galicia, así como o barrio onde está ubicado o viveiro municipal de emprendedores a pé de rúa”, explicou Miguel Couto.

Ademais, lembrou que a zona vella está rexida polo Plan Especial de Protección e Reforma Interior, o que obriga a que o cambio de cableado sexa respectuoso coa salvagarda do patrimonio, polo que a canalización deberá ser soterrada.

Zona rural

Onde xa se está traballando é no despregamento na zona rural, onde a área de Urbanismo Sostible está xa a tramitar o plan dunha rede de acceso de nova xeración mediante fibra óptica, que levará a banda ancha a un total de 162 núcleos, que abranguerá 3.011 unidades inmobiliarias da maioría das parroquias do concello de Lugo, o que suporá unha cobertura de aproximadamente o 80% da zona rural. 

Estas actuacións están incluídas no Programa de Extensión da Banda Ancha de Nova Xeración (PEBAN) que promove o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. O obxectivo destas axudas é o de estender a cobertura das redes públicas de comunicacións electrónicas capaces de proporcionar servizos de banda ancha de moi alta velocidade ás zonas sen cobertura axeitada nin previsións para a súa dotación nos próximos tres anos, a través da concesión de axudas aos operadores pertencentes ao sector privado.

Máis info

  • Entidades singulares de poboación do Concello de Lugo | Descargar pdf

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a implantación de fibra óptica | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez impulsa o despregamento da fibra óptica no casco histórico e na zona rural cun acordo con Telefónica

Noticias relacionadas