Lara Méndez impulsa a elaboración dun mapa de cohesión social sobre as desigualdades localizadas no municipio

Esta iniciativa permitirá avaliar os desequilibrios existentes barrio por barrio, para poder adaptar con máis precisión tanto medidas preventivas como de intervención

O mapa de Lugo integrarase nun mapa superior composto por todos os Concellos que forman parte do Eixo, o que supón unha experiencia pioneira a nivel europeo, coa finalidade de lograr que as cidades sexan máis inclusivas, seguras, resilientes e sostibles

Martes, 14 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez impulsa a elaboración dun mapa de cohesión social sobre as desigualdades localizadas no municipio

O Concello de Lugo desenvolverá un mapa de cohesión social do municipio co obxectivo de obter indicadores que permitan avaliar os desequilibrios sociais existentes, máis localizados e barrio por barrio, para poder adaptar con máis precisión tanto medidas preventivas como de intervención. A iniciativa impulsada polo executivo de Lara Méndez a través do Eixo Atlántico, cobra máis importancia como consecuencia da crise sanitaria e económica derivada da pandemia, que supuxo un incremento das desigualdades sociais a nivel global, segundo incide a rexedora.

Este mapa permitirá obter datos nas seguintes dimensións: vida e saúde; seguridade persoal e xurídica; educación e aprendizaxe (atendendo especialmente á desigualdade no acceso a internet e a fenda dixital); seguridade financeira e traballo digno; condicións de vida seguras e confortables; participación, influencia e voz para estar na toma de decisións; vida persoal, familiar e social. En todas as áreas, o estudo tamén recollerá indicadores de idades e de  xénero, para ver como as desigualdades inciden nas mulleres e homes, e nos mozos e nas persoas da terceira idade.

Trátase, polo tanto, de realizar unha profunda análise da situación actual, empregando máis de 50 indicadores relativos ao benestar das persoas para obter información de, entre outros aspectos, a capacidade para ter boa saúde, ter unha boa educación ou conseguir un nivel de vida adecuado. Neste senso, levarase a cabo un traballo de recollida de datos que se extenderá ao longo de 10 meses.

Este estudo, ademais de buscar a mellora do benestar da veciñanza, será importante para preparar futuras propostas para os fondos europeos.

Cómpre subliñar que o mapa de Lugo integrarase nun mapa superior de todos os Concellos que forman parte do Eixo Atlántico. Deste xeito, obterase unha dobre fotografía: a de cada cidade barrio a barrio, e a de cada cidade con respecto ás demais, configurando deste xeito un mapa de cohesión de todo o Eixo.

Esta é unha experiencia pioneira a nivel europeo, xa que é a primeira vez que se vai a realizar un mapa de cohesión nun sistema urbano transfronteirizo. A súa finalidade é o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible fixados pola ONU como parte da Axenda 2030, entre os que se atopa lograr que as cidades sexan inclusivas, seguras, resilientes e sostibles.

Noticias relacionadas