Lara Méndez formaliza con Torsa Capital a xestión do fondo municipal emprendedor que transformará Lugo nos próximos 5 anos

A Estratexia aterrará directamente sobre 50 empresas lucenses, creando mil postos de traballo directos e até o triplo de empregos indirectos.

A rexedora e o Conselleiro Delegado da Sociedade visibilizaron coa súa sinatura o inicio do Servizo de Intermediación Financeira ao que o Goberno local destinará 2’4 millóns de euros

A adxudicataria disporá de 12 meses dende a constitución do fondo e da súa inscrición no Rexistro da Comisión Nacional de Valores para realizar un investimento de 1 millón de euros

A alcaldesa afirmou que, “esta iniciativa municipal será unha ferramenta poderosa para diversificar o tecido produtivo e crear emprego de calidade na cidade”.

Venres, 05 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez formaliza con Torsa Capital a xestión do fondo municipal emprendedor que transformará Lugo nos próximos 5 anos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Conselleiro Delegado de Torsa Capital, Jesús Torres, formalizaron esta mañá o contrato a través do cal esta Sociedade asume a xestión do fondo público emprendedor que contempla a Estratexia Lugo Transforma.

Unha iniciativa pioneira en Galicia no ámbito municipal ao que o Goberno de Lara Méndez destinou o maior investimento da historia do Concello: 12 millóns de euros co obxectivo de captar novos investimentos para a cidade e atraer empresas que contribúan a crear emprego de calidade.

“Hoxe é, por tanto, un gran día para Lugo, un día moi importante no que damos un paso máis para acadar ese cambio no modelo de cidade que iniciamos xa durante o pasado mandato e que, baseado en todas as accións que estamos levando a cabo - ben a nivel económico con esta iniciativa entre outras, ben a nivel urbanístico, cos proxectos Life e Muramiñae - nos converten en todo un referente, tanto a nivel nacional como internacional, incrementando a proxección da nosa marca - Lugo Cidade Viva, Lugo sostible - e polo tanto, tamén o noso atractivo como polo de negocios e de interese empresarial”, afirmou a rexedora.

No caso do Lugo Transforma, esta Estratexia articúlase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores, baixo a modalidade de fondo de capital de risco.

“Dende o Goberno local apostamos por este tipo de fondos de emprendemento - moi apoiados no ámbito da Unión Europea - porque, por unha banda, permítelle ás empresas o acceso ao financiamento de iniciativas que terían dificultades para acudir a recursos doutras fontes tradicionais e, por outra, pola rendibilidade que xeran e pola súa contribución ao crecemento económico, xa que as empresas participadas son as que en maior medida melloran a súa solvencia e capacidade para obter financiamento privado, presentan un maior rigor na súa xestión, invisten máis en I+D+I e crean máis emprego”, explicou Méndez, palabras que foron subscritas tamén por Jesús Torres.

A alcaldesa lucense fixo fincapé na capacidade do proxecto para atraer e consolidar pequenas e medianas empresas que propiciarán un alto impacto social e ambiental no municipio nun prazo menor de 5 anos.

Deste xeito, o fondo aterrará sobre aproximadamente 50 empresas de Lugo e, extrapolando resultados de experiencias similares, se agarda que produza unha creación de máis de mil postos de traballo directos e até o triplo de empregos indirectos, xerando un investimento inducido que superará os 60 millóns de euros por parte das empresas neste tempo.

“A partir de hoxe comeza, pois, ese prazo que nos marcamos para materializar ese cambio na cidade, un cambio que é sinónimo de oportunidades. As oportunidades empresariais que crearán riqueza e traballo no municipio e que saberán aproveitar tamén as nosas potencialidades para impulsar a modernización tecnolóxica que precisamos”, subliñou.

“A finalidade: acadar unha diversificación real que nos permita superar a dependencia que mantemos actualmente do sector servizos e que, nun momento coma este, supón un hándicap que cómpre redirixir cara aqueles eidos que xa son a nosa sinal de identidade como a innovación, a economía verde e circular ou as enerxías limpas. Iso é todo o que significa esta sinatura, que abre un período transcendental para Lugo”, asegurou Lara Méndez.

Pola súa banda, o Conselleiro Delegado de Torsa Capital, puxo en valor o “gran esforzo realizado polo Concello, dende o punto de vista económico e financeiro, ademais de ser un acerto moi significativo arrastar ao sector privado cara a súa participación neste fondo, en cooperación coa administración local, unha proposta que obtivo unha gran aceptación porque as principais empresas de Lugo deron o seu consentimento moi pronto”, confirmou Jesús Torres.

A rexedora avanzou o organigrama que seguirá a Estratexia, que se pode dividir en tres fases.

Unha primeira, na que debe constituírse o fondo, toda vez que a súa xestión xa foi adxudicada, e na que debe inscribirse no Rexistro da Comisión Nacional de Valores. Un procedemento que se espera ter rematado este ano para que poida estar operativo dende o 1 de xaneiro de 2022 e, tralo cal, seguirá unha segunda fase de investimento nos proxectos e a súa consolidación, que finalizará en decembro do ano 2025, data a partir da cal non se poderán realizar desembolsos a empresas destinatarias finais.

A alcaldesa indicou que o primeiro logro a acadar por Torsa - nos 12 primeiros meses desta segunda fase - será investir en iniciativas empresariais cun volume mínimo de un millón de euros. Ademais, co fin de garantir a maior diversificación da carteira do fondo, a entrada de capital en cada proxecto non poderá superar en ningún caso o 10% do patrimonio do mesmo.

“A nosa prioridade é que os proxectos nos que se traballe estean relacionados coas enerxías limpas, a tecnoloxía, biotecnoloxía, farmacia, servizos avanzados á industria, biocombustibles, produción agroalimentaria sostible, loxística intelixente e sector espacial e aeronáutico, entre outros”, apuntou Lara Méndez.

Estas empresas non deberán ter unha antigüidade superior aos 7 anos desde a súa constitución e o seu domicilio social ou centro operativo principal deberá estar no municipio.

A estratexia segmentarase, á súa vez, en tres apartados. Un dedicado a empresas en fase de creación, denominado capital semente; outra parte do fondo será para compañías que se atopan en etapas iniciais pero xa operativas no mercado e unha terceira parte irá dirixido a negocios cun nivel de consolidación significativo, pero que se atopan ante unha oportunidade importante de crecemento, o que se denomina capital expansión, de maneira que a estratexia alcance todas as etapas empresariais.

Os pregos recollían, alén, que o fondo emprendedor estará aberto á entrada de participación tanto pública como privada, ben en todo o fondo ou ben en calidade de coinvestidores en proxectos concretos.

“Para este Goberno resulta fundamental tamén que se garanta a execución do contrato segundo criterios de transparencia, formalidade e consistencia. Por iso, Torsa Capital deberá reportar un informe trimestral de todas as operacións, e estará obrigada a crear dous comités co fin de garantir o bo funcionamento do fondo e dos obxectivos perseguidos”, sinalou a rexedora.

Por unha banda, un Comité de Investimento, no que terá presenza o Concello de Lugo en calidade de observador, no que se analizarán as políticas de investimento e desinvestimento e se aprobarán ou denegarán os proxectos onde entrar co capital e realizará un seguimento das operacións desenvolvidas.

E, pola outra, un Comité de Seguimento e Control, no que tamén terá presenza o Concello, que actuará como presidente, e ao que poderán pertencer os partícipes do fondo que o soliciten, sempre que teñan 4 compromisos de investimento iguais ou superiores ao 10% do patrimonio total comprometido en cada momento.

Por parte da Administración, este servizo de intermediación financeira terá un custo máximo para as arcas locais de 2,4 millóns de euros. Cantidade que o Concello irá abonando de xeito trimestral, previo informe da xestora e da fiscalización que realice a Intervención Xeral.

Lara Méndez referiu que a última das tres fases terá lugar cando as empresas participadas comecen a devolver o capital municipal investido, que rondará os 10 millóns de euros.

“A meta é crear riqueza e tamén postos de traballo con vistas á recuperación económica de Lugo nesta etapa post-covid e, nada mellor que facelo dotándonos dunha ferramenta propia, moi poderosa, que diversificará o tecido produtivo local e servirá de impulso aos nosos sectores estratéxicos, aqueles que van en consonancia co Lugo moderno, sostible e á vangarda que estamos construíndo e que será capaz de xerar oportunidades de futuro para as nosas fillas e fillos”, engadiu a alcaldesa.

Precisamente, neste mesmo senso, Méndez deu conta de que, de xeito paralelo á posta en marcha desta estratexia, “dende o Executivo Municipal activamos un ambicioso Plan de Formación cun investimento de 152.000 euros para que 1.120 lucenses atopen ou melloren o seu emprego, co obxectivo de proporcionar á cidadanía maiores saídas laborais, adaptadas ás novas condicións do mercado, favorecendo a súa promoción profesional e fomentando a súa inserción”.

“Así mesmo, tamén mobilizamos un millón de euros para a posta en marcha dun plan de reconstrución económica dos barrios a través do comercio e a hostalería coa finalidade de dinamizar a cidade para atraer a potenciais consumidores e público en xeral, combinando a oferta de lecer e entretemento coa formación e o asesoramento, dirixido a locais comerciais e de hostalería para que resulten mais atractivos”, concluíu a rexedora.

Accións, todas elas, que se enmarcan dentro da Estratexia Global de Dinamización, Reconstrución e Reactivación da Economía Local do Concello de Lugo deseñadas polo Executivo de Lara Méndez xa en marzo de 2020 e á que se leva dotado con máis de 20 millóns de euros.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a formalización do Lugo Transforma | Descargar mp3
  • O conselleiro delegado de Torsa Capital, Jesús Torres, sobre a formalización do Lugo Transforma | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez formaliza con Torsa Capital a xestión do fondo municipal emprendedor que transformará Lugo nos próximos 5 anos
  • Lara Méndez formaliza con Torsa Capital a xestión do fondo municipal emprendedor que transformará Lugo nos próximos 5 anos

Noticias relacionadas