Lara Méndez finalizará o vindeiro ano a transformación do funcionamento do Concello plasmada nun Plan de Acción

O obxectivo marcado a principios de mandato foi ser máis áxiles e ofrecer máis prestacións e de maior calidade á veciñanza, cambiando para iso as dinámicas de traballo

A corrección das deficiencias detectadas en materia de Persoal permitiu dimensionar os servizos e incrementar a súa eficiencia no último ano

Entre os obxectivos xa acadados figura a entrada en vigor da RPT, a implantación dun sistema de fichaxe, a materialización de varias OPE’s e a creación dunha bolsa de traballo

Nos próximos meses elaborarase unha Instrución para axilizar aínda máis o pago de facturas e os procedementos de contratación serán avaliados periodicamente

Crearase unha bolsa de licitadores para publicitar as convocatorias, garantindo así a súa transparencia

O Plan contempla tamén a contratación dunha colaboración para Inspección de Tributos en prol de acadar unha maior equidade fiscal

Sábado, 07 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez finalizará o vindeiro ano a transformación do funcionamento do Concello plasmada nun Plan de Acción

Foi unha das primeiras determinacións do mandato. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, adoptou en 2019 a resolución de restruturar toda a directiva municipal co fin de mellorar a organización interna do Concello e, polo tanto, tamén, a súa xestión. Para iso, dispuxo que a Intervención xeral, que pasou a depender directamente dela, coordinaría un comité de dirección ao que lle atribuía a facultade de elaborar propostas de actuación que velasen pola operatividade da administración local, incrementando, a tal efecto, a súa supervisión.

“Un imperativo que se concretou nun Plan de Acción – sinalou Méndez - que serviu para detectar aquelas eivas de funcionamento susceptibles de mellora, que xa estamos a resolver, da man da edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, co obxectivo non só de modernizar a institución senón de poñer a súa eficiencia ao servizo da cidadanía. A nosa vocación é ser máis áxiles, máis accesibles e máis próximos á veciñanza, incrementando a atención ao público, e a calidade e o número de prestacións pero todo iso non será posible se antes non transformamos as dinámicas de actuación coas que traballamos”, admitiu.

“Nese empeño o fundamental foi reconducir, como o propio Interventor sinalou nos seus informes, usos e costumes do pasado que lastraban e condicionaban a actuación xeral do Concello e que viñan determinados polas disfuncións atopadas en materia de Persoal”. E así, a alcaldesa lembrou, como principal correctivo, que dende o 1 de xuño se atopa en vigor a Relación de Postos de Traballo - a primeira que se conseguiu aprobar en 14 anos e que contou co apoio unánime da Mesa de Negociación.

“Un fito histórico ao que cómpre engadir a posta en marcha do sistema de fichaxe das e dos empregados municipais, que posibilita o control presencial dos mesmos e unha maior fiscalización sobre a conveniencia da realización de horas extraordinarias que, en 2021 queremos reducir ao mínimo, tendo en conta que, grazas á existencia desa RPT, de prover definitivamente as xefaturas de área e de materializar a convocatoria das distintas Ofertas Públicas de Emprego, puidemos ir dimensionando departamentos ou Corpos tan importantes como a Policía Local ou os Bombeiros, hoxe cun número de efectivos moito máis acorde á carga de traballo que asumen e aos cocientes de poboación do municipio”.

Lara Méndez puxo igualmente en valor a importancia de ter creado ademais unha bolsa de traballo para 42 categorias profesionais,  “que nos permitirá ter listas actualizadas cada ano, integradas por persoas coa cualificación axeitada, para poder levar a cabo substitucións por interinidade garantindo, en todo momento, os principios de igualdade, mérito e capacidade. Un proceso, ao que se presentaron máis de 9.000 solicitudes que neste intre se están revisando, que rematará antes de que finalice o ano”.

Como tarefas pendentes, a rexedora indicou que, de cara ao primeiro semestre de 2021, se prevé adquirir unha aplicación informática para a elaboración das nóminas que facilite a súa integración coas aplicacións orzamentarias e de contabilidade, “nunha aposta decidida por conferir seguridade xurídica  e transparencia a todo canto ten que ver coa ordenación dos recursos humanos deste Concello”.

Precisamente, a área de Fomento será un dos servizos nos que redunde a regularización do persoal de maneira que se dotará de tres técnicos superiores e un administrativo que centrarán as súas funcións na xestión da actividade subvencional, “dun calado transcendental, tendo en conta o contexto social no que nos atopamos”, subliñou.

“Por desgraza, a crise sanitaria que nos afecta está a propiciar unha gran incerteza económica, mermando os recursos de moitos sectores e deixándoos desprotexidos. Cobra forza pois, o papel asistencial das administracións e o labor de apoio que debemos desenvolver a través dos investimentos e achegas públicas”, sostivo a rexedora.

Unha convicción baixo a que xorde, así, o Plan Estratéxico de Subvencións (PES), ao que neste 2020 o executivo local dotou con 8 millóns de euros, máis da metade destinados a sufragar o Plan Reanima, pero que “cobra especial sentido en tanto será unha ferramenta fundamental á hora de fixar os indicadores que faciliten obxectivamente a vixilancia da asignación de fondos públicos e que pasa tamén por restrinxir o número de achegas de concesión directa que quedarán limitadas só a aqueles casos nos que se acredite o seu carácter singular.

A contabilidade local, a exame para acurtar os prazos de adxudicación e pago de facturas

O Plan de Acción, impulsado por Lara Méndez, fai fincapé tamén noutros aspectos como a contabilidade local e incorpora medidas correctoras, que xa están a dar froitos, na facturación e contratación municipal.

”Desta forma, neste último trimestre aprobaremos unha Instrución na que se recollen as pautas para garantir o pago aos provedores no menor prazo de tempo posible”, referiu a alcaldesa.

“Igualmente, temos a intención de implantar, no vindeiro exercicio, un modelo de seguemento da actividade relacionada coa elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos diferentes procedementos de adxudicación así como unha avaliación trimestral dos contratos menores, por se esta segue a ser a formulación idónea para os mesmos, e a creación dunha bolsa aberta de licitadores que, por unha banda sirva de rexistro aos operadores económicos interesados en participar nas convocatorias do Concello e, pola outra, garanta a publicidade e concorrencia dos procesos”, adiantou Méndez.

Impulso á Inspección Tributaria en prol da igualdade fiscal

Acadar a igualdade e a progresividade fiscal é outra das metas que se persegue co Plan de Acción da Alcaldía e para a que se contempla a contratación dunha colaboración que axude nas tarefas de inspección, aumentando o rendemento do servizo e facendo aflorar a economía mergullada.

“Son, en conxunto, - concluíu a alcaldesa - unha batería de actuacións coas que reverter os déficits atopados que obrigan a unha modernización tecnolóxica e a unha revisión e adecuación constante á lexislación aplicable mais sen perder de vista a necesidade de adaptarnos á realidade social que nos afecta para ser realmente útiles á cidadanía, como é a nosa principal motivación”.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Plan de Acción | Descargar mp3

Noticias relacionadas