Lara Méndez felicita a 15 persoas, de entre 27 e 63 anos e de cinco nacionalidades, que se formaron en competencias clave no concello

Os participantes, colombianos, venezolanos, africanos e paquistanís, ademais de españois, xa están en disposición de acceder a títulos e obradoiros que ata agora non podían cursar.

A alcaldesa de Lugo destacou a oportunidade que supón o ‘Lugo Job’, pois “máis da metade dos alumnos inscribíronse xa para realizar as probas libres para acadar o título da ESO”.

O Concello habilitou axudas económicas mensuais, correspondentes co 75% do IPREM, e fixou horarios totalmente adaptados á conciliación familiar para a formación presencial.

Domingo, 13 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez felicita a 15 persoas, de entre 27 e 63 anos e de cinco nacionalidades, que se formaron en competencias clave no concello

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da tenenta de alcaldesa e edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira, participou na clausura da primeira edición do curso de Competencias Clave de Nivel 2 –Matemáticas, Comunicación en Lingua Galega e Comunicación en Lingua Castelá– celebrado nas dependencias do Centro de Emprendimiento e Innovación (CEI-Nodus) no marco do programa Lugo Job impulsado polo Concello.

Trátase do novo plan de formación, gratuíto, deseñado polo executivo municipal, co obxectivo de axudar a mellorar a empregabilidade da veciñanza e promover a súa inserción laboral, mediante a formación en competencias clave, coñecementos e capacitación.

A través deste programa, quince alumnos colombianos, venezolanos, africanos e paquistanís, ademais de españois, de idades comprendidas entre os 27 e 63 anos, acadaron as tres competencias clave e, polo tanto, xa están en disposición de acceder a títulos e obradoiros que ata o momento non podían cursar, “de feito, moitos deles xa mostraron o seu interese en realizar un certificado de profesionalidade de Nivel 2 nas próximas semanas”, explicou a rexedora.

Lara Méndez felicitou aos participantes por “ter superado con éxito as diferentes probas de avaliación realizadas” e destacou a gran oportunidade que supuxo esta formación, pois “máis da metade dos alumnos solicitaron tamén a súa inscrición para realizar as probas libres para a obtención do Título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO)”.

O curso de Competencias Clave de Nivel 2 é un dos tres que se está a impartir presencialmente no CEI Nodus. Contará cunha segunda edición, na que participarán outras quince persoas, que comezará o vindeiro luns, 14 de marzo, e finalizará no mes de xuño.

Os outros dous cursos que se están a desenvolver neste centro municipal son o de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais e Confección e Publicación de Páxinas Web, que permitirán a obtención do Certificado de Profesionalidade de Nivel 2, e no que participan un total de 30 persoas.

Formación adaptada á conciliación familiar

A formación presencial está dirixida, exclusivamente, a persoas inscritas como demandantes de emprego. A selección dos candidatos realizouse a través do Servizo de Emprego e as persoas seleccionadas están a recibir unha bolsa formativa mensual, que se corresponde co 75% do IPREM.

Trátase dunha formación adaptada ao horario e curso escolar, pois as sesións teñen lugar de 9:15 a 13:15 horas, e durante as datas nas que non hai clases nos centros educativos, como por exemplo no Nadal, Semana Santa, Entroido, etc., tampouco se imparte formación, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar dos e das participantes.

Plataforma online

O outro piar no que se sustenta o Lugo Job, posto en marcha pola rexedora, é a formación online a través dunha plataforma de e-learning, á que se pode acceder a través da páxina web www.lugojob.es. A través desta ferramenta, púxose en marcha unha amplísima oferta formativa, que se vai actualizando mensualmente, ofertando ao longo de doce meses cursos relacionados con todas as familias profesionais e as competencias máis demandadas hoxe en día no mercado laboral.

Ana Abelleira, destacou que “a día hoxe, preto de 1.000 persoas xa se inscribiron nesta plataforma”. Os cursos realizaranse a través dun campus online dispoñible as 24 horas do día, todos os días da semana, para maior comodidade do alumnado. Ademais, pódese acceder dende calquera tipo de dispositivo: tanto ordenador, como tablet ou móbil.

A concelleira lembrou así mesmo que “cada unha das accións, incluídas na oferta formativa da plataforma virtual, está titorizada por persoal docente cualificado na materia a impartir”.

 

Multimedia

  • Lara Méndez felicita a 15 persoas, de entre 27 e 63 anos e de cinco nacionalidades, que se formaron en competencias clave no concello
  • Lara Méndez felicita a 15 persoas, de entre 27 e 63 anos e de cinco nacionalidades, que se formaron en competencias clave no concello

Noticias relacionadas