Lara Méndez explicará o LIFE de Lugo no Congreso Nacional de Medio Ambiente, elixido por impulsar a renovación urbana

A cidade estará presente por vez primeira neste foro, considerado o maior encontro ambiental do país e que reunirá durante catro días a máis de 1.200 expertos de toda España.

A alcaldesa explicará as accións nas que se está a traballar “para transformar a cidade e  favorecer unha transición ecolóxica que protexa a saúde e, polo tanto, o medio ambiente”.

A rexedora tamén avanzará en Madrid a Estratexia Lugo Transforma para atraer empresas verdes e innovadoras nun ano no que o CONAMA se centra na recuperación pospandemia.

Sábado, 22 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez explicará o LIFE de Lugo no Congreso Nacional de Medio Ambiente, elixido por impulsar a renovación urbana

O proxecto sostible de Lugo estará presente por primeira vez no XV Congreso Nacional de Medio Ambiente, que organiza a fundación Conama e que está considerado o maior encontro ambiental do país. A estratexia de transformación da cidade vinculada co desenvolvemento sostible foi selecciona na categoría de ‘Renovación Urbana, Renovación Urbana: Cara a cidades descarbonizadas, circulares e naturais.’

A alcaldesa Lara Méndez explicará neste foro, considerado o maior encontro ambiental do país, “os pasos que estamos a dar nos últimos seis anos para transformar Lugo fronte á emerxencia climática, potenciando á vez o uso dos nosos recursos naturais propios, como a madeira, e impulsando a economía vede asociada a barrios neutros en carbono, pasos que a Comisión Europea está a valorar especialmente por servir de modelo a outras cidades de tamaño medio”.

O congreso, que se celebra baixo o lema ‘A recuperación que queremos’, desenvolverase en Madrid desde o 31 de maio ata o 3 de xuño, e Lugo participará na primeira xornada. Este foro organízase cada dous anos e aínda que estaba programado en novembro de 2020, dada a incerteza xerada pola pandemia, a organización decidiu pospolo para as datas actuais.

CONAMA seleccionou a Lugo polo cambio de paradigma que está a supor o LIFE Lugo+Biodinámico, vinculado co deseño das cidades sostibles do futuro.

A rexedora explicará os avances da estratexia que marca a senda da cidade, “non só a través do LIFE traballando nun urbanismo sostible, senón tamén cos cambios que suporá o DUSI na relación da cidade co río, traballando para que esta estratexia resulte realmente transformadora para favorecer unha transición ecolóxica que protexa a saúde das persoas e, por tanto, o medio ambiente; que xere emprego de calidade e que constrúa un modelo económico innovador atendendo ao reto do cambio climático”.

Neste senso, Lara Méndez tamén explicará a Estratexia Lugo Transforma, na que Lugo mobilizará o maior investimento económico da súa historia con recursos propios, 12 millóns de euros, para atraer ao municipio investimento e empresas vinculadas coa nova economía innovadora e verde e crear postos de traballo, “axudando así a diversificar os sectores produtivos, agora excesivamente dependente só do sector servizos”.

Esta estratexia, afonda a rexedora, está moi vinculada coa liña que se marcará no CONAMA este ano para a recuperación verde e ecolóxica da pospandemia.

Noticias relacionadas