Lara Méndez enxalza a valía do persoal sanitario e a importancia da colaboración institucional no X Aniversario do Hula

A alcaldesa de Lugo participou esta mañá nos actos de conmemoración da efeméride xunto a presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

A rexedora destacou “a dedicación e o sentido da vocación das e dos profesionais do Hospital, os eixos que cada día moven a engrenaxe deste gran centro hospitalario e que en dez anos o situaron nos máis altos estándares sanitarios”.

Méndez lembrou que o sector sanitario, xunto a outros que estiveron na primeira liña de loita contra a pandemia, recibirán as Medallas de Ouro do Concello 2020.

Martes, 04 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez enxalza a valía do persoal sanitario e a importancia da colaboración institucional no X Aniversario do Hula

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou hoxe nos actos de conmemoración do X aniversario do Hospital Universitario Lucus Augusti.

A rexedora, aproveitou a súa intervención para enxalzar a traxectoria do HULA durante estes dez anos como centro sanitario de referencia para toda a provincia de Lugo.

“Nesta década o HULA foi, xunto coa cidadanía, avanzando e adaptándose ao contexto social, ás demandas e ás necesidades que agroman. O que di moito da súa capacidade e das expectativas que todas e todos os lucenses temos postas nel. A cidade e a provincia poden presumir dun hospital con grandes profesionais que o están a situar nos máis altos estándares sanitarios, como o demostran os premios e recoñecementos que recibiu até o momento, o último deles, o Premio Nacional de Medicamento Século XXI á mellor atención hospitalaria”, sinalou Lara Méndez.

A alcaldesa fixo referencia tamén ao camiño percorrido e non exento de dificultades e condicionantes.

“Foi un traballo conxunto, de todos os sectores da cidade. Do sanitario, porque a súa dedicación e sentido da vocación, son os eixos que cada día moven a engrenaxe deste gran centro hospitalario, pero tamén co tesón do movemento asociativo, principal acicate - coas súas reivindicacións, e todos temos na mente por exemplo, a consecución da hemodinámica 24 horas - de que Lugo vaia gañando servizos e prestacións en prol do ben máis prezado que temos todas as persoas: a saúde dos que máis queremos e a nosa propia”, engadiu.

“Pasos que se foron dando, logros que se conseguiron tamén co compromiso de todas as administracións - cada unha dende o seu eido de actuación - sumando esforzos nun traballo conxunto e baseado no entendemento, porque só a colaboración permite avanzar ao mundo. Coma a que durante todo este ano – abondou a rexedora -, tráxico pola chegada da Covid, mantivemos coa área sanitaria, dando apoio – cando así se nos solicitou como administración local – na realización de cribados ou no seguimento ás e aos pacientes. E neste caso, quero personificar tamén a nosa gratitude, na figura do xerente, Ramón Ares, por manter aberta, sempre e en todo momento, esa canle informativa e de cooperación”.

Méndez quixo trasladar tamén “como alcaldesa de Lugo e, polo tanto, en nome de toda a veciñanza, a nosa inmensa gratitude polo labor que nestes últimos meses desenvolvéchedes dende todas as áreas do HULA. A todo o persoal, sanitario e non sanitario, polo inxente e magnífico traballo realizado o que pon de manifesto, a vosa valía. Non cabe dúbida de que estamos a atravesar unha das etapas máis complexas da nosa historia recente, que esixe tamén unha resposta asistencial sen precedentes. Acabamos de vivir unha situación de emerxencia sanitaria de primeiro orde mundial que agora abre paso tamén a outra, non menos preocupante, de crise económica e social”.

“Un escenario cambiante onde, cada día que pasa, persiste a incertidume polo devir que pode trazar a pandemia. Mais nestas circunstancias de loita contra o descoñecido, o papel que leváchedes a cabo e que aínda desempeñades as e os profesionais sanitarios, ao igual que todo o persoal que permite que eses servizos que prestades estean sempre a punto, nos aporta non só confianza senón tamén moitas doses de esperanza”, sostivo a alcaldesa de Lugo ao tempo que lles agradeceu a súa entrega, implicación e sacrificio.

“Porque ese é, sen dúbida, o principal patrimonio deste hospital e da nosa cidade. Sodes o noso orgullo, o orgullo da sanidade pública galega, á que, precisamente por todo o vivido, debemos dotar dos medios suficientes para que a calidade non sexa só unha cuestión do compromiso persoal das e dos traballadores. Un compromiso que cómpre enxalzar, iso si, e que dende o Concello o faremos entregándovos as Medallas de Ouro correspondentes ao 2020”, lembrou a rexedora.

Méndez recordou que este galardón son a máxima distinción que a institución local pode entregar á cidadanía, e que segundo o propio regulamento indica, debe recaer só en persoas que teñen atribuídos méritos verdadeiramente extraordinarios.

“Medallas coas que pretendemos materializar aqueles aplausos colectivos, para enxalzar e agradecervos o voso labor tantas veces superior á vosa responsabilidade profesional. Por estar na primeira liña de loita contra a pandemia, por protexernos e coidarnos sempre, tamén no peor dos escenarios posibles, por ser o mellor exemplo para as xeracións que nos suceden e por facer do HULA o hospital que hoxe é: GRAZAS!”, concluíu a rexedora.

Multimedia

  • Lara Méndez enxalza a valía do persoal sanitario e a importancia da colaboración institucional no X Aniversario do Hula
  • Lara Méndez enxalza a valía do persoal sanitario e a importancia da colaboración institucional no X Aniversario do Hula

Noticias relacionadas