Lara Méndez enxalza o papel crucial dos Concellos na dinamización económica dos municipios como motores de investimento

A alcaldesa de Lugo e primeira mandataria do Eixo Atlántico presidiu hoxe, en Maia, a Comisión Executiva do organismo da Eurorrexión onde se avaliou o alcance das últimas accións impulsadas polo ente transfronteirizo.

A rexedora avanzou que a vindeira xuntanza terá lugar en novembro, na capital amurallada, aproveitando a súa designación en 2023 como Cidade da Cultura do Eixo.

Luns, 04 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez enxalza o papel crucial dos Concellos na dinamización económica dos municipios como motores de investimento

A alcaldesa de Lugo e primeira mandataria do Eixo Atlántico, Lara Méndez, presidiu hoxe a Comisión Executiva do organismo da Eurorrexión para dar conta do avance dos acordos adoptados pola entidade nos últimos meses.

A rexedora destacou a importancia de seguir apostando polas sinerxías entre as localidades galegas e portuguesas que conforman o Eixo e destacou “o papel crucial que exercen os Concellos como principais motores da dinamización económica dos municipios a través do investimento público e da utilización dos fondos europeos da recuperación, nun momento tan complexo como o actual no que a inflación e o incremento do custo da vida gravan as economías domésticas pero tamén están a frear a iniciativa privada”.

A este respecto, Méndez subliñou a importancia de recuperar as actividades presenciais e a realización de eventos promovidos dende as institucións, como un polo de atracción turística e un revulsivo económico alí onde se celebran, o que exemplificou coa última edición da Feira Expocidades que tivo lugar no mes de maio en Ferrol.

A alcaldesa avanzou igualmente que a vindeira xuntanza do Eixo Atlántico terá lugar na capital amurallada no mes de novembro, logo de que o Concello de Lugo sexa o primeiro de toda Galicia e contar no seu rueiro cunha praza, na Piringalla, dedicada ao ente transfronteirizo, respectando así o acordo unánime adoptado pola súa Asamblea.

A capital lucense será, alén, en 2023 Cidade da Cultura do Eixo Atlántico para o que a rexedora anunciou a realización de actividades artísticas e lúdicas que pularán por fornecer as interrelacións entre Galicia e Portugal, especialmente no primeiro semestre do ano.

Multimedia

  • Lara Méndez enxalza o papel crucial dos Concellos na dinamización económica dos municipios como motores de investimento
  • Lara Méndez enxalza o papel crucial dos Concellos na dinamización económica dos municipios como motores de investimento

Noticias relacionadas