Lara Méndez enxalza, no seu día internacional, o potencial da Arqueoloxía como valor de presente e futuro

A rexedora e o arqueólogo municipal, Enrique González, presentaron hoxe o libro ‘Cerámica Antigua en el Noroeste Penínsular’ no que se recollen os estudos xurdidos nas xornadas que, baixo esta temática, se celebraron en Lugo en 2018.

Lara Méndez: “confiamos en que, proximamente, Lugo poida contar cun centro museístico que dea impulso a esta actividade, no convencemento de que a investigación sobre a nosa historia fortalece a nosa identidade cultural”.

Para conmemorar a efeméride, o Concello ofrece hoxe dúas visitas guiadas ás catas do barrio do Carme, realizadas ao abeiro da estratexia Dusi – Muramiñae.

Mércores, 28 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez enxalza, no seu día internacional, o potencial da Arqueoloxía como valor de presente e futuro

O Concello de Lugo celebra hoxe o Día Internacional da Arqueoloxía coa presentación do libro “Cerámica Antigua en el Noroeste Peninsular” e coa realización de visitas guiadas ás catas que se están executando no barrio do Carme, ao abeiro da estratexia Dusi – Muramiñae.

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, presentaba hoxe a publicación - pertencente á serie “Ex Officina Hispana. Cuadernos de la Secah (Sociedad de Estudios de la Cerámica Antigua en Hispania)”, vol.4, 2020, ediciones de La Ergástula – na que se recollen os estudos e investigacións presentados durante as Xornadas Internacionais de Cerámica Antiga no Noroeste Peninsular, celebradas en Lugo en abril de 2018.

Un acto que tivo como escenario o patio do Vello Cárcere, un dos inmobles que atesouran boa parte dos achados que custodia o Concello de Lugo e no que estivo acompañada polo arqueólogo municipal, Enrique González e polo coordinador da publicación, Roberto Bartolomé Abraira.

Lara Méndez fixo referencia primeiramente á realización desas Xornadas, organizadas para sumarse á celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural (2018), coa premisa de contribuír con elas a fomentar o valor do patrimonio e a súa utilidade, en tanto reforzan o sentimento de pertenza a un espazo común a través da historia.

A iniciativa pretendeu no seu día ser un punto de encontro e reflexión acerca desta temática pero tamén de intercambio de experiencias mediante a creación dun foro ou rede de traballo con vistas a un mellor coñecemento e divulgación dos estudos cerámicos.

“Non foi casual que a temática abordada nelas fose a cerámica antiga (romana) e o seu lugar de celebración Lugo, posto que Lucus Augusti foi un gran centro produtor de cerámica entre os séculos I ao V para todo o noroeste da península. Os seus máis de corenta fornos cerámicos documentados durante as diferentes escavacións arqueolóxicas realizadas na cidade nos últimos trinta anos, fixeron que esa produción oleira, especialmente a denominada ‘cerámica de engobe vermello’, chegase a ser recoñecida non só en todo o noroeste peninsular, senón que alcanzou áreas do actual País Vasco, a cunca alta e media do Ebro, a Meseta Norte, a zona bracarense e incluso superou os límites do río Douro”, referiu a alcaldesa nos prolegómenos do libro.

A rexedora fixo fincapé, a continuación, no carácter eminentemente científico da publicación, “aínda que posúe igualmente unha vertente divulgadora, xa que pretende achegar a todo aquel público interesado, curioso e amante da arqueoloxía, un dos aspectos menos coñecidos da civilización romana, como é o da cultura material, representada a través da cerámica, coas súas diferentes tipoloxías e formas (vaixelas de mesa, cociña, almacenamento, etc.), as producións e as relacións comerciais establecidas a través do seu comercio entre os diferentes núcleos do noroeste peninsular, incidindo na importancia da antiga Lucus Augusti como gran centro produtor e comercial”, asegurou Méndez.

Neste sentido, o libro conta coa participación de aproximadamente unha vintena de colaboradores, algúns deles de gran prestixio nacional e internacional no estudo da cerámica antiga.

“Confiamos e esperamos que días como o de hoxe que nos dan pé a enxalzar publicacións coma esta e xornadas como as realizadas en 2018, contribúan a un maior coñecemento do noso rico pasado histórico, no que a arqueoloxía sexa vista como un valor de presente e futuro. Desexamos tamén que, máis pronto que tarde, Lugo poida contar cun centro museístico no que os labores de apoio, investigación e difusión sexan posibles, dando así un novo impulso a esta actividade e a traballos deste tipo, que redundarán nun maior coñecemento e prestixio da cidade. Sempre baixo o convencemento de que a investigación sobre a nosa historia fortalece a nosa identidade cultural”, concluíu a alcaldesa de Lugo.

Trala presentación, a rexedora e o arqueólogo municipal, Enrique González, desprazáronse ata as catas que se están executando no barrio do Carme, fronte á Porta Miñá, para realizar unha visita guiada. Un circuíto que se repetirá, de novo ás cinco da tarde, con 20 prazas dispoñibles en cada quenda.

As sondaxes, que ocupan unha superficie de 65 m², se enmarcan na estratexia Dusi Muramiñae – financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

Os xacementos atopados se corresponden con diferentes etapas históricas, estando o principal vencellado a unha edificación romana. Dela exhumáronse varios muros que conforman unha estrutura rectangular, aínda sen definir totalmente, pero na que se aprecia un ambiente de servizo focalizado pola presenza dunha cociña que, ao mesmo tempo, relacionábase con outra estancia ou habitación cuxa funcionalidade pode ser diversa: almacén ou espazo produtivo.

A partir dos resultados destas catas, é posible percibir como se vai definindo unha construción que estaría na zona periurbana da cidade e o estudo da súa planimetría e funcionalidade axudarán a clarificar novos datos sobre esta zona, estando esta delimitada pola vía XIX que no seu trazado conforma o decumanos da cidade.

Ademais, dende a páxina web municipal www.concellodelugo.gal é posible acceder ao Catálogo Arqueolóxico Lvcvs Avgvsti https://arqueolucus.gal/catalogo/gl_index.html no que se atopan recollidos os principais materiais arqueolóxicos do Lugo romano, combinando información textual cos modelos en 3D das pezas arqueolóxicas dixitalizadas.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Día Internacional da Arqueoloxía | Descargar mp3

 

Multimedia

  • Lara Méndez enxalza, no seu día internacional, o potencial da Arqueoloxía como valor de presente e futuro
  • Lara Méndez enxalza, no seu día internacional, o potencial da Arqueoloxía como valor de presente e futuro
  • Lara Méndez enxalza, no seu día internacional, o potencial da Arqueoloxía como valor de presente e futuro

Noticias relacionadas