Lara Méndez efectivizou esta mañá a toma de posesión de David Fiuza como novo Director da Banda Municipal de Lugo

A Escola de Música tamén vén de consolidarse unha vez regularizada a situación laboral dos músicos para exercer como docentes.

Se crearon, alén, bolsas de emprego en varias categorías de instrumentos para atender as necesidades que vaian xurdindo.

Mércores, 21 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez efectivizou esta mañá a toma de posesión de David Fiuza como novo Director da Banda Municipal de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, efectivizaron esta mañá a toma de posesión do novo Director da Banda Municipal de Música.

Con este trámite oficialízase así o nomeamento de David Fiuza no cargo, poñendo fin á provisionalidade que, a este respecto, viviu a formación municipal nos últimos anos.

O músico de Vila de Cruces obtivo a praza tras participar no proceso selectivo convocado pola área de Recursos Humanos, unha oposición de acceso libre na que se esixía como requisito imprescindible a titulación superior de Música ou equivalente na especialidade de dirección de Orquestra, expedido polo Conservatorio Oficial de Música.

A rexedora local felicitou a David Fiuza pola obtención da praza e deulle á benvida ao Concello de Lugo e á Banda Municipal, ao tempo que puxo en valor os pasos dados polo Goberno local, dende a área de Persoal, para consolidar tanto o futuro da Banda como o da Escola de Música.  “Ofrecendo, así, unha estabilidade aos propios traballadores - que actualmente teñen regularizada a súa situación laboral – o que reverterá alén no futuro deste centro que tantas satisfaccións e tan bo servizo leva dado dende o ano 2012 cando se puxo en marcha”.

“Hoxe é un día moi positivo, non só para a Administración local senón tamén para toda a cidadanía lucense, porque se incorpora a esta Institución un director de sobrada experiencia e gran prestixio profesional que, estamos seguros, co devir do tempo se verá incrementada e lle conferirá maior proxección se cabe, pero porque tamén volveremos ver e gozar da nosa Banda actuando de novo e recuperando o que era o seu ritmo de actividade habitual que tanto botamos en falta esta tempada”, puntualizou Lara Méndez.

Dentro do impulso que dende o Executivo se lle deu á Banda e á Escola de Música nos últimos meses figura, igualmente, a creación e publicación de bolsas de emprego en varias categorias de instrumentos. Pódense consultar na web do Concello de Lugo. (http://concellodelugo.gal/gl/bolsas-emprego).

Noticias relacionadas