Lara Méndez e Valentín Formoso visitan o Impulso Verde, símbolo da transformación ambiental e económica que desenvolve Lugo

A alcaldesa da a benvida á Xunta, “que se acaba de sumar ao fomento da madeira na construción sostible, seis anos despois de que no Concello iniciásemos esta aposta”.

O secretario xeral do PSdeG destacou que “Lugo está sendo o motor dun cambio de paradigma en Galicia, a pesar da parálise da Xunta no ámbito da innovación e da ciencia”.

José Tomé: “Debemos dar valor engadido ao sector forestal, no que a provincia de Lugo é unha potencia, para que deixe recursos económicos e emprego, sobre todo no rural”.

Venres, 11 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez e Valentín Formoso visitan o Impulso Verde, símbolo da transformación ambiental e económica que desenvolve Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o secretario xeral do PSdG, Valentín González Formoso, visitaron este venres, acompañados do concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e a deputada de Réxime Interior, Pilar García, as instalacións do Impulso Verde, cuxas obras se atopan a piques de rematar. Valentín Formoso realizou previamente unha visita institucional á Casa Consistorial.

A rexedora lucense convidou a coñecer este novo edificio municipal ao seu homólogo na cidade das Pontes, e tamén presidente da Deputación da Coruña, como un dos símbolos da transformación que o executivo municipal está a desenvolver en Lugo, tanto dende o punto de vista ambiental como económico.

Así, Lara Méndez explicou que “a día de hoxe, Lugo é un municipio referente e pioneiro na posta en marcha de iniciativas encamiñadas ao coidado do medio ambiente e o fomento da economía verde e circular; dende hai seis anos estamos a defender a necesidade de transformar a cidade para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, mediante execución de proxectos, apoiados pola Unión Europea -como o Dusi Muramiñae ou o Life Lugo+Biodinámico-, así como coa posta en marcha da estratexia Lugo Transforma.

O Impulso Verde é o primeiro de carácter público que se constrúe en Galicia con madeira local certificada 100%.  “A propia Xunta vén agora a sumarse a esta aposta, e benvido sexa, pero seis anos despois de que en Lugo comezásemos a potenciar desde o ámbito público e incentivando no privado, o uso da madeira como elemento construtivo e sostible nas novas edificacións, para basear a industrialización dos territorios aproveitando as súas potencialidades e recursos naturais”, sostivo a alcaldesa. Méndez incidiu nas vantaxes deste modelo “tanto dende un punto de vista económico –por ser a nosa provincia a principal produtora forestal de toda a comunidade– e tamén polos resultados que a súa aplicación está a ter na loita contra a emerxencia climática”.

Pola súa parte, o secretario xeral dos socialistas galegos felicitou á rexedora pola súa aposta decidida pola sustentabilidade como eixo central nas diferentes actuacións e proxectos que se están a levar a cabo na cidade, “aplicando un modelo de xestión que comparto e que será fundamental nos vindeiros anos polos desafíos que plantexa a loita contra o cambio climático”.

“Lugo está sendo o motor dun cambio de paradigma en Galicia, a pesar da parálise da Xunta no ámbito da innovación, da ciencia e tamén do sector forestal, ten que ser o sector privado e tamén o ámbito municipal, concretamente o Concello de Lugo, o que demostre que as materias primas galegas, que o monte galego e, neste caso, o monte de Lugo, que aporta un terzo da madeira que exporta a comunidade –a maior produtora de toda España– que aporta recursos a máis de cen mil propietarios da provincia de Lugo, e que dá emprego a máis da metade dos traballadores e traballadoras dos concellos de interior desta provincia, merece a pena, de aí a necesidade de investigar e apostar por este sector, como o está a facer o goberno de Lara Méndez, e como xa podemos apreciar con este edificio”.

Así, mesmo, o presidente da Deputación destacou a colaboración que fai a institución provincial con este proxecto cunha aportación que supera os 500.000€ ao plan Life Lugo+Biodinámico no que se integra co fin de impulsar o desenvolvemento urbano sostible e, ao mesmo tempo, dar valor engadido ao sector forestal, no que a provincia de Lugo é unha potencia, para que “deixe recursos económicos e emprego, sobre todo no rural”.

Características do edificio

Impulsado polo executivo municipal, co cofinanciamento da Deputación, e cos avances investigadores do Campus Terra (USC) e da Universidade Politécnica de Madrid, o Impulso Verde é xa é un referente na loita contra o cambio climático, capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo.

Deste xeito, como avanzou a rexedora “o uso da madeira como elemento construtivo permitirá emitir un 90% menos de CO2 á atmosfera que os edificios de formigón e aceiro e absorberá 280 toneladas de emisións, o que significa que está axudando xa nunha alta porcentaxe a reducir o efecto invernadoiro”. “Actualmente estanse a executar as últimas labores de posta a punto, como a instalación de sensores para a monitorización do edificio, polo que a previsión é que nas vindeiras semanas poida quedar completamente rematado”, subliñou Lara Méndez.

O Impulso Verde é, así mesmo, o primeiro en España e un dos poucos no mundo que conta coa prestixiosa certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship  Council). Este visado garante que toda a madeira utilizada, igual en estruturas que en encofrados, procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sustentabilidade tanto ambientais como sociais.

Ademais de madeira local, o inmoble está revestido por lousa galega.

De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde contará cunha parte administrativa, un espazo de reunións e unha área de coworking de empresas vinculadas coa bioeconomía e a economía circular, consonantes coa transformación do municipio e, polo tanto, cunha gran proxección económica.

Ademais, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinados ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos innovadores e de usos comunitarios cunha funcionalidade terapéutica e didáctica en prol da convivencia interxeracional.

Recoñecemento internacional

As obras de construción do Impulso Verde comezaron a finais de 2020, e desde entón xa recibiu a visita de asociacións da madeira de distintos países, asociacións do sector da construción e centros de formación de toda Galicia. Ademais, foi obxecto de relatorio no Cume do Cambio Climático de Madrid (COP 25), o XV Congreso Nacional CONAMA, a terceira edición do Foro das Cidades, etc.; así como finalista de certames como os Premios Rebuild 2021 e elixido Mellor Proxecto Internacional do 2021 pola firma CUPA, líder mundial no sector da lousa natural.

Multimedia

  • Lara Méndez e Valentín Formoso visitan o Impulso Verde, símbolo da transformación ambiental e económica que desenvolve Lugo
  • Lara Méndez e Valentín Formoso visitan o Impulso Verde, símbolo da transformación ambiental e económica que desenvolve Lugo

Noticias relacionadas