Lara Méndez e Javier Losada revisan os compromisos do Ministerio de Transportes en Lugo, logo da crise sanitaria

A rexedora abordou co Delegado do Goberno, entre outros asuntos, a próxima cesión dos tramos da N VI e da N – 540 en Calde para integralas na rede de estradas municipais e a continuidade do proxecto para a Estación Intermodal

Venres, 05 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez e Javier Losada revisan os compromisos do Ministerio de Transportes en Lugo, logo da crise sanitaria

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantiña hoxe un encontro co Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para repasar cales son os compromisos que o executivo central mantén co Concello de Lugo.

A reunión, que se desenvolveu vía telemática, tiña como obxectivo coñecer cal é o estado actual das intervencións que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) ten iniciadas no municipio, procedementos que foron adiados debido á declaración do Estado de Alarma e que agora se reanudan.

“O diálogo e entendemento entre ambas as dúas administracións é ademais de continuado, moi fluído o que non só facilita a interlocución entre institucións senón que tamén nos permitirá desenvolver actuacións fundamentais para o futuro da cidadanía lucense”, indicou a rexedora.

Así, Lara Méndez e Javier Losada abordaron a execución do proxecto para a construción da Estación Intermodal, que avanza segundo o previsto, así como a próxima cesión dos tramos da N VI e da N-540 a altura de Calde, anunciada recentemente, e que posibilitarán, por unha banda a integración da primeira no viario local para facilitar o desenvolvemento das iniciativas encadradas dentro da estratexia Dusi – Muramiñae e, pola outra, asumir, tralo seu acondicionamento, a conservación da vía en condicións óptimas co fin de que dea un servizo adecuado aos residentes no rural.

Do mesmo xeito, o Delegado do Goberno trasladoulle á alcaldesa da cidade a execución doutras obras que está acometendo o Adif para mellorar a liña Ourense – Lugo, entre as que se inclúe a reparación de 23 pontes e 11 desmontes no tramo Monforte – Ourense, onde tamén se incrementarán as instalacións de sinalización e telecomunicacións, alén do tratamento de elementos da infraestrutura entre Monforte – Lugo que suman un investimento conxunto próximo aos 23 millóns de euros.

Noticias relacionadas