Lara Méndez e Darío Campos clausuran os XII Xogos do Eixo Atlántico, “un éxito de participación e organización”

A Alcaldesa subliñou que o maior logro deste certame é “a unión de dúas culturas e a vertebración do territorio. Fan máis os Xogos pola Eurorrexión que moitas reunións políticas”

O Presidente da Deputación destacou a “exemplaridade nas competicións e a convivencia entre mozos e mozas de Galicia e Portugal”, así como o “escaparate único” que supoñen os Xogos para promocionar a provincia

Cun retorno económico de 700.000 euros, foi a primeira vez que este encontro deportivo se celebrou na provincia. Lara Méndez pasou a testemuña da organización a Braga

Domingo, 09 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez e Darío Campos clausuran os XII Xogos do Eixo Atlántico, “un éxito de participación e organización”

O propio Eixo Atlántico, a través do presidente do Grupo Temático de Deportes, Guillerme Aguiar, recoñeceu que a edición de Lugo, Sarria e Monforte foi excepcional e unha das máis exitosas da historia deste evento. E así o certificou a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, que presidiron xunto á rexedora de Sarria, Pilar López Yáñez, e o Secretario Xeral do Eixo, Xan Vázquez Mao, o acto de clausura dos XII Xogos do Eixo, celebrado na mañá deste domingo no patio central do Vello Cárcere.

O certame remata tras cinco días de competicións, nas que participaron preto de 2.000 rapaces e rapazas de 29 concellos, 14 galegos e 15 de Portugal. Isto converte aos Xogos de Lugo, Sarria e Monforte nos máis participativos da historia, os primeiros dos que tiveron lugar en Galicia.

A Alcaldesa de Lugo, “agora que se apagan as luces e baixa o telón”, amosou a súa satisfacción por acoller os Xogos, “polo traballo ben feito”, agradecendo o labor “dos centos de persoas que estiveron a traballar a reo para que este encontro deportivo fora unha realidade e un éxito”. “Esta foi a segunda edición máis numerosa e posiblemente a vindeira terá máis participantes, o que significa que teñen moita saúde, que estamos no bo camiño, que se está facendo un traballo espectacular na Eurorrexión, da que precisamente celebramos este ano o 25 aniversario, e que temos que seguir nesta senda”, asegurou Lara Méndez.

A rexedora subliñou que “máis aló dos logros deportivos de cada delegación, que nos alegran e enorgullecen porque ademais esixen moito esforzo”, o maior logro dos Xogos do Eixo son o “compañeirismo, a competitividade sana, a unión de dúas culturas, dous pobos, o galego e o portugués, e a vertebración do territorio que conseguen”. A Alcaldesa incidiu neste senso en que, o mesmo que “fai máis o Erasmus por Europa que moitos tratados, fan máis os Xogos pola Eurorrexión que moitas reunións políticas”.

Pola súa banda, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde agradeceu o traballo de todos os organizadores e dos participantes nesta edición. "Estes Xogos foron un éxito pola exemplaridade no desenvolvemento nas diferentes competicións, así como pola estupenda convivencia entre mozos e mozas de Galicia e Portugal, que tiveron a ocasión de intercambiar experiencias e facer novas amizades. Estaremos encantados de recibirvos en futuras ocasións".

Campos Conde remarcou que este Xogos convertese nun escaparate único para promocionar  a nosa provincia, “e ademais é unha cita que serve como intercambio cultural entre distintos territorios”. Ademais lembrou que a Deputación de Lugo “é a Deputación galega que máis inviste en deporte”.

Entrega da bandeira a Braga

A Alcaldesa pasou a testemuña da organización dos Xogos a Braga, entregándolle a bandeira do evento á Vereadora de Deportes da cidade, Sameiro Araujo, a primeira ocasión que ten lugar este acto simbólico. O acto de clausura finalizou cunha actuación dunha parella de baile de Ritmo Lugo.

1.850 mozos e mozas de 29 concellos

Os XII Xogos do Eixo Atlántico celebráronse dende o pasado martes e ata hoxe en Lugo, Sarria e Monforte de Lemos coa participación de 1.850 mozas e mozos menores de 16 anos de 29 concellos de Galicia e Portugal.

Foi 1ª vez que esta cita deportiva, cun retorno económico aproximado de 700.000 euros ao ser capaz de reunir a preto de 5.000 persoas entre participantes e organizadores, se celebra na provincia de Lugo. Fíxoo co principal patrocinio do Goberno da Deputación, que achega 100.000 euros, así como coa colaboración dos Concellos de Lugo, Monforte de Lemos e Sarria, e do propio Eixo Atlántico.

Nesta edición, estiveron representados 29 municipios e entidades de Galicia e do norte de Portugal: Lugo, Monforte de Lemos e Sarria, Ourense, Pontevedra, O Carballiño, Santiago de Compostela, O Barco de Valdeorras, Carballo, Vigo, Vilagarcía, Riveira, Narón, A Coruña, Macedo de Cavaleiros, Matosinhos, Porto, Famalicão, Braga, Peso da Régua, Bragança, Maia, Vila Nova de Gaia, Vila Real, Valongo, Viana do Castelo, Guimarães, Santa María da Feira e a Eurocidade Chaves-Verín.

Multimedia

  • Lara Méndez e Darío Campos clausuran os XII Xogos do Eixo Atlántico, “un éxito de participación e organización”
  • Lara Méndez e Darío Campos clausuran os XII Xogos do Eixo Atlántico, “un éxito de participación e organización”
  • Lara Méndez e Darío Campos clausuran os XII Xogos do Eixo Atlántico, “un éxito de participación e organización”

Noticias relacionadas