Lara Méndez e Ana Prieto visitan aos comerciantes dos produtos autóctonos no seu traslado ao soto da Praza de Abastos

A Alcaldesa e a Concelleira quixeron coñecer de primeira man a opinión dos comerciantes sobre a volta de novo a esta ubicación, que se completará este venres

Os vindeiros días procederase á apertura do túnel subterráneo que une o aparcadoiro de Santo Domingo coa praza, poñendo en valor os restos da calzada romana atopados na excavación para construír dito paso

Luns, 31 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez e Ana Prieto visitan aos comerciantes dos produtos autóctonos no seu traslado ao soto da Praza de Abastos

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, visitaron este luns aos comerciantes de produtos autóctonos no seu traslado ao soto da Praza de Abastos, que xa se iniciou o pasado venres. Tal e como subliñou a rexedora na visita, trátase de aproveitar o espazo central do soto a partir de agora, e en previsión do empeoramento das inclemencias climatolóxicas, unha vez emitidos os informes técnicos que garanten a seguridade e a salubridade en dito espazo.

Coa volta dos postos á Praza, os vendedores poden amosar máis comodamente e con máis amplitude as súas mercadorías e así mesmo, facilitarlle aos veciños e veciñas a compra de dito produtos.

Lara Méndez e Ana Prieto, que animaron a realizar as compras tanto na Praza como no Mercado, aproveitaron a visita para coñecer de primeira man a opinión dos comerciantes sobre a volta de novo a esta ubicación, que se completará este venres, ao tempo que lles anunciaron que os vindeiros días se procederá á apertura do túnel subterráneo que une o aparcadoiro de Santo Domingo coa praza, poñendo en valor os restos da calzada romana que se descubriron na excavación para construír este paso.

Así mesmo, a Alcadesa recoñeceu que faltan por acometer as obras da 3ª fase da Praza de Abastos, cuxo proxecto xa está redactado á espera dos trámites técnicos necesarios para desenvolvelo. O proxecto desta terceira fase non se podía completar sen estar practicamente rematadas as obras da 2ª fase, pois podían condicionar o plan de obra de dita última fase. Neste senso, o Concello adiantou xa algunha demolición, como a “dos mostradores de pedra” existentes no soto, en vista de ocasionar as menos molestias posibles aos consumidores e industriais na última fase.

O Goberno cree que a modernización da Praza suporá un motor comercial para a cidade, cun edificio renovado, máis moderno, pero coa esencia dun mercado tradicional, de comerciantes locais e con produtos de calidade. Nesta liña, o Goberno busca convertela nun espazo de vangarda, que lle aporte un valor engadido á cidade e que mellore tanto o posicionamento dos seus negocios como o desenvolvemento da economía local.

A Praza de Abastos de Lugo foi reformada recentemente, tanto no seu exterior -400.000 euros no cambio da cuberta do edificio e o acondicionamento exterior- como no seu interior –un millón de euros (financiados nun 80% pola Unión  Europea, a través do Plan Urban) en melloras de ampliación das zonas de tránsito (por exemplo abrindo ocos e liberando o espazo central do 1º andar), accesibilidade ou iluminación.

Audio

  • A Alcaldesa, Lara Méndez, sobre a Praza de Abastos | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez e Ana Prieto visitan aos comerciantes dos produtos autóctonos no seu traslado ao soto da Praza de Abastos

Noticias relacionadas