Lara Méndez destaca o “éxito económico e social” do San Froilán que supuxo un importante revulsivo para a hostalería e o comercio local

A rexedora fixo un balance “moi positivo” dunha nova edición das festas patronais, marcada polas limitacións de aforos e os protocolos sanitarios.

Lara Méndez: “O recinto feiral recibiu ao longo destes días máis de 178.000 visitantes, o que demostra o gran atractivo que supoñen as barracas”.

“Segundo os datos facilitados pola Apehl, a ocupación hoteleira rozou o 100% durante a ponte do Pilar, unha noticia moi positiva para Lugo”, subliñou.

O feiral acollerá hoxe a derradeira xornada con motivo do Día do Neno, durante o que as entradas para as atraccións terán un prezo reducido.

Mércores, 13 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez destaca o “éxito económico e social” do San Froilán que supuxo un importante revulsivo para a hostalería e o comercio local

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou este mércores o “éxito económico e social” do San Froilán 2021, unha edición marcada polas limitacións de aforos e os protocolos sanitarios con motivo da pandemia, que supuxo, a pesar disto, un importante revulsivo económico para a cidade, especialmente para a hostalería e o comercio local. Así, a rexedora fixo un balance “moi positivo” das festas patronais que congregaron a milleiros de persoas ao longo de nove días.

“Estamos moi satisfeitos do desenvolvemento desta nova edición do San Froilán, pese as dificultades e o escaso marxe temporal conseguimos que os barraquistas puideran retomar o seu traballo e contribuiran a dinamizar, deste xeito, as rúas da nosa cidade. O recinto feiral recibiu ao longo destes días máis de 178.000 visitantes, o que demostra o gran atractivo que supoñen as barracas”, explicou Lara Méndez.

Así mesmo, a rexedora apuntou que “segundo os datos facilitados pola Apehl, a ocupación hoteleira rozou o 100% durante a ponte do Pilar, unha noticia moi positiva para Lugo e para a reactivación económica do municipio”.

Por outra banda, a alcaldesa subliñou que “as festas tamén tiveron un compoñente social moi importante, pois os nenos e nenas merecían uns días de diversión despois destas etapas tan duras”. Neste senso, a rexedora destacou que “este ano os tickets para as atraccións tiveron de inicio un prezo máis reducido, co obxectivo de que todos os cativos e cativas puidesen gozar das barracas”, compromiso que acadou a rexedora por parte dos feirantes a cambio de non cobrarlles este ano as taxas.

Así mesmo, Lara Méndez lembrou que dende a área de Benestar distribuíronse medio millar de entradas, que os barraquistas fixeron chegar á alcaldesa, para regalar aos nenos das familias máis vulnerables dadas de alta no programa de Educación Familiar, coa finalidade de que ningún neno de Lugo se quedase sen subir ás atraccións da feira.

A rexedora tamén quixo agradecer novamente o comportamento exemplar da cidadanía dentro do recinto, e lamentou que tivesen que realizar colas para entrar. Así, Lara Méndez explicou que “as medidas establecidas buscaron priorizar a saúde en todo momento e manter controlados os aforos para evitar aglomeracións”.

O feiral pechará as súas portas hoxe co Día do Neno

O recinto feiral pechará hoxe as súas portas trala celebración do Día do Neno. A alcaldesa aceptou a solicitude dos barraquistas de poder continuar traballando no San Froilán unha xornada máis, co compromiso de reducir os prezos das entradas, que custarán 1,5 euros para os nenos e 2 euros para os adultos e a mocidade. O recinto abrirá no seu horario habitual nun día laborable, de 17.00 horas a 1.00 horas.

Finalmente, Lara Méndez agradeceu o esforzo levado a cabo polo persoal municipal para facer posible a organización do recinto “en tempo récord”. Así mesmo, quixo agradecer o “traballo realizado pola Policía Local, Protección Civil e os Bombeiros de Lugo, que fixeron que os días de festas se desenvolveran con total normalidade”.

O recinto feiral estivo acotado entre as Avenidas Rodríguez Mourelo – Praza de Avilés –e García Portela, a rúa Vila de Foz e o segundo bancal do Parque Rosalía de Castro até a explanada do Pavillón Municipal. Precisamente este último foi, xunto coa Porta de Bispo Aguirre e as rúas Armando Durán e Puro Cora os puntos de acceso, tanto de entrada como de saída, preferentes ao recinto.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a valoración do San Froilán| Descargar mp3

Noticias relacionadas