Lara Méndez destaca no VII Desfile de Gando San Froilán a importancia do sector primario na economía lucense

Sábado, 03 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu ao VII Desfile de Gando San Froilán, que se celebrou este sábado polas rúas do centro histórico de Lugo. O desfile, que reuníu a unha vintena de animais, entre eles un touro de 1.600 quilos, vacas ou burros; comezou no tramo peonil da Ronda da Muralla, continuando pola Praza da Constitución, Campo Castelo, Praza Maior e Bispo Aguirre. Durante esta mostra actuou o grupo Os campeiros de San Xoán do Campo.

“Este desfile recupera á perfección o espírito tradicional e típico das feiras do San Froilán de hai preto de 40 anos”, destacou Lara Méndez, quen tamén quixo recoñecer de xeito público o labor dos gandeiros do Concello de Lugo e de toda a provincia, onde o sector primario é un piar fundamental, “un labor máis recoñecido aínda nestes momentos nos que os que vos dedicades ao sector lácteo estades pasando a maior crise da historia”.

Ao desfile tamén asistiu a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández; a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro.

Noticias relacionadas