Lara Méndez destaca a necesidade de que se avance na firma do convenio da Intermodal para que as tres administracións traballen en paralelo

A alcaldesa de Lugo destacou que ante os avances de ADIF hai que establecer xa as responsabilidades e os recursos de financiamento da infraestrutura

A presidenta de ADIF tamén incidiu en dar pasos cara a este convenio unha vez que xa licitou o proxecto básico e de construción da estación de Ferrocarril

A alcaldesa reuniuse hoxe coa presidenta de ADIF e a conselleira de Infraestruturas para analizar os avances da estación “imprescindible para garantir o AVE a Lugo”

As tres administracións acordaron volver a reunirse despois do verán para poder materializar o convenio

Luns, 29 de xullo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez destaca a necesidade de que se avance na firma do convenio da Intermodal para que as tres administracións traballen en paralelo

ADIF licitou a redacción dos proxectos básico e de construción da nova estación de ferrocarril de Lugo e do aparcadoiro de vehículos ligado ás futuras estacións de ferrocarril e autobús, todo iso no marco da nova área de transporte Intermodal deseñada para a cidade. Así o anunciou hoxe a presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, que mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

O contrato de redacción de proxectos, só pendente da súa firma tras resolverse o concurso de licitación, conta cun orzamento de licitación de 1.117.114 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 15 meses. O obxectivo é iniciar as obras durante o próximo exercicio 2020.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que desactivou no anterior mandato a construción da Intermodal paralizada polo Goberno central anterior, lembrou que  “é un proxecto imprescindible para o desenvolvemento da nosa cidade, que garante a chegada do AVE, e unha infraestrutura demandada por parte dos e das lucenses”.

Tanto a presidenta de ADIF como a alcaldesa Lara Méndez falaron da necesidade de firmar o convenio entre as tres administracións implicadas na Intermodal, Fomento (que executará a estación de trens), Xunta de Galicia (encargada da estación de autobuses) e o Concello de Lugo (responsable da urbanización) debido ao avanzado do proxecto.

O convenio establecerá as responsabilidades de cada unha das administracións e os recursos de financiamento que aportará cada unha.

Pardo de Vera sostivo que o importante é que as actuacións se vaian executando, preferentemente de xeito paralelo. “Diso deriva á necesidade deste convenio, para que cada administración traballe en paralelo para avanzar ao ritmo máis acelerado posible”. Lara Méndez incidiu igualmente en que “o protocolo xa está sobrepasado por los avances que se foron producindo”, por iso  “hai que materializar o convenio” tal e como  xa está asinado noutras cidades galegas onde se traballa na Intermodal como Ourense, Santiago e Vigo. “Lugo nin pode nin quere quedar atrás”, concluíu.

As tres administracións acordaron volver a reunirse despois do verán para poder materializar o convenio. 

A nova Estación Intermodal de Lugo suporá unha inversión estimada , segundo o anteproxecto, de entre 27’5 y 31’6 millóns de euros.

Noticias relacionadas