Lara Méndez destaca a importancia dunha educación e ocio seguro da mocidade nas XXXV Xornadas Penitenciarias Lucenses

Luns, 25 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez destaca a importancia dunha educación e ocio seguro da mocidade nas XXXV Xornadas Penitenciarias Lucenses

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou este luns as XXXV Xornadas Penitenciarias Lucenses, no Vello Cárcere, consolidadas xa como "unha cita imprescindible na reflexión social que este ano recupera a modalidade presencial despois de que a pasada edición tivera que levarse a cabo telemáticamente por mor da pandemia” destacaba a rexedora.

No acto, a rexedora enxalzou o papel da Asociación Concepción Arenal, organizadora desta cita, que “cumpre este ano 35 edicións e xa é todo un referente  na cidade de Lugo e nesta ocasión, o tema central serán as novas adiccións e novas formas de delinquir, relacionadas coa mocidade e o uso de dispositivos dixitais”.

Ademais, Méndez fixo fincapé que dende o Concello de Lugo “estamos a traballar en alternativas saudables e de lecer para a mocidade, poñendo á súa disposición de xeito totalmente gratuíto cursos de formación, obradoiros ou actividades deportivas e culturais, coas que queremos contribuír a unha educación e ocio seguro e responsable”. O Concello de Lugo a través dos centros educativos pretende chegar aos máis novos, “recentemente enviabamos o programa de actividades do Servizo de Prevención de Drogas e outras Adiccións para o curso 2021-2022, que inclúe accións que buscan educar e concienciar á mocidade lucense e ás familias sobre os efectos negativos do consumo de drogas” apuntaba Méndez.

Tras a inauguración, na que estiveron presentes a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, Elvira Fernández, presidenta da Asociación Concepción Arenal, tivo lugar a entrega das medallas Concepción Arenal a Carmen Tristán Antona, conselleira técnica da Unidade de Sistemas de Información e Documentación do Observatorio Español das Drogas e as Adiccións; Francisco Javier Fernández Eirós, técnico municipal do Servizo de Prevención de Drogas do Concello de Lugo; Ramón Pena Pérez, representante do Plan Director para a Convivencia e mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas contornas e Plan maior seguridade, da Comandancia da Garda Civil; Héctor Méndez Fernández, representante do Plan Director para a Convivencia e mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas contornas e Plan maior seguridade, da Comandancia da Garda Civil  así como ao Servizo de audiovisuais da Deputación de Lugo, e a AGALURE (Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación).

Multimedia

  • Lara Méndez destaca a importancia dunha educación e ocio seguro da mocidade nas XXXV Xornadas Penitenciarias Lucenses

Noticias relacionadas