Lara Méndez destaca a calidade e o prestixio do Máster oficial en Dirección de Proxectos do Campus de Lugo, “que é xa internacional”

Nesta formación participan 23 alumnos de seis nacionalidades diferentes, procedentes de quince universidades de todo o mundo.

Xoves, 16 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez destaca a calidade e o prestixio do Máster oficial en Dirección de Proxectos do Campus de Lugo, “que é xa internacional”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu hoxe ao acto de inicio da 14ª edición do Máster oficial en Dirección de Proxectos, no que participan 23 alumnos de seis nacionalidades: España, Arxentina, China, Perú, Italia e Venezuela, que proceden de quince universidades.

A rexedora felicitou ao Campus de Lugo pola organización deste Máster e agradeceu o labor do equipo docente e a súa gran valía. Sinalou que a dirección de proxectos “é totalmente transversal hoxe en día, non só no ámbito da enxeñería civil”, e incidiu en que a calidade deste Máster sitúa a Lugo no panorama internacional, “o que é  importantísimo para a Universidade pero tamén para o desenvolvemento da nosa cidade” apuntou.

Lara Méndez deu unha cálida benvida aos novos alumnos ao tempo que os convidou a coñecer a cidade desde o punto de vista patrimonial, gastronómico e de ocio, “ou mesmo aproveitade estes días e gozade da celebración do Caudal Fest. E se despois deste Máster queredes voltar a Lugo, os acolleremos cos brazos abertos”, comentou

Carlos Amiama, coordinador do Máster, lembrou o apoio de Lara Méndez cando era vicepresidenta da Deputación, “que foi fundamental para que puidese ter continuidade”. Desde entón, pasaron máis de 300 directores de proxectos. Póla súa banda, o Director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta, explicou que é un máster con gran prestixio en Europa e moi recoñecido polas empresas, e agradeceu a implicación desinteresada dos profesores que imparten as clases.

O acto celebrouse na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Á mesma acudiron a vicerreitora do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o Coordinador do Máster, Carlos Amiama Ares; o Director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta García, e a Deputada Provincial, Pilar García Porto.

O Máster de Dirección de Proxectos, da unha resposta a unha demanda crecente de profesionais tanto desde o ámbito particular, como da Administración e a empresa. Pretende proporcionar aos estudantes unha formación técnica e metodolóxica avanzada e de calidade nos aspectos teóricos e prácticos que son de aplicación no ámbito da dirección de proxectos e por tanto axudar a posta ao día de profesionais neste ámbito, así como tamén potenciar a súa especialización.

Noticias relacionadas