Lara Méndez convocará á veciñanza de Marqués de Ombreiro para presentarlles as alternativas de mellora do Carril Bici

A rexedora advirte que a senda ciclista, aínda en execución, non está concluída e que os técnicos municipais traballan dende hai semanas en estudar a viabilidade das propostas dos residentes tanto desta zona como da Residencia.

Mércores, 30 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez convocará á veciñanza de Marqués de Ombreiro para presentarlles as alternativas de mellora do Carril Bici

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convocará nos vindeiros días á veciñanza de Marqués de Ombreiro para presentarlles, in situ, as alternativas, elaboradas polos técnicos municipais, ao proxecto do Carril Bici nesta zona.

“Sensibles ás preocupacións que nos comunican”, a rexedora explicou que “dende hai varias semanas, o persoal vinculado ao desenvolvemento desta iniciativa, incluída na Estratexia Dusi Muramiñae, está a estudar as alternativas que poidan mellorar a senda ciclista ao seu paso pola zona, ao mesmo tempo que avalían as propostas trasladadas polos lucenses que viven no barrio da Residencia e polo que discorre parte do itinerario de 14 quilómetros que comprende a actuación coa que se unen 8 barrios da cidade e a cotorna fluvial”.

Lara Méndez lembra, así mesmo, que os traballos aínda non finalizaron, de maneira que a configuración que amosa neste intre o Carril Bici non é a definitiva “e a prevista xa contempla moitas das demandas realizadas pola cidadanía e outras que a veciñanza trasladou ao persoal municipal nestas últimas semanas co obxectivo de reverter as disfuncións propias da execución dunha obra deste calado”.

“Algunhas das tarefas, especialmente as que dependen das condicións climatolóxicas, están sen acometer e antes de concluílas agardamos poder resolver con outras opcións as melloras necesarias para que esta infraestrutura consiga conciliar as necesidades da poboación co modelo de mobilidade e cidade sostible que estamos a construír”, afirmou a alcaldesa.

Noticias relacionadas