Lara Méndez convida á veciñanza a disfrutar do renovado parque infantil de Augas Férreas, que se ampliou e onde se cubriu a zona de xogos

A alcaldesa de Lugo e o edil de Medio Ambiente compartiron esta tarde a reapertura das instalacións, que ocupan unha superficie 400 m2, coa veciñanza do barrio e arredores.

As obras, nas que se investiron 166.00 euros, incluíron tarefas de acondicionamento e a incorporación de novas atraccións como un rocódromo e un pórtico triplo.

Lara Méndez: “Seguimos mellorando dotacións públicas para disfrute da cidadanía, ao tempo que habilitamos espazos de socialización e de conciliación familiar”

A rexedora lembrou que o Concello prosegue coa preparación de proxectos para ir mellorando os parques da cidade tras o estudo previo realizado por Medio Ambiente.

Xoves, 23 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez convida á veciñanza a disfrutar do renovado parque infantil de Augas Férreas, que se ampliou e onde se cubriu a zona de xogos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, convidan a cidadanía a desfrutar do parque infantil de Augas Férreas, que reabriu esta tarde ao público trala súa ampliación e a instalación da cuberta. Fixérono acompañados de ducias de veciños, moitos deles nenos e nenas, que puideron desfrutar das renovadas instalacións, nas que o executivo municipal investiu un total de 166.400 euros.

Lara Méndez apuntou que “estamos moi satisfeitos de reabrir este parque, pois trátase dun espazo moi empregado polos veciños e veciñas do barrio como zona de encontro e de lecer, deste xeito, seguimos mellorando dotacións públicas para disfrute da cidadanía, ao tempo que habilitamos espazos de socialización e de conciliación familiar para os e as lucenses, dentro do noso modelo de cidade verde e sostible”.

A rexedora destacou, ademais, a importancia de dispoñer de zonas de ocio cubertas, “para que a veciñanza as poida utilizar todo o ano, e máis agora que tras a pandemia buscamos zonas ao aire libre”. O de Augas Férreas é o terceiro parque infantil con cuberta de Lugo, xunto co de Agro do Rolo, que se cubriu no mandato pasado, e o do parque de Feiras.

Con estes traballos, o parque aumentou un terzo o seu tamaño. A superficie final habilitada como área de xogos é de case 400 m2 (396.88 m2), dos cales 236 m2 coinciden coa área existente e 160 m2 coa ampliación. O parque conta cun perímetro en forma de “L” que resulta da agregación de dous rectángulos de dimensións 13.11 x 18.05 metros e 6.42 x 24.97 metros, coincidentes coas áreas existente e ampliación respectivamente.

Actuacións realizadas

As obras incluíron tres tipos de actuacións principais. Por un lado, leváronse a cabo tarefas de acondicionamento que incluíron:

  • A retirada e substitución do pavimento e céspede artificial existente, para a colocación dun novo pavimento de caucho amortiguante na totalidade da área de xogos.
  • Traballos de posta a punto en xogos existentes incluíndo o lixado, saneamento e vernizado das pezas de madeira; lixado e esmaltado con tratamento antioxidante dos elementos metálicos, incluíndo repasos de  tornillería, ancoraxes, etcétera.
  • A retirada e recolocación do valado de aceiro inoxidable, así como a retirada do bordo perimetral para consecución dunha única cota e reparación da superficie afectada.
  • E, por último, a recolocación e reordenación dos xogos existentes.

A actuación tamén contemplou a ampliación do parque coa:

  • Instalación dun novo xogo infantil de escalada ao aire libre (rocódromo) para  nenos de 5 a 8 anos, dunha altura total máxima de 3 metros e cunha área de seguridade de 52 m2.
  • E a instalación dun novo pórtico triplo, composto por un asento niño e dous asentos planos, un inclusivo e o outro para bebés, e todo iso cunha área de seguridade que ocupa unha superficie de 19 m2.

Os traballaron completáronse coa cubrición completa do parque, mediante a colocación dunha estrutura con pórticos de aceiro e a base de placas de policarbonato translúcidas. A altura libre baixo a nova cuberta é dun mínimo de 2,51 metros na fachada suroeste e dun máximo de 5,29 metros na fachada noroeste, quedando accesibles a totalidade das fachadas ao non proxectarse cerramentos.

Melloras en parques infantís

Lara Méndez lembrou que “con esta intervención, o goberno local leva investidos máis de 600.000 euros nos parques infantís do municipio durante os últimos dous anos, dentro da nosa aposta por un modelo de mellora dos espazos públicos onde a veciñanza pode interrelacionarse”. Neste senso, lembrou que o Concello segue a traballar en proxectos para mellorar os parques infantís da cidade, tras o estudo previo realizado por Medio Ambiente sobre o estado dos mesmos.

“Recentemente estreamos o renovado parque Novo Freire, onde habilitamos unha zona de xogos infantís, unha zona deportiva para adolescentes, e unha zona  de máquinas biosaudables para adultos, ademais dun área de descanso, creando zonas de ocio saudable para todas as idades, tamén co fin de potenciar as relacións interxeracionais e facilitar a conciliación”, apuntou.

Ademais, esta actuación se suma a execución doutros novos espazos urbanos verdes e de lecer para a cidadanía, como o novo parque situado entre as rúas Manuel María e Túnel de Oural, na Piringalla. Así mesmo, neste mandato realizáronse melloras na zona recreativa de Aquilino Iglesia Alvariño, púxose en marcha un novo parque infantil na Praza de Bretaña e ampliáronse os parques infantís de Campo Castelo e Albeiros. Tamén se procedeu a acondicionar o parque Gallego Tato e a restaurar da pérgola da praza Viana do Castelo, entre outras intervencións.

Noticias relacionadas