Lara Méndez convida a participar no primeiro magosto que se desenvolverá no novo pulmón verde LIFE das Gándaras

O alcaldesa de Lugo tamén dará a coñecer ese día nunha visita guiada os proxectos que se desenvolven neste espazo, vinculados co deseño das cidades sostibles do futuro

“É unha oportunidade de descubrir verdadeiras xoias da natureza de Lugo así como as iniciativas que están a converter Lugo nun referente europeo”, sostén a rexedora

A xornada, coa que colabora o Campus Terra, terá lugar o vindeiro sábado, 14 de decembro, ás 12.00 horas

Martes, 10 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez convida a participar no primeiro magosto que se desenvolverá no novo pulmón verde LIFE das Gándaras

O Concello de Lugo, impulsor do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, organizará o vindeiro sábado, 14 de decembro, a partir das 12.00 horas, unha visita guiada e aberta a toda a veciñanza ao novo pulmón verde da cidade creado nas Gándaras, que finalizará ás 13.00 horas cun  magosto, o primeiro que se organiza nesta zona.

A alcaldesa Lara Méndez convida á cidadanía a participar e a coñecer, da man dos expertos do Campus Terra, os proxectos que alí se desenvolven no marco da estratexia LIFE, coa que Lugo deseña as cidades sostibles do futuro utilizando a madeira como elemento estrutural das edificacións.

Así, está previsto percorrer os diferentes puntos de actuación do proxecto, como o Arboretum de especies autóctonas, a plantación de frondosas para a produción de madeira de calidade, a zona dedicada aos cultivos enerxéticos para a elaboración de biomasa ou a recuperación do humidal e o bosque de ribeira que o rodea, que vai ser declarado ENIL (Espazo Natural de Interese Local). O roteiro finalizará na carpa instalada na zoa do Souto, onde se repartirán castañas entre todas os asistentes.

A rexedora anima a acudir a toda a veciñanza, “é un bo día para desfrutar en familia e amigos, que terá a oportunidade de descubrir verdadeiras xoias da natureza de Lugo así como algúns dos proxectos que están a situar a Lugo como un referente no ámbito europeo”.

Toda esta área de actuacións coñécese coma o novo Pulmón Verde de Lugo, situado entre os polígonos das Gándaras e o Ceao onde, en colaboración co Campus Terra da USC, se está a investigar o potencial da produción de madeira como produto renovable, reciclable, neutro en emisións de carbono, de elevada eficiencia enerxética e de gran calidade para distintas transformacións industriais. O obxectivo deste proxecto LIFE é actuar coma un revulsivo a nivel empresarial e industrial, transformando o modelo económico da cidade e xerando novos empregos verdes.

Como destacou a rexedora de Lugo, Lara Méndez, na presentación que realizou deste proxecto a semana pasada no Cumio do Clima de Madrid (COP25), este novo pulmón verde de 16 hectáreas completa o Cinto Verde de Lugo “xerando un espazo que mellora a calidade do aire da contorna, fomentando a absorción de CO2 e axudando á recuperación de especies de flora e fauna”.

Mediante esta visita o Concello tamén quere impulsar a divulgación das diferentes actuacións vencelladas á bioeconomía que se están a desenvolver no municipio. Con este obxectivo programáronse durante os meses de novembro e decembro uns obradoiros de poda de castiñeiros, de balde e abertos a toda a veciñanza, destinados a calquera persoa interesada en fomentar e mellorar a produción dun dos recursos naturais máis valiosos de Lugo. As inscricións continúan abertas para as quendas do 16 e o 23 de decembro, a través do formulario web www.lugobiodinamico.eu/obradoiropoda

A través do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, o Concello de Lugo está a impulsar un novo modelo de cidade que camiña cara un desenvolvemento urbano sostible, co obxectivo de transformar Lugo nun modelo europeo de cidade resiliente, pioneiro na loita contra o cambio climático. Neste proxecto, o Concello de Lugo está acompañado da Deputación de Lugo e tamén conta co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidad Politécnica de Madrid. Toda a información relativa ao proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, as súas actividades e accións de divulgación está recollida na web lugobiodinamico.eu e nos espazos en redes sociais deste proxecto europeo.

Noticias relacionadas