Lara Méndez convida á cidadanía a participar nos actos para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia e Xénero

Os acto institucional comezará ás 17:30 horas na praza de Santo Domingo, onde se lerá un manifesto, a cargo de Rosa Arcos Caamaño.

Ás 18:30 horas, o Auditorio de O Vello Cárcere acollerá a mesa de diálogo “Violencia de xénero dixital: as sombras tras a luz da pantalla”.

Mércores, 24 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez convida á cidadanía a participar nos actos para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia e Xénero

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convida á cidadanía a participar nas actividades organizadas polo Concello para reivindicar a igualdade o vindeiro xoves, 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia e Xénero.

Os acto institucional, comezará ás 17:30 horas na praza de Santo Domingo, onde se lerá un manifesto, a cargo de Rosa Arcos Caamaño, feminista e activista, ademáis de directora e coordinadora de proxectos relacionados coa igualdade, a loita contra a violencia de xénero, o emprendemento, o empoderamento e a formación e capacitación das mulleres no ámbito rural e socia de honra e fundadora da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR GALICIA), da que foi presidenta durante máis de 14 anos e en cuxa directiva permanece a nivel estatal. No acto tamén actuará o coro ‘Cantar Delas’.

Unha vez finalizado o acto, ás 18:30 horas, o Auditorio de O Vello Cárcere acollerá a mesa de diálogo “Violencia de xénero dixital: as sombras tras a luz da pantalla”, moderada por Dolores Varela Salgueiro, do Foro Feminista de Lugo e na que participarán: Encarni Iglesias Pereira, Presidenta da Asociación STOP! Violencia de Género Digital; Santiago Martínez Pardo, membro do grupo de Investigadores Doctorais da Universidade de Vigo, no programa de Xestión e Resolución de Conflictos, Menores, Familia e Xustiza Terapéutica.; Rebeca Pilar Díaz Redondo, investigadora da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVIGO, e María Murnao, máis coñecida como Feminista Ilustrada, unha influencer española  que conta con máis dun millón de seguidores en redes sociais.

A Concellería de Muller e Igualdade centra o 25N este ano na sensibilización sobre a violencia de xénero dixital, que crece á par da auxe das novas tecnoloxías, cobrando cada vez máis incidencia en todos os ámbitos.

De feito, nos últimos seis meses triplicáronse o número de incidentes, segundo datos do Observatorio Español de Delitos Informáticos (OEDI). Ademais, nos últimos seis anos duplicáronse as víctimas de delitos sexuais por cibercriminalidade, de 412 en 2013 a 829 en 2019, segundo os últimos datos dispoñibles do Ministerio de Interior. Tomando como base estas mesmas cifras do Ministerio, o 86% das víctimas de acoso sexual por cibercriminalidade foron mulleres, ao igual que o 71% das víctimas por grooming, como se coñece ao delito de contacto con menores de 16 anos con fins sexuais mediante a tecnoloxía.

A maiores, un estudo, realizado por BTR Consulting e publicado neste 2021, arroxa que as mulleres son as principais víctimas de acoso, extorsións e outras formas de agresión que se producen a través das novas tecnoloxías (redes sociais, aplicacións de mensaxería, etc.). O 60% das usuarias de RRSS experimentaron algún tipo de abuso online durante a pandemia da COVID-19.  Segundo as Nacións Unidas, as mulleres teñen 27 veces máis probabilidades de ser atacadas en Internet que os homes.

Encarni Iglesias Pereira, Presidenta da Asociación STOP! Violencia de Género Digital.

Esta asociación creouse no ano 2016 para dar unha resposta integral ás víctimas de delitos informáticos como o ciberacoso en redes sociais. Encarni Iglesias animouse a crear a asociación a raíz da súa dura experiencia. Dende STOP! Violencia de Género Digital realizan un traballo de acompañamento e asesoramento ás víctimas a través de profesionais como traballadores/as sociais, avogados/as, psicólogos/as, etc.

Santiago Martínez Pardo, funcionario de Policía Local. É membro do grupo de Investigadores Doctorais da Universidade de Vigo, no programa de Xestión e Resolución de Conflictos, Menores, Familia e Xustiza Terapéutica. Delegado en Galicia da asociación STOP! Violencia de Género Digital e responsable da área de Investigación e Análise Operativo.

Rebeca Pilar Díaz Redondo, dirixe a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo e é investigadora da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVIGO. É a investigadora principal do proxecto Identificación de comentarios sexistas nas redes sociais mediante técnicas de IA, que presentará na mesa.

Feminista Ilustrada, María Murnao, crea a esta influencer no 2015 co obxectivo de visibilizar a violencia machista e sensibilizar á poboación para combatela en conxunto e dende o día a día. Dende os seus inicios foi un éxito e converteuse na páxina feminista en español con máis seguidores do mundo. Conta con máis dun millón de seguidores en redes sociais. Activista feminista, María de Pando Tamayo (María Murnao) é unha recoñecida escritora e ilustradora. Ten publicados catro libros: Feminismo ilustrado. Ideas para combatir el machismo (2017), Diario de una rebelde. Guía de Insumisión y Supervivencia (2019), No puedo vivir sin mí (2019) e Manual para incendiar el paraíso. La revolución prohibida de las mujeres (2020).

Noticias relacionadas