Lara Méndez convida aos colectivos do Arde Lvcvs a manter as actividades culturais todo o ano para contribuír a paliar a perda económica da anulación da festa e manter vivo o seu espírito

A alcaldesa de Lugo pediu a colaboración das asociacións “porque debemos reinventarnos xuntos e ir adaptando os formatos da festa á evolución da pandemia”

O Concello busca tamén proxectar este ano, á celebración no 2021, do XX aniversario da celebración e conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional

A rexedora lembroulles que o orzamento municipal xa se está a articular para afrontar a crise sanitaria, económica e social “para que ningún veciño se quede no camiño”

O Goberno local pediralle á Xunta e á Deputación que manteñan o seu compromiso económico coa celebración, así como aos patrocinadores privados

Martes, 28 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez convida aos colectivos do Arde Lvcvs a manter as actividades culturais todo o ano para contribuír a paliar a perda económica da anulación da festa e manter vivo o seu espírito

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Xuventude, Ana González Abelleira, convidaron ás asociacións do Arde Lvcus a manter as actividades culturais previstas para esta festa de recreación histórica romano-castrexa, para, por un lado, manter o espírito e a chama da celebración, que se anulou con motivo da pandemia, así como para manter as axudas e os contratos que se desenvolven con estes colectivos. “Debemos reiventarnos por unha cuestión anímica, de insuflar optimismo á veciñanza, pero tamén para soster unha parte da economía vinculada a esta celebración e que afecta a moitas empresas e negocios locais, que van sufrir especialmente coa anulación”, sostivo a rexedora.

A rexedora mantivo unha primeira xuntanza telemática cos 19 colectivos que participan na organización do Arde Lucus, “xa que, se fomos capaces xuntos de converter esta festa nun referente de ámbito galego e estatal, xuntos seremos capaces de afrontar este novo reto de adaptarnos a esta crise sanitaria, pero que tamén é xa económica e social”, sostivo.

O concello e as asociacións tamén valoraron a fixación dun novo calendario e incluso de novos escenarios para a celebración das actividades, como chegar tamén aos barrios, “para que se poidan desenvolver as actividades durante todo o ano, pero iremos vendo en que formatos, presenciais, telemáticos ou de outra índole, para ir adaptándonos segundo avance a pandemia e a desescalada do confinamento”, afirmou Lara Méndez. Engadiu que “queremos que esta ampliación do calendario sirva tamén de apoio para outros dous grandes retos do Arde Lucus para o vindeiro ano: celebrar o seu XX aniversario ao grande e preparar a festa para a consecución da declaración de Festa de Interese Turístico Internacional”, segundo afirmou Lara Méndez.

A alcaldesa amosou a súa preocupación, compartida por todas as asociacións, polo prexuízos económicos que suporá a anulación desta festa, así como a posibilidade de que non se celebre tampouco o San Froilán ou o Caudal Fest. Neste sentido, avanzoulles que o Concello está a traballar en medidas para intentar paliar a situación de sectores como o hostaleiro, hoteleiro e os comercios que se verán máis afectados. Neste sentido, lembroulles que “o orzamento municipal se está adaptando á situación actual e que xa se están articulando medidas para afrontar a situación que sufrimos e procurar que ninguén quede no camiño”, sostivo.

Ademais, avanzou que se pedirá tanto á Xunta de Galicia como á Deputación que manteñan os seus compromisos económicos co Arde Lvcus, así como aos patrocinadores privados, “porque como non nos cansamos de dicir, debemos traballar todos xuntos para protexer á nosa cidadanía e á economía”.

A alcaldesa e a concelleira de Xuventude escoitaron todas as propostas e preocupacións dos colectivos, agradeceron a súa implicación e quedaron en manter novas reunións para ir perfilando toda a estratexia.

Audio

  • A alcaldesa, Lara Méndez, durante o encontro telemático coas asociacións do Arde Lucus | Descargar mp3

Noticias relacionadas