Lara Méndez coñece de primeira man o proxecto pioneiro que xerará hidróxeno verde no polígono de As Gándaras

Mércores, 03 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez coñece de primeira man o proxecto pioneiro que xerará hidróxeno verde no polígono de As Gándaras

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo un encontro con representantes da empresa lucense Norvento e Nedgia, distribuidora do gas do grupo Naturgy, para coñecer de primeira man un proxecto pioneiro que busca xerar hidróxeno verde no Centro de Innovación de Norvento do polígono de As Gándaras para o seu uso propio e para inxección na rede de Nedgia en Galicia.

Lara Méndez sinalou a importancia destas iniciativas “pola súa concepción sostible e de eficiencia enerxética”, e destacou a implantación deste proxecto pioneiro en Lugo, nunha cidade, lembrou a  rexedora, que “está a ter un papel destacado, moi activo e punteiro na loita contra o cambio climático e que xa ten acadado importantes recoñecementos a nivel nacional e internacional”.

Así mesmo, incidiu en que o Concello lucense ten en marcha a Estratexia Lugo Transforma, coa “mobilizaremos 12 millóns de euros, o maior investimento que estamos a facer na nosa historia coa finalidade de promover a diversificación industrial e atraer novos negocios, creando emprego de calidade en sectores estratéxicos polo seu alto impacto social, innovador e medio ambiental, en consonancia co noso modelo de cidade verde”.

Este proxecto, pioneiro para xerar hidróxeno verde no Centro de Innovación de  Norvento do polígono de As Gándaras prevé un investimento de 7,5 millóns de euros, optará a fondos europeos e terá capacidade para xestionar unha media anual de 55.000 toneladas de residuos orgánicos.

Noticias relacionadas