Lara Méndez compromete o apoio do Concello de Lugo á recuperación e recoñecemento da Vía Künig

A alcaldesa asinaba esta mañá un convenio co resto de rexedores dos municipios polos que transcorre esta ruta de peregrinaxe co obxectivo de poñela en valor

A administración acomete estes días a instalación de sinalización no itinerario que cruza o municipio por valor de 6.000 euros

A Vía Küning é unha variante medieval do Camiño Francés ao seu paso pola provincia de Lugo que aspira a ser oficial como roteiro xacobeo

Venres, 20 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez compromete o apoio do Concello de Lugo á recuperación e recoñecemento da Vía Künig

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, comprometía, coa súa sinatura, o apoio do Concello á difusión e posta en valor da Vía Künig, unha variante medieval do Camiño Francés ao seu paso pola provincia, que aspira a ser oficial como roteiro xacobeo.

A rexedora ratificaba mediante a realización dun convenio, aprobado en Xunta de Goberno o pasado 21 de outubro, a aposta da institución por acadar unha maior proxección e recoñecemento deste itinerario que tamén atravesa os municipios de As Nogais, Becerreá, Baralla e O Corgo.

Os rexedores destas catro localidades - Jesús Manuel Núñez Díaz, Manuel Martínez Núñez, Miguel González Piñeiro e Felipe Labrada Reija, respectivamente - subscribían, hoxe, igualmente, o documento, que terá unha vixencia de dous anos e polo que cada unha das administracións aportará 3.000 euros.

“Unha achega simbólica, referiu Lara Méndez, pero que permitirá neste tempo desenvolver actuacións importantes como a creación de cartografía dos traxectos, acometer a limpeza dos mesmos ou incidir na súa promoción, xa que esta colaboración exercerá de eixo coordinador de todas as inicitivas en torno a Vía Künig pero servirá tamén para fomentar o seu estudo e investigación en prol da súa recuperación xa que a riqueza natural, cultural e patrimonial que posúe será un revulsivo económico para toda a rexión”, sinalou.

Neste mesmo senso, Lara Méndez avanzou que estes días o Concello de Lugo está a traballar na instalación de sinalización que advirta da existencia do roteiro en 43 puntos do municipio por valor de 6.000 euros. “Un proceso que se viu ralentizado pola pandemia e que, neste intre, inclúe a colocación de 28 placas indicadoras”.

Dende o goberno lémbrase tamén que os peregrinos que percorren a Vía Küning poden selar as súas credenciais na Casa Consistorial sita na Praza Maior.

Multimedia

  • Lara Méndez compromete o apoio do Concello de Lugo á recuperación e recoñecemento da Vía Künig

Noticias relacionadas